En portada (1164)

SERVICIO_QUEROTEA Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, a través do servizo Quérote +, desenvolveu hoxe en colaboración co equipo de investigación tecnolóxica da Garda Civil un obradoiro de ciberbullying no colexio Manuel Peleteiro de Santiago con motivo do Día Mundial da Seguridade en Internet. ‘Convivencia e redes sociais’ é o título destes talleres onde se abordan os comportamentos e aptitudes para evitar casos de acoso escolar ou de acoso informático.

Trátaste dun dos 26 obradoiros deste tipo que se están a celebrar ao longo do curso escolar 2011-2012 na provincia da Coruña e que están dirixidos tanto a mozos e mozas como aos seus pais e nais. De feito, Xuventude e a Garda Civil xa realizaron 20 cursos e están pendentes a organización doutros 6 en diferentes institutos e escolas de pais e nais da provincia.

O responsable de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou o obradoiro celebrado no centro educativo Manuel Peleteiro co obxectivo de difundir entre os mozos e mozas a importancia de navegar con seguridade pola rede. “Con estes obradoiros queremos dotar aos alumnos da ESO das ferramentas necesarias para acadar esta seguridade tanto desde os ordenadores como desde os móbiles”, apuntou.

Rodeiro explicou, así mesmo, que a colaboración entre o servizo Quérote + e a Garda Civil xurdiu ao ser complementarios dous enfoques da seguridade en Internet. Desta forma, a Dirección Xeral de Xuventude centra o seu labor en reforzar certas habilidades e destrezas que lles axuden aos mozos e mozas a resolver os conflitos, sen que cheguen a producirse situacións máis graves.

Pola súa banda, a Garda Civil traballa desde a actuación ante situacións reais xa de conflito, é dicir, dando pautas de actuación e dando a coñecer o labor dos axentes ante este tipo de situacións. “Son polo tanto actuacións a niveis diferentes que se complementan e aportan ingredientes distintos”, subliñou Rodeiro.

Por outro lado, o director xeral de Xuventude lembrou que os obradoiros de ciberbullying non son os únicos que organiza o servizo Quérote +. Así, destacou que o curso 2011/2012 rematará coa celebración de máis de 2.300 talleres que versarán sobre tres temáticas diferentes: ‘Afectividade, sexualidade e imaxe corporal’ que aborda as problemáticas que xorden a través dos conflitos que teñan como base estas tres circunstancias; ‘Prevención de consumos’, que trata os problemas derivados das drogas e de outras substancias nocivas, poñendo en valor o ocio alternativo entre os mozos e mozas; e os centrados en ciberbullying.

No curso pasado, 2010-2011, os obradoiros de Xuventude chegaron a máis de 44.000 mozos e mozas de 243 institutos de Educación Secundaria e 178 centros de Formación Profesional, unha cifra que, segundo resaltou o director xeral, se prevé incrementar este curso poñendo a disposición de todos os centros de secundaria esta programación.

Así mesmo, Rodeiro explicou que, ademais dos centros educativos, estas iniciativas tamén se ofertan a outros colectivos como asociacións xuvenís, oficinas de información xuvenil, entidades ou ás asociacións de pais e nais dos propios colexios e institutos.

Por último, o director xeral de Xuventude sinalo que a intervención dos técnicos do servizo Quérote + realízase tanto a nivel individual como grupal. De maneira individual, a través de consultas dos usuarios, de xeito presencial nas oficias deste servizo, por medio de chamadas telefónicas ou preguntas on line. De maneira grupal, mediante accións formativas, a través das mesas informativas, da participación en congresos e eventos de interese para a mocidade e dos programas de mediación xuvenil.

  • Unha das características máis salientables do anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia é o cambio do actual modelo de participación xuvenil cara “un verdadeiro” sistema de representación da mocidade
  • O novo texto facilita a incorporación de todas as asociacións xuvenís ao Consello Asesor e Consultivo de Xuventude xa que se elimina o requisito actual polo que unha asociación non podía formar parte deste órgano sen contar co visto e prace das entidades preponderantes
  • O Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia, como instrumento de planificación plurianual, considérase un elemento de gran importancia para a toma de decisións a medio prazo e pasará a ter un carácter vinculante, xa que se deberá aprobar por acordo do Consello da Xunta

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde ao anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia, que responde a unha débeda pendente coa mocidade galega, xa que desde a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia no ano 1981, houbo varias tentativas de aprobar unha Lei para a xuventude, sen que chegasen a obter ningún resultado.

O anteproxecto da Lei de Xuventude de Galicia, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar, garantirá a transversalidade administrativa das políticas da Xunta dirixidas á mocidade. O texto lexisla a acción unitaria de goberno e a coordinación dos diferentes departamentos da Administración á hora de poñer en práctica medidas que afecten á xuventude. Esta planificación das políticas de mocidade efectuarase a través da elaboración en cada lexislatura dun Plan Estratéxico de Xuventude, que pasará a ter un carácter vinculante, xa que se deberá tramitar como acordo do Consello da Xunta de Galicia.

Nesta materia, é necesario reforzar a transversalidade e coordinación das políticas públicas destinadas á xuventude. Deste xeito, o anteproxecto de Lei conta con dez eixos básicos vinculados ás directrices europeas en materia de xuventude e que deben ser potenciados a través da coordinación entre todos os axentes implicados. Estes eixos relaciónanse coa educación; emprego; creatividade e espírito emprendedor; vivenda; saúde e deporte; participación e asociacionismo; voluntariado; información e formación; mobilidade e turismo xuvenil; e normalización lingüística.

Ademais a nova Lei crea dous instrumentos que farán posible a consecución dos obxectivos de unificar a normativa e reforzar a transversalidade das políticas de mocidade: o Plan Estratéxico de Xuventude de Galicia e o Comité de Políticas de Xuventude de Galicia.

Unha das características máis salientables do anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia é o cambio do actual modelo de participación xuvenil cara “un verdadeiro” sistema de representación da mocidade. O texto propón a creación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, un órgano colexiado, independente e aberto a todas as asociacións xuvenís, que reforza e impulsa a participación da mocidade e da sociedade civil nos temas de interese para a xuventude.

Precisamente, o novo texto facilita a incorporación de todas as asociacións xuvenís ao Consello, xa que se elimina o requisito actual polo que unha asociación non podía formar parte deste órgano sen contar co visto e prace das entidades preponderantes. Tamén se facilita e se promove a creación dos consellos locais de xuventude, co obxectivo de achegar o novo modelo de participación e dar máis protagonismo aos concellos. As asociacións xuvenís e máis os consellos locais terán garantido con este anteproxecto unha representación de, polo menos, o 51% dos votos no Consello.

Ademais de fomentar a participación xuvenil, o anteproxecto tamén dota de máis competencias ao Consello, ao asumir este as funcións do Observatorio Galego de Xuventude, que na actualidade depende directamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O texto tamén contempla a creación da Escola Galega de Xuventude como órgano especializado na educación non formal relacionada coa mocidade. Esta escola velará polo nivel técnico das ensinanzas impartidas polas escolas de tempo libre, ademais de avaliar e conformar os cursos que impartan. Tamén elaborará a programación anual de cursos e actividades formativas para que teñan un carácter estratéxico e innovador, e emitir os informes e realizar os estudos que se lle soliciten.

Instituto da Xuventude

Outra das características desta Lei é a creación do Instituto da Xuventude de Galicia, como órgano técnico especializado, adscrito ao órgano directivo competente en materia de xuventude, e que terá como misión a materialización dos principios de información á xente nova, formación continua en materia de mocidade e asesoramento técnico en políticas públicas de xuventude. A posta en marcha do Instituto non suporá a creación dun novo ente administrativo, senón que terá unha configuración orgánica co nivel de subdirección xeral.

As funcións do Instituto da Xuventude de Galicia serán a planificación e supervisión das actividades formativas desenvolvidas pola Escola Galega de Xuventude; a planificación, promoción, organización e coordinación de actividades destinadas á xuventude, directamente ou en colaboración con asociacións xuvenís ou outras Administracións públicas, institucións e organismos públicos e privados; a coordinación, vixilancia e rexistro das instalacións xuvenís; e a coordinación da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia, entre outras.

Ademais inclúe a coordinación das axudas para o acceso da xente nova a determinados bens e servizos a través do carné xove, entre outros instrumentos; o fomento e a promoción de intercambios e mobilidade dos mozos e mozas con outras comunidades autónomas e países estranxeiros; a emisión de cantos informes lle sexan solicitados polo departamento de adscrición; e todas cantas lle sexan atribuídas expresamente por disposicións de carácter legal ou regulamentario.

De outra banda, o texto lexislativo tamén dá resposta á necesidade técnica de unificar e harmonizar toda a normativa anterior, antes dispersa. Así, a futura Lei derrogará a actual regulación do Consello da Xuventude de Galicia e o Decreto polo que se creou o Observatorio da Xuventude de Galicia.

Achegas da sociedade

Máis de 1.500 persoas, na súa gran maioría mozos e mozas de asociacións e grupos informais, participaron nos 39 foros de debate e encontros organizados pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, para difundir e debater o texto do anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia.

Ademais, a información sobre esta Lei foi tamén enviada a todos os concellos da Galicia, ás asociacións xuvenís, as escolas de tempo libre, aos 20.000 mozos e mozas da base de datos de usuarios dos programas de Xuventude e aos 6.000 seguidores dos perfís da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado nas redes sociais Facebook, Tuenti e Twiter.

MASTER

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela, a traves do Master Oficial en Xuventude e Sociedade organiza a Conferencia "Recursos e políticas públicas da xuventude en Galica".

Ponente:

Ovidio Rodeiro Tato

Director Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Destinatarios: A comunidade universitaria e interesados en xeral.

Data: 09 de febreiro de 2012

Hora: 18:15 hrs.

Enderezo: Salón de Graos. Facultade de Ciencias Políticas e Sociais . USC.

Mais Información: felipeandres.aliaga@usc.es 

 

  • Estos encontros pretenden achegar a tódolos mozos emprendedores no mundo asociativo xuvenil o programa Iniciativa Xove.

  • Iniciativa Xove é o programa da Dirección Xeral de Xuventude que permite os mozos e mozas realizar os seus proxectos tanto dentro dunha asociación xuvenil coma dun grupo informal.

IMG-20120120-01219O pasado venres o Director Xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, trasladouse ó Auditorio Municipal de Padrón para inaugurar o foro de mozos e mozas nos que explicou os diferentes modelos de participación xuvenil a disposición dos mozos e mozas galegos.

Esta iniciativa nace co obxectivo de achegar a toda a xuventude emprendedora no mundo asociativo xuvenil o programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

No encontro participaron máis de cincuenta rapaces e rapazas da comarca co fin de informarse das novidades deste ano 2012 dentro do programa e para por en común as inquedanzas e propostas ao departamento autonómico.

Rodeiro estivo acompañado polos alcaldes de Padrón e Dodro ademáis de varios concelleiros de xuventude.

Os asistentes foron tamén convidados a participar nos cinco futuros obradoiros “ Lidera a tua idea” que se celebrarán a comezos do vindeiro mes de febreiro. O obxecto destas xornadas non será outra que animar á participación e explicar dunha forma totlamente práctica cómo levar unha boa idea ao papel e presentar un proxecto de calidade.

DIVERSIDADE_FUNCIONALO Centro Quérote+ da Coruña, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e o Concello da cidade herculina puxeron en marcha a campaña ‘Sen límites...máis que capaces’ para a visibilización da diversidade funcional, que se prolongará ata mañá, domingo 4 de decembro.

Con motivo da celebración hoxe do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, esta campaña de tres días de duración, que se iniciou onte venres coa celebración no centro cívico dos Mallos da cidade herculina dunhas xornadas dirixidas as familias e que abordaron a diversidade funcional desde o punto de vista das Administracións Públicas e das asociacións.

Esta xornada contou coa presenza de máis dun centenar de asistentes que, a partir das diferentes intervencións, puideron reflexionar sobre os aspectos a ter en conta para fomentar a inclusión, tales como a diferenciación coa integración ou os dereitos civís da diversidade funcional e o papel das familias e das entidades nesta materia.

Ademais, ao longo de toda a fin de semana estará instalada unha carpa no Obelisco na que o centro Quérote+ difundirá as accións que leva a cabo no campo da diversidade funcional, mentres que outras seis entidades darán a coñecer o seu labor e venderán obxectos que realizan nos centros ocupacionais.

No eido da diversidade, o centro Quérote+ desenvolve programas nos que trata asuntos como os hábitos saudables, convivencia, hixiene e autoestima que se dirixen á mocidade, as familias e a técnicos.O labor deste centros destaca por contar con profesionais con 5 anos de experiencia nesta materia que se desprazan ata a entidade en calquera horario.

A organización prevé a presenza de arredor dun millar de persoas na carpa, que se pode visitar en horario de 12,00 a 20,00 horas. Nela están a participar o centro ocupacional Pascual Veiga, a Asociación para A Integración do Neno Diminuído (AIND), a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM-FEAFES), a Asociación de Pais para a Formación de Xóvenes Límite (Artefios), a Fundación ADCOR e a Asociación pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (ASPRONAGA).

A campaña ‘Sen límites...máis que capaces’ reflicte a necesidade de romper coas dificultades que veñen impostas pola sociedade o polos propios afectados por algunha doenza. O eixo fundamental é o término inclusión, unha ferramenta fundamental para erradicar posibles desigualdades, discriminacións e exclusións e fomentar o respecto, a tolerancia e a diversidade.

CONGRESOA conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe o XIV Congreso Estatal do Voluntariado, que se celebra ata o xoves na Coruña

O Congreso, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, reúne desde hoxe na cidade herculina a máis dun millar de participantes de toda España

A Lei Galega de Acción Voluntaria, que se aprobou no Parlamento e por unanimidade hai só uns días, garante por primeira vez ás persoas voluntarias a certificación oficial da súa labor e experiencia

O Plan de Voluntariado consta de 89 medidas repartidas en 3 áreas de intervención: a sensibilización, o apoio e a coordinación

Galicia conta con 40.000 voluntarios e con 800 entidades incluídas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria

Máis de 10.000 voluntarios e voluntarias participaron nas diversas accións postas en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar en Galicia neste Ano Europeo do Voluntariado, un ano que terá como broche de ouro a celebración do XIV Congreso Estatal de Voluntariado, que se está a celebrar desde hoxe e ata o xoves na Coruña.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe o Congreso en Palexco e lembrou que nestes doce meses o departamento puxo en marcha numerosas iniciativas que abarcaron temáticas tan diversas como a educación ambiental, a protección ao patrimonio cultural ou o fomento do voluntariado entre os estudantes de Primaria e Secundaria.

Beatriz Mato confiou en que o programa do Congreso contribúa a fortalecer a posta en valor do voluntariado “como un dos signos da madurez e solidariedade das nosas sociedades” nun momento en que é necesaria a unión de esforzos para construír un novo modelo de sociedade integradora, inclusiva e participativa, máis humana e coa forza dos valores.

Segundo subliñou a titular de Benestar na súa intervención, Galicia conta con 40.000 voluntarios e con 800 entidades incluídas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria. Así, estímase que o 17% da poboación a nivel nacional ten participado nalgunha acción voluntaria no último ano e o 31% da cidadanía fíxoo nalgunha ocasión.

Lei Galega de Acción Voluntaria
Mato sostivo que 2011 está a ser unha gran plataforma de impulso a esta materia como se reflicte na aprobación, hai só uns días, no Parlamento e por unanimidade, da Lei Galega de Acción Voluntaria, unha norma que actualiza a anterior, que tiña 11 anos, e adapta seus obxectivos as últimas directrices europeas. Ademais, garante por primeira vez ás persoas voluntarias a certificación oficial da súa labor e experiencia; crea o Observatorio Galego de Voluntariado e Consello Galego de Acción Voluntaria que dará más participación ás entidades que terán máis presenza que as administracións.

A aprobación da Lei supón un dos chanzos básicos do desenvolvemento do terceiro Plan Galego de Acción Voluntaria, que rematará no 2014. Un Plan concibido como unha ferramenta e estratexia participativa elaborada con máis de 800 entidades sociais do terceiro sector de ámbitos como a discapacidade, as ONG, as universidades ou os concellos.

O Plan consta de 89 medidas repartidas en 3 áreas de intervención: a sensibilización, o apoio e a coordinación. Con elas actuarase en 7 ámbitos para a promoción do voluntariado: difusión, reflexión e estudo, promoción, formación, xestión, coordinación e cooperación. Mato sostivo que un dos puntos fortes desta aposta é a formación. De feito, ao longo de 2011 desenvolvéronse 28 accións nesta materia (xestión de entidades, accións de voluntariado ambiental e no eido social…) nas que participaron mais de 6.500 persoas.

Así mesmo, a conselleira apuntou que a promoción do voluntariado entre as persoas maiores e as persoas con discapacidade pode aportar un impulso á súa participación social. Neste senso destacou o proxecto europeo Grundtvig ‘Ways of Solidarity’ que ten como obxectivo fomentar o intercambio de aprendizaxe intercultural entre os voluntarios sénior de España e do Reino Unido, e que rematará o 31 de agosto de 2013.

Este ano tamén se puxo en marcha o Servizo de Voluntariado Xuvenil, unha iniciativa novidosa, pioneira e experimental a nivel de todo o Estado. Basease na posta en marcha en paralelo dunha bolsa de persoas voluntarias e unha de proxectos de voluntariado co obxectivo de poñer en contacto as dúas bandas. No seu primeiro ano de funcionamento a Consellería de Traballo e Benestar apoiou medio centenar de proxectos, un éxito que supuxo triplicar o seu orzamento para o ano 2012 ata os 210.000 euros.

‘Voluntariado sen fronteiras’
O periodista, escritor e director xeral de Sonrisas de Bombay, Jaume Sanllorente, foi o encargado de impartir a conferencia inaugural do congreso baixo o título ‘Voluntariado sen fronteiras’. A conselleira Beatriz Mato destacou que Sanllorente foi quen de transformar nunha “fermosa realidade o ‘chispazo’ da solidariedade e da acción voluntaria”, polo que considerou que “é unha desas persoas necesarias para que o mundo avance en positivo”.

O XIV Congreso Estatal de Voluntariado, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, reúne na Coruña desde hoxe a máis dun millar de participantes de toda España para analizar a realidade das políticas e proxectos que se están a desenvolver nesta materia tanto a nivel nacional como internacional.

Jaume Sanllorente é o primeiro dos 38 poñentes deste Congreso, que clausurarán as súas Altezas Reais os Príncipes de Asturias. Don Felipe de Borbón fará entrega dos Premios Estatais do Voluntariado Social 2011.

VOLUNTARIADOO XIV Congreso Estatal do Voluntariado, que inaugurará maña martes a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, na Coruña, contará cunha Feira de Entidades que poderá visitar toda a cidadanía e na que estarán representadas 68 asociacións de todo o territorio nacional, ademais do propio departamento, o Goberno central e a Plataforma do Voluntariado de España, o que supón un total de 71 stands.

Beatriz Mato inaugurará mañá martes nas instalacións de Palexco na Coruña o XIV Congreso Estatal do Voluntariado, que se celebrará na cidade herculina ata o mediodía do vindeiro 1 de decembro. Posteriormente, a conselleira, acompañada polas demais autoridades presentes, percorrerá os 71 stands que integran a Feira de Entidades de Voluntariado que permanecerá aberta para todos os cidadáns durante os días do Congreso.

As conferencias, mesas redondas e de debate, ás que asistirán 1.025 congresistas, comezarán ás 12,30 co relatorio do xornalista e escritor Jaume Sanllorente, director xeral de “Sonrisas de Bombay”, titulado “Voluntariado sen fronteiras”. Xa pola tarde continuarán as ponencias, que na primeira xornada do Congreso estarán centradas nas políticas europeas e nas experiencias de voluntariado no vello continente.

Pola súa banda, o programa do mércores xirará sobre as novas formas de voluntariado para anticiparse a futuras demandas de acción voluntaria. Ao longo das xornadas do Congreso un total de 38 relatores participarán nas reunións programadas con motivo do encontro.

A Feira de Entidades de Voluntariado será o principal atractivo para os cidadáns, pero non o único. Na primera planta do edificio desenvolverase un programa paralelo de obradoiros, proxeccións cinematográficas nas que colabora o Parlamento Europeo coa emisión das películas “Welcome” e “Un mundo mellor”, así como diferentes actuacións musicais e teatrais.

Durante o acto de clausura do evento, o próximo xoves, as Súas Altezas Reais os Príncipes de Asturias farán entrega dos premios estatais do Voluntariado Social 2011 que este ano recaeron na Asociación Benéfica Renacer da Coruña na categoría colectiva e en María Isabel Bayonas de Ibarra a nivel individual. A Federación Amigos dos Maiores dos Petits Fréres tamén recibirá o premio especial, e a Fundación Cibervoluntarios unha mención de honra. A nivel individual tamén serán recoñecidos con premio especial e mención honorífica respectivamente María Matos González de Careaga e Juan Lara Crevillén.

Toda a información sobre as actividades que converterán durante tres días a Galicia na capital estatal do voluntariado está dispoñible na web: ‘www.caminosdasolidaridade.com’.

Intercambio experiencias con autonomías
Por outra banda, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, está a manter esta tarde unha reunión con outros nove directores xerais de Voluntariado doutras tantas Comunidades autónomas españolas e con representantes do Goberno central na que farán unha valoración do Ano Europeo do Voluntariado e abordarán o congreso galego e o propostas para o de o ano que vén, que terá lugar no País Vasco.

En concreto, ademais de Rodeiro, participan no encontro representantes de Illas Baleares, Cataluña, Canarias, Castela la Mancha, Madrid, Murcia, A Rioxa, Comunidad Valenciana e o País Vasco.

Segundo indicou Ovidio Rodeiro, este ano 2011 Galicia contou cunha programación voluntaria moi extensa, ideada especificamente para difundir e conmemorar o Ano Europeo do Voluntariado 2011, e que ten nestes días o seu punto álxido co Congreso.

O director xeral lembrou que a pasada semana o Pleno do Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade a nova Lei de Acción Voluntaria, “da que estamos especialmente orgullosos por constituír o proxecto lexislativo máis participativo e consensuado de todos, xa que ademais da unanimidade política, o texto tamén contou co apoio de todo o sector, expresado a través do Consello Galego de Acción Voluntaria”.

REPRESENTANTESRepresentantes de nove países europeos reuniranse desde hoxe e ata o 30 de novembro en Santiago no seminario internacional de voluntariado ‘Camiños da Solidariedade’ onde terán a oportunidade de expoñer as súas experiencias, logros e propostas no campo do voluntariado. O seminario tamén ten como obxectivo elaborar un manual de boas prácticas na organización e xestión de actividades voluntarias.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe o seminario e explicou que este “intenta ser un foro de discusión, debate e experimentación de métodos de traballo na área da educación non formal, buscando unha participación activa de todos os participantes”.

Rodeiro apuntou que a metodoloxía de traballo está baseada nun equilibrio entre a teoría e a práctica na que se empregarán “diferentes recursos didácticos así como exposicións, traballo en grupos pequenos, debates, comunicacións baseadas nas experiencias persoais, reflexión, intercambio de experiencias e espazos de libre expresión”.

As actividades do seminario incluirán presentacións preparadas por cada organización nas que mostrarán as accións desenvolvidas no Ano Europeo de Voluntariado no seu país e o impacto que tiveron, abordarán a organización e experiencias de voluntariado, así como a situación do voluntariado en cada país.

Froito de este traballo os participantes, que proceden de Irlanda, Estonia, Noruega, Italia, Romanía, Grecia, Alemaña e Portugal, redactarán un manual de boas prácticas na organización e xestión de actividades de voluntariado que será útil para os participantes e para calquera organización dun xeito efectivo. De feito, enviarase a todos os participantes o documento final e publicarase na web ‘'www.voluntariadogalego.org' para que sexa accesible a calquera organización.

O seminario documentarase visualmente con fotos das dinámicas, vídeos dalgunhas sesións e conclusións para difundir este material entre outras persoas e asociacións que se poidan beneficiar desta experiencia.

Todas as participantes son entidades que estiveron presentes tamén no proxecto ‘EU Camiño’ no que voluntarios europeos prestaron a súa axuda aos peregrinos, e teñen moita experiencia no campo do voluntariado, a nivel local, nacional e europeo, especialmente coa mocidade, pero tamén con outros proxectos de voluntariado e cunha traxectoria europea. De cada organización participará un coordinador de proxectos de voluntariado e un voluntario ou ex voluntario.

Como colofón do seminario, os integrantes participarán no primeiro día do Congreso Estatal de Voluntariado, que terá lugar os próximos 29 e 30 de novembro e 1 de decembro no Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) e reunirá a mais dun millar de participantes de toda España. Este congreso será clausurado o xoves día 1 de decembro polas súas altezas reais os Príncipes de Asturias.

Este Congreso estatal será o broche de ouro que pechará as actividades do Ano Europeo do Voluntariado en España e dará a testemuña ao País Vasco, que será a Comunidade encargada de organizar a XV edición deste evento.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, pon á disposición da mocidade galega os cadernos informativos Abracaxove. Neles recóllense, dunha maneira sinxela e condensada, as moitas medidas que a Xunta de Galicia e outras administracións e entidades galegas están a executar a prol da mocidade. Trátase de informarvos sobre unha serie de accións e recursos en distintos ámbitos, como a educación, o emprego, a vivenda, a creatividade, o lecer, a mobilidade..., de xeito que saibades os medios que existen, quen os xestiona e onde vos podedes dirixir en cada momento.

01_non_enredesEn Non te enredes atoparedes os principais servizos e actuacións encamiñadas a achegar a información á xente moza.

02_educaxoveEn Educaxove atoparedes información sobre aquelas axudas e bolsas encamiñadas a facilitar a formación, así como aqueles recursos existentes no ensino que permiten unha educación de calidade.

03_empregateEn Emprégate atoparedes información sobre liñas de axuda e recursos para mellorar a empregabilidade da mocidade e para fomentar o seu espírito emprendendor.

04_mocidade_creativaEn Mocidade Creativa poderás atopar información sobre aquelas actividades que fomentan e facilitan o teu espírito creativo e emprendedor.

05_vivendaEn Vivenda Xove poderás atopar os recursos ao teu alcance para facilitar o acceso a unha vivenda.

06_ti_escollesTi escolles proporciónache información sobre distintas alternativas de ocio de calidade, moitas cun claro compoñente de educación non formal.

07_XUVENTUDESAUDEEn Xuventudésaúde atoparás as campañas e actividades que se poñen en marcha para fomentar unha boa saúde, a través da práctica do deporte e a prevención de malos hábitos.

08_o_teu_tempo_o_noso_tempoO teu tempo, o noso tempo, infórmate sobre distintas actuacións relacionadas co voluntariado como a formación, o voluntariado europeo, plans de dinamización e actuación... que che facilitan e permiten canalizar o teu labor voluntario.

09_Xuventude_en_movementoEn Xuventude en movemento atoparedes información sobre programas destinados á mocidade que promocionan e apoian a mobilidade xuvenil a través de diversos tipos de axudas, bolsas, encontros, participación en proxectos europeos e diversos tipos de carnés que facilitan os teus desprazamentos.

10_en_clave_deEn clave de... ofréceche información sobre actuacións transversais e de diversa tipoloxía que te acompañan no día a día, como son o fomento da igualdade de xénero, a promoción do uso da lingua galega, o fomento do consumo responsable ou a sustentabilidade.

BULLINGA Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha nas próximas semanas dous ciclos formativos e un obradoiro sobre resolución de conflitos entre menores que estarán centrados no acoso escolar (bullying) e nos perigos das redes sociais (ciberbulling). As dúas accións formativas, que se denominan ‘Convivindo’ e ‘En Convivencia’ estarán dirixidas a mozos e mozas que estean cursando terceiro curso da ESO. En concreto, poderán participar 2.200 rapaces de 44 institutos de Galicia. ‘Convivindo’ constará de 6 sesións e ‘En Convivencia’ dun total de 3.

O obradoiro, pola súa banda, está destinado a mozos e mozas de segundo curso da ESO. A temática que se abordará nesta actividade será similar á dos ciclos formativos e chegará a 5.000 alumnos de 100 centros de ensino. Paralelamente, as Asociacións de Nais e Pais (Anpas) tamén poderán solicitar a súa participación neste obradoiro a través da Escola de Pais e Nais, que abordará o mesmo tema aínda que desde unha óptica de adultos.

Estas dúas actividades enmárcanse nas accións que oferta o servizo Quérote + dependente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que decidiu levar a cabo as iniciativas centradas nesta temática, xa que foi a máis demanda polos docentes dos centros de ensino.

Precisamente, a área autonómica vén de formar a profesionais que traballan coa mocidade en mediadores de convivencia. Hoxe mesmo clausuráronse dous cursos sobre bullying e ciberbullying que impartiron técnicos do servizo Quérote + na Coruña, Santiago, Ourense e Vigo. As accións formativas, nas que participaron 239 persoas, contaron coa colaboración de gardas civís expertos en convivencia e novas tecnoloxías.

Por outra banda, o servizo Quérote + tamén oferta ás propias asociacións xuvenís e as oficinas da rede galega de información xuvenil, tanto en concellos como a nivel autonómico, programas de ocio destinados a mozos e mozas de entre 16 e 18 anos que tamén abordan a convivencia entre iguais e as boas prácticas nas redes sociais. Trátase das actividades denominadas ‘Exprésate’ e ‘Sacando as redes da pantalla’.

Así mesmo, os internos da cárcere de Teixeiro poden participar no programa ‘Socializado’ que leva 3 anos desenvolvéndose e no que xa participaron máis de 130 presos que estaban ou están a piques de recobrar a liberdade. Os menores con medidas xudiciais tamén teñen un programa específico para afondar na convivencia. Así, desde o ano pasado un total de 152 menores, derivados de fundacións e asociacións de integración social, participan no programa ‘Eu cos demais’ para tratar de mellorar a convivencia social e a resolución de conflitos sen violencia, incluíndo tamén a importancia da afectividade.

Para reforzar estas accións, os técnicos do servizo Quérote + tamén están a elaborar unha guía sobre convivencia destinada a pais e titores e un decálogo sobre convivencia e resolución de conflitos, que tamén conta coa colaboración da Garda Civil.