Un total de 14 equipos de 11 centros de ensino de toda Galicia participaron hoxe na Deputación da Coruña na segunda semifinal de Parlamento Xove, un proxecto da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, que pretende potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada do presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e do director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, deu hoxe a benvida aos participantes da mesma e destacou a importancia da cooperación e a colaboración co obxectivo de crecer no respecto e a convivencia.
Trátase dunha competición entre centros de ensino da comunidade autónoma, na que os participantes de cada equipo (formados por catro alumnos e un profesor) investigan, escriben e, finalmente, debaten sobre o tema proposto pola organización. Inclúese tamén a elaboración de artigos en blog e a realización dun dossier de investigación sobre o tema tratado.
Beatriz Mato expuxo que os debates non son unha confrontación, senón que “o verdadeiro debate afonda na busca de puntos en común” e que o útil e produtivo “é aquel que axuda a tender pontes polas que podamos avanzar todos xuntos” e cando se utilizan ferramentas como “o diálogo, a tolerancia e o consenso”.
Nesta segunda xornada preliminar participaron un total de 14 equipos de 11 centros de ensino de toda Galicia: o IES Valle Inclán, de Pontevedra, o Colexio Internacional Sek-Atlántico, de Poio; o IES Ames; o IES Plurilingue Rosalía de Castro, de Santiago; o Centro Educativo Galen, de Lugo; o IES Becerreá; o IES Leiras Pulpeiro de Lugo; o IES Sanxillao,de Lugo; e con dous equipos o IES A Sangriña, da Guarda; o IES Dionisio Gamallo Fierros, de Ribadeo e o IES Mugardos.
O tema de debate proposto para as xornadas preliminares desta edición do Parlamento Xove é a análise do papel da xuventude no contexto mundial actual e a reflexión que se busca é se esa mocidade vai cara un modelo máis participativo ou máis individualista.
A primeira xornada preliminar tivo lugar tamén na Deputación da Coruña o pasado 11 de febreiro, na que dos 14 equipos que participaron, pasaron á final o IES A Pingüela de Monforte de Lemos; o IES Fene; La Salle de Santiago e o IES Laxeiro de Lalín.
Dos 28 equipos que participan nestas dúas xornadas preliminares, 8 serán os que debaterán na final que descorrerá o 17 de marzo no hemiciclo do Parlamento de Galicia. O tema para o debate final será anunciado pola organización o luns 27 de febreiro na web ‘www.xuventude.net’
Fase de formación
Unha das novidades desta edición de Parlamento Xove foi a incorporación dunha nova fase de formación para os equipos inscritos, que se desenvolveron en varias fins de semana de decembro e xaneiro en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Neste curso os alumnos participantes recibiron coñecementos de oratoria enfocada ao funcionamento dos campionatos escolares de debate.
Así mesmo, este ano realizarase unha competición paralela de carácter experimental para alumnos de 3º e 4º de ESO durante o mes de abril. En anos anteriores, os alumnos de ESO participaban xunto cos de bacharelato, pero as diferentes idades traían consigo diferenzas moi importantes na competición, polo que este ano tense decidido realizar unha competición paralela para estas idades.
O proxecto de Lei de xuventude de Galicia prevé a creación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia como órgano de participación, representación e consulta das políticas da Xunta de Galicia en materia de xuventude.
Unha lei non pode regular ao detalle a composición e o funcionamento dun órgano polo que é necesario un regulamento que desenvolva eses aspectos.
Xurídicamente a aprobación do regulamento debe ser acordada polo Consello da Xunta de Galicia mediante decreto, aínda que para a súa elaboración se promoverá a participación de todas as persoas e entidades xuvenís que o desexen.
Para fomentar a participación,organizaranse 5 grupos de traballo (xuntanzas de traballo), onde se traballará man con man coas persoas e entidades xuvenís nas distintas partes do regulamento.
Dada a complexidade técnica que supón a elaboración dunha norma os grupos de traballo estarán asistidos pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
O próximo 7 de marzo de 2012 terá lugar a primeira xuntanza de traballo.
Data: mércores,7 de marzo de 2012
Horario: de 19:00 a 20:30 h
Lugar: Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil. Santiago de Compostela. Praza do Matadoiro,s/n,15703
A asistencia é aberta a todas as persoas pertencentes a:
Data límite de inscrición: 5 de marzo
Proporcionarase un borrador do regulamento que será eixe inicial do debate.
É necesario confirmar a asistencia para poder participar nos grupos de traballo, cubrindo o seguinte formulario
A Consellería de Traballo e Benestar convocará este ano unha nova edición do concurso ‘Airiños de Rock&Roll’ co que se pretender dar unha oportunidade aos novos grupos musicais galegos. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe na Coruña as bases da nova edición do concurso.
Así, resaltou que co certame premiarase a dous novos grupos galegos cun concerto na Coruña na que os gañadores serán teloneiros de Leiva, o ex cantante de ‘Pereza’, o próximo 12 de maio no escenario central do Coliseum. Na iniciativa poderán participar os grupos musicais que estean formados por mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia. Ademais, dous dos membros terán que ser menores de 30 anos.
O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o próximo 23 de marzo. Os interesados poderán inscribirse seguindo as bases que están colgadas na páxina web www.xuventude.net. Ademais, será obrigatorio enviar unha gravación de dous temas de creación propia.
A semifinal do concurso celebrarase o propio día do concerto, o 12 de maio, unhas horas antes da actuación dos dous grupos gañadores. Así, o encontro de novas bandas de Galicia terá lugar na sala de concertos ‘O Túnel’, dentro das propias instalacións do Coliseum da Coruña. Neste escenario actuarán as 16 formacións galegas preseleccionadas. De todas elas, dúas serán escollidas para actuar ás 22,00 horas no escenario central, como teloneiros de Leiva.
As dezaseis bandas preseleccionadas serán elixidas por unha comisión nomeada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para este fin, que estará composta por músicos e produtores. Pola súa banda, os dous grupos finalistas serán escollidos cos votos das dezaseis bandas preseleccionadas. No caso de empate, será a comisión anterior quen decida.
Outros premios
Os participantes no certame non só competirán por actuar no Coliseum, senón que, ademais, poderán asistir a unha ‘master class’, que correrá a cargo do guitarrista Pedro Andrea. O director xeral de Xuventude tamén explicou que entre as dezaseis bandas finalistas sortearase unha viaxe de estudos de idiomas no estranxeiro nun destino a elixir pola banda.
Finalmente, entre os asistentes ao encontro tamén se sortearán 15 entradas para acudir ao concerto de Lenny Kravitz, que terá lugar no propio Coliseum o próximo 31 de maio. Así mesmo, todos os grupos participantes no certame e os asistentes ao concerto serán obsequiados cun curso de inglés online.
Por último, o responsable da área autonómica apuntou que o certame ‘Airiños de Rock&Roll’ inscríbese no programa “xuventudémúsica”, da Consellería de Traballo e Benestar, que ten como obxectivo ofrecer aos novos grupos galegos a súa participación en accións que faciliten a promoción da súa creatividade.
Neste programa, inclúense tamén outras actuacións como a construción do local de ensaio de Verín, que será inaugurado no próximo mes de abril, a publicación de cd’s recopilatorios e a organización de concertos e certames.
A Oficina de Información do Parlamento Europeo en España convoca a XVIII edición do concurso ‘Euroscola’, destinado a mozos e mozas de entre 15 e 18 anos de idade, que estudan ensinanza secundaria obrigatoria, bacharelato ou ciclos de formación profesional de grao medio en centros españois.
Para participar é necesario inscribirse por equipos, formados por 10 alumnos e un profesor que é o líder.O prazo de inscrición está aberto ata o 1 de marzo e toda a información se pode atopar en ‘www.xuventude.net’.
Trátase dun xogo ‘online’ de habilidades, participación, traballo en equipo, destrezas e coñecementos, vinculado a temas de gran transcendencia europea. Por cada comunidade autónoma haberá un finalista. Os 9 equipos mellor clasificados de entre todos os finalistas serán os gañadores do premio. Cada gañador debe ser dunha comunidade autónoma diferente.
Os gañadores obtén como premio principal a participación no Programa Euroscola do Parlamento Europeo en Estrasburgo, no que participan grupos de profesores e mozos e mozas dos 27 países membros da Unión Europea. Pola súa banda a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado premiará ao equipo gañador de Galicia cunha estancia dunha semana no Albergue Xuvenil de Gandarío (A Coruña).
Na edición deste ano, coincidindo coa celebración do 25 aniversario do Programa Erasmus e do Ano Europeo do envellecemento activo e a solidariedade interxeneracional 2012, o tema central será dar a coñecer as oportunidades que brindan os programas europeos de intercambio educativo, destacar a importancia da aprendizaxe ao longo de toda a vida (aprendizaxe permanente) e fomentar a solidariedade entre xeneracións.
Do mesmo xeito, o concurso fomenta o uso de Internet como ferramenta educativa, informativa e comunicativa e a aprendizaxe doutra lingua, fundamental para conseguir unha Europa unida. Por iso o xogo desenvolveuse en dúas versións lingüísticas, castelán e inglés. Os participantes puideron optar a calquera dos dous idiomas.
O coñecemento doutras linguas europeas por parte dos participantes é moi importante porque os gañadores que viaxen no programa ‘Euroscola’ a Estrasburgo deberán integrarse en reunións de comisións parlamentarias, as que se desenvolverán en inglés ou francés e nas que non haberá intérpretes.
Hai que destacar que o concurso ‘Euroscola’ é un proxecto pedagóxico de ‘Educación en valores’. Os puntos que decidiron os gañadores obtivéronse a través de traballos que foron o resultado da reflexión dos alumnos e das súas propostas orixinais e documentadas.
‘Euroscola’ conta coa colaboración da Representación en España da Comisión Europea, das entidades e institucións relacionadas co tema do concurso, os organismos de educación e xuventude da grande parte das Comunidades Autónomas e das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla.
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, porá en marcha este ano un “amplo abano” de actividades dentro da súa programación que chegará a uns 190.000 mozos e mozas, grazas a un orzamento de 10 millóns de euros. A programación estará baseada no fomento da participación; na mobilidade xuvenil; no fomento do voluntariado e nos programas de ocio alternativo, fundamentalmente.
Así o anunciou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que presentou en rolda de prensa a programación do seu departamento dirixida á mocidade para este ano 2012. Entre as principais novidades deste ano, destaca que por primeira vez se porá en marcha unha liña de axudas destinadas a axudar aos mozos e mozas desempregadas a obter o carné de conducir. Esta convocatoria contará cun orzamento de 200.000 euros e prevé chegar nesta primeira edición a uns 1.000 mozos e mozas.
Durante a rolda de prensa, a titular do departamento autonómico fixo fincapé tamén no resto das principais novidades da programación deste ano: ademais das axudas ao carné; o novo programa de mobilidade xuvenil “Galeuropa”; e a rede de dinamización xuvenil. Adiantou tamén que se aumentará o orzamento do programa Iniciativa Xove, así como do programa de voluntariado xuvenil.
Con respecto ás axudas do carné de conducir, Mato explicou que esta será unha subvención de 200 euros. Ademais, vincularase a axuda á superación dun curso complementario de responsabilidade na condución, nunha aposta pola seguridade viaria. En definitiva, o obxectivo é favorecer a empregabilidade dos mozos e mozas contribuíndo a mellorar o seu currículo mediante a obtención do carné de conducir.
Outra das principais novidades é a posta en marcha do programa de mobilidade Galeuropa, que contará cun orzamento de 530.000 euros e ofrecerá a 200 mozos e mozas a posibilidade de realizar prácticas laborais en cinco países europeos: Irlanda, Italia, República Checa, Alemania e Francia.
Esta iniciativa inscríbese na aposta do departamento por fomentar a mobilidade como unha “oportunidade única de educación non formal, que incide no coñecemento de idiomas e de culturas”. Neste sentido, Mato adiantou que este ano ofreceranse diversos programas de mobilidade (Xuventude en acción, Mogal, Xuventude no mundo..), o que permitirá xestionar máis de 2.350 prazas de mobilidade ao longo deste ano.
A terceira novidade máis salientable, segundo destacou Mato, é o fomento da participación xuvenil, un obxectivo que se acadará ao completar a Rede de dinamización xuvenil, unha “estratexia pioneira en España que vai estar presente en todas as comarcas de Galicia”. Estes equipos ocúpanse de fomentar o emprendemento, a participación social, a creatividade, o asociacionismo e o voluntariado entre a mocidade galega a través da organización, este ano, de 100 obradoiros, 54 foros de debate, 9 mostras de emprendemento e talento xuvenil; e diversas accións de información, participación e voluntariado.
Iniciativa Xove
Por outra banda, Mato concretou que na programación deste ano reforzaranse diversos eidos. Por exemplo, o programa Iniciativa Xove, que financia actividades deseñadas polo propios mozos e mozas (ben a través de asociacións como de agrupacións informais), aumentará o seu orzamento ata os 705.000 euros, o que supón un incremento do 57 por cento desde 2010. Este programa permitirá financiar 270 iniciativas xuvenís.
Ademais, tamén se fomentará o voluntariado xuvenil. De feito, o orzamento neste eido triplicarase ata os 210.000 euros. Isto significará incorporar a máis de 1.000 mozos e mozas a diferentes proxectos e suporá a realización de 60.000 xornadas de acción voluntaria. Cabe lembrar que os participantes poderán formalizar esta experiencia, a través dun certificado oficial, segundo os termos recollidos na nova Lei de acción voluntaria de Galicia, que foi aprobada por unanimidade no Parlamento o pasado mes de novembro.
No que se refire aos prazos, a conselleira precisou que tanto a orde de Iniciativa Xove, como a de fomento de voluntariado xuvenil e a do carné de conducir serán convocadas nas próximas semanas. A estas sumarase a orde de axudas para as oficinas municipais de información xuvenil e proxectos de voluntariado, de 700.000 euros. Deste xeito, nas próximas data sairán publicadas catro convocatorias de axudas que superarán os 1,8 millóns de euros.
Resto da programación
Xa para rematar, a titular do departamento autonómico informou de que, ademais das novidades citadas, tamén se levará a cabo unha “ampla programación” con actividades de ocio alternativo (11.500 prazas); de formación e información especializada; e de fomento da creatividade xuvenil e o espírito emprendedor.
En definitiva, resumiu, trátase dun programa “amplo, variado e moi completo” que dá continuidade aos obxectivos marcados na Estratexia Xuventude 2013, un plan que “naceu da coordinación e o consenso cos principais axentes do sector”.
A Consellería de Traballo e Benestar ofertará este ano máis de 890 prazas para os mozos e mozas que queiran participar no programa ‘Aula Xuventur’ que inclúe actividades relacionadas coa educación ambiental e a creatividade, combinando a aprendizaxe e o tempo de lecer.
O prazo de inscrición para esta iniciativa abrirase o próximo xoves 23 de febreiro e rematará unha semana antes do inicio de cada quenda. As solicitudes poderán presentarse a través da páxina web www.xuventude.net.
É a segunda vez que se desenvolverá esta iniciativa en Galicia tras o éxito acadado na anterior convocatoria realizada en 2011. A finalidade é facilitar á mocidade galega unha experiencia educativa alternativa e complementaria ao seu aprendizaxe nas escolas.
Desta forma, ofrécense tres módulos de actividades diferenciados en función da temática e das idades dos participantes. ‘Vive o mar, ‘Multiaventura de cine’ e ‘Camiño a Durban’.
O primeiro de eles, ‘Vive o Mar’, está dirixido a mozos de entre 12 e 16 anos que estean cursando primeiro, segundo, terceiro e cuarto curso da ESO. Neste caso ofreceranse coñecementos e aprendizaxes sobre o medio mariño e o seu entorno no albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa, en sete quendas de dous días entre os meses de marzo e abril.
‘Multiaventura de cine’ terá lugar no albergue xuvenil LUG 2, en once quendas de tres días, entre os meses de marzo e xuño. Con esta iniciativa o que se pretende é achegar aos participantes o cine como ferramenta de desenvolvemento de habilidades sociais, creatividade e autocoñecemento, complementando todo isto con actividades de deporte activo. Esta actividade vai dirixida a mozos e mozas de entre 14 e 17 anos que estean cursando terceiro e cuarto curso da ESO, primeiro de Bacharelato o primeiro ciclo de grao medio.
Por último, ‘Camiño a Durban’ consistirá na realización durante tres días dun xogo de rol sobre educación ambiental, tendo como fío condutor o cambio climático, co obxecto de favorecer un achegamento ao concepto de educación ambiental e desenvolvemento sostible, sensibilizar da problemática do cambio climático, as súas causas, efectos e medidas paliativas.
Nesta iniciativa poderán participar os mozos e mozas que teñan entre 14 e 17 anos que estean cursando terceiro e cuarto curso da ESO, primeiro de Bacharelato ou primeiro ciclo de grao medio. Terá lugar no albergue xuvenil de Gandarío, en seis quendas de tres días, entre os meses de marzo a maio.
En definitiva, ‘Aula Xuventur’ quere promover a participación da mocidade galega en actividades e programas poñendo a disposición da mocidade galega a rede de albergues xuvenís de Galicia, cumprindo, desta forma, co obxectivo marcado no Pan de Xuventude 2013.
O Circuíto da Creatividade da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado regresa a Ourense cunha exposición de artes plásticas e videocreación que se inaugurou hoxe no Espazo Xove da localidade ourensá.
O responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, presidiu hoxe o acto de apertura da mostra que permanecerá na cidade ata o próximo 13 de marzo. Os autores que expoñen os traballos son un total de 14 mozos e mozas. Posteriormente, no mes de abril, esta iniciativa desprazarase ata Verín, coincidindo coa inauguración da Oficina Transfronteiriza Galicia-Norte Portugal para mozos e mozas.
Rodeiro lembrou que o Circuíto da Creatividade comezou a súa andaina en xuño de 2011 coa finalidade de dar a coñecer por toda Galicia e Portugal as obras dos gañadores do certame galego de creadores novos, que organiza a Consellería de Traballo e Benestar. Desde entón, o Circuíto da Creatividade xa percorreu, entre outras, as localidades da Coruña, Betanzos, Lalín, Vilagarcía e Tui, e Porto en Portugal.
O director xeral de Xuventude tamén destacou que o prazo de inscrición para anotarse ao programa Estancias Creativas, que está enmarcado dentro do Circuíto da Creatividade, rematará a finais deste mes.
Explicou que esta iniciativa está dirixida a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos e conta cun total de 150 prazas para que poidan participar en actividades creativas de fin de semana. As estadías teñen lugar no Albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo) e no Complexo residencial xuvenil LUG II (Lugo) en oito fins de semana durante os meses de febreiro ata xuño.
En cada fin de semana o número de prazas é de 20, un total de 10 por cada especialidade (menos unha que terá dez prazas): relato breve, poesía, graffiti, banda deseñada, videocreación, webcreación, creación DJ, baile, música, pintura, escultura, teatro, danza e expresión, cartelería e fotografía creativa.
Como remate das estancias, no mes de xuño, está prevista unha creación multidisciplinar por parte de todos os participantes.
As estancias inclúen o aloxamento, a manutención e os materiais básicos para a intervención artística e para a realización do traballo artístico. Os participantes contan como monitores de apoio a artistas profesionais en cada unha das modalidades.
As estadías creativas nas modalidades de relato breve e poesía tiveron lugar do 9 ao 11 de febreiro. Os participantes reflectiron os seus traballos nun marca páxina xigante e levaron a cabo exposicións públicas polas rúas da cidade da Coruña e da localidade de Cambre.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, a través do servizo Quérote +, desenvolveu ao longo de 2011 un total de 76 programas en materia afectivo sexual dos que se beneficiaron máis de 550 persoas con diversidade funcional. O responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe, Día Europeo da Saúde Sexual, un balance das actuacións levadas a cabo neste ámbito, xunto co presidente de Cogami, Anxo Queiruga, e o de Down Galicia, Delmiro Prieto.
Rodeiro apuntou que a través destas iniciativas se está a ofertar un servizo que facilita a este colectivo unha resposta as súa dúbidas e inquedanzas. Explicou que no caso concreto de Cogami, a Dirección Xeral leva 3 anos consecutivos realizando o programa ‘Afectividade e Autocoñecemento’ en varios dos centros que esta entidade ten en Galicia.
A través desta actuación, trabállase de forma grupal aspectos relacionados coa convivencia, a imaxe corporal, a sexualidade e a afectividade. Rodeiro apuntou que este ano incluirase dentro deste programa unha novidade para que os usuarios dispoñan dun espazo individualizado para que, unha vez realizadas as accións formativas, poidan resolver dúbidas ou curiosidades que non se desexan poñer en común no grupo. “Neste espazo de asesoramento garantirase, polo tanto, a confidencialidade”, incidiu o director xeral.
Con respecto ás accións que se desenvolven nos centros de Down Galicia, Rodeiro resaltou que a partir deste ano comezarase a desenvolver o programa integral ‘Vivíndonos na Diversidade’, no que se traballará cos mozos e mozas, cos profesionais que os atenden e coas propias familias.
Ademais, colaborarase cos equipos de Down Galicia para elaborar actividades o máis adaptadas aos grupos que xurdan. “Ademais está prevista unha publicación posterior destas actuacións para que poida ser de utilidade para futuros equipos profesionais”, subliñou.
“No novo programa recóllense as demandas das propias entidades coa finalidade de facilitar aos equipos profesionais ferramentas para a abordaxe da información e o asesoramento en materia de afectividade e sexualidade”, apuntou.
Así mesmo, Ovidio Rodeiro explicou que o servizo Quérote + tamén realiza accións neste ámbito con outras entidades como Feafes, Aspanemi, Aspromor, Aspronaga, Camp, Aspanaes ou a Federación de Asociacións de Xordos de Galicia.
Neste senso, afirmou que o obxectivo para este ano é o de seguir a colaborar con todas estas entidades. “Ampliaremos as liñas de traballo para poder ofrecer programas e talleres que tamén aborden outras cuestións de interese para estes mozos e mozas, como a convivencia e a imaxe corporal”, asegurou.
Por último, o director xeral afirmou que “o balance non pode ser máis que positivo, xa que cada ano son máis as entidades que queren contar co noso apoio para a implementación dun programa deste tipo” e concluíu reiterando que en 2012 seguirase a colaborar con todas aquelas entidades de persoas con diversidade funcional que o demanden para poñer o equipo técnico de Xuventude a súa disposición.
Estancia creativa para xóvenes: literatura. Un grupo de mozos e mozas compartiron durante tres días unha forma nova de creación literaria.
Esta fin de semana tivo lugar no Albergue Xuvenil de Gandarío (Bergondo) a estancia creativa na especialidade de literatura. Os mozos e mozas que participaron nesta fin de semana tiveron a oportunidade durante tres días de crear. A través da participación activa de todos se consegue un novo xeito de crear.
No Albergue realizaron pequenos obradoiros que espertaron a imaxinación dos participantes, pequenas dinámicas para avanzar na creación literaria: creación ambiental, creación de personaxes, creación de acción, creación a través dos sentidos, creación dende outros puntos de vista non habituais (co sentido da vista, do tacto,…).
Posteriormente activouse un obradoiro participativo e interactivo literario a través da dinamización das rúas da Coruña e de Cambre a través da literatura. O método foi a creación dun relato breve e a súa plasmación nun formato de marcapáxinas xigante e a invitación a súa lectura aos transeúntes.
Estamos a ver unha actividade moi distinta e unha dinamización moi innovadorra, definida por un participante como “literatura interactiva”
O programa Estancias creativas para xóvenes segue durante os meses de marzo a xuño en distintas especialidades. A próxima cita será o vindeiro 9 de marzo no Albergue de Gandarío para as categorías de graffiti e banda deseñada.
A Consellería de Traballo e Benestar colabora coa Universidade de Santiago no primeiro máster universitario especializado en xuventude e sociedade que se celebra en Galicia.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe como relator neste máster do que están a participar 25 alumnos e alumnas. No seu relatorio, titulado ‘Recursos e políticas públicas da xuventude en Galicia’, Rodeiro incidiu no impulso lexislativo que o Goberno galego realizou nos dos últimos anos para “modernizar, unificar e clarificar” a normativa autonómica en materia de xuventude.
Así, destacou que recentemente o Consello da Xunta aprobou a primeira Lei de Xuventude de Galicia que, segundo resaltou, garante a transversalidade e a coordinación entre os distintos departamentos da Xunta nas políticas dirixidas á mocidade. Entre outros aspectos, a normativa establece que os plans estratéxicos da Xunta sexan obrigatorios en cada lexislatura e que se tramiten como acordos no Consello da Xunta; e garante a participación dos mozos e mozas nas políticas públicas de xuventude, ao establecer un novo sistema de representación, coa incorporación e participación de todas as asociacións xuvenís no Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia.
Rodeiro, ademais, lembrou que o pasado mes de decembro se aprobou por unanimidade no Parlamento de Galicia a Lei de Acción Voluntaria de Galicia, que lexisla a participación dos mozos e mozas en actividades de voluntariado. Con respecto a esta normativa, o director xeral resaltou a institucionalización da figura do voluntario xuvenil, xa que poderá recibir certificacións oficiais que demostren a experiencia adquirida a través da acción voluntaria.
Por último, Rodeiro referiuse á adaptación do decreto en materia de xuventude á directiva europea, que permitirá axilizar de 6 a 2 meses a tramitación de actividades vinculadas á mocidade. Neste senso, explicou que simplificaranse e flexibilizaranse os procedementos para recoñecer as distintas tipoloxías de instalacións e axilizaranse as expedicións dos títulos de monitores e directores de tempo libre, así como a homologación doutros títulos expedidos por órganos doutras comunidades autónomas ou de estados membros da Unión Europea.