O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, tomou parte hoxe nun foro aberto de debate que tivo lugar en Santiago de Compostela
Ademais, este documento foi remitido ás oficinas municipais de información dos concellos, a todas as entidades e asociacións xuvenís, e aos máis de 32.000 mozos e mozas usuarios dos programas de xuventude
A nova Lei de Xuventude de Galicia, aprobada recentemente no Parlamento, recolle coma un dos seus obxectivos principais a mellora da participación xuvenil
A Consellería de Traballo e Benestar está a difundir entre a mocidade galega o borrador do Libro branco da Xuventude en España 2020. O obxectivo é recoller as suxestións e preocupacións da mocidade galega ante o seu futuro para que sexan tidas en conta neste documento.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, tomou parte esta tarde nun foro aberto de debate que tivo lugar en Santiago de Compostela para abordar este asunto. Neste encontro, os participantes puideron facer as súas suxestións e alegacións.
Ademais deste foro, o departamento autonómico tamén remitiu esta estratexia ás oficinas municipais de información dos concellos, a todas as entidades e asociacións xuvenís e aos máis de 32.000 mozos e mozas usuarios dos programas de xuventude. Tamén se abriu unha liña de debate sobre este texto nos perfís das rede sociais da Dirección xeral de Xuventude, que contan con máis de 8.000 seguidores.
O borrador do Libro branco ten como obxectivo “redefinir e orientar as estratexias de traballo para toda unha nova xeración de mozos e mozas a partir da análise da evolución das políticas de xuventude e das súas condicións socioculturais, co fin de acertar nas estratexias que permitan mellorar as condicións de vida e de futuro deste colectivo”, explicou Rodeiro.
Para lograr este obxectivo, é “imprescindible” contar coa opinión da mocidade, como “actores principais á hora de decidir as políticas públicas que temos que deseñar e executar”. Neste sentido, o director xeral explicou que Galicia xa ten dado “os primeiros pasos” neste sentido, dado que a nova Lei de Xuventude de Galicia, aprobada recentemente no Parlamento galego, recolle como un dos seus obxectivos principais “mellorar e fortalecer a participación xuvenil coa creación do Consello asesor e consultivo da xuventude de Galicia”.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe a iniciativa que se está a desenvolver por toda Galicia
A actividade, financiada polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal da UE, ofrece á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación
No sexto foro ‘Conecta’ que se celebra na Comunidade autónoma participarán persoas que fixeron do deporte o seu medio de vida, como o campión de España de Rallyes, Sergio Vallejo, ou o piloto de Moto 2, Daniel Rivas
A sexta xornada do programa ‘Conecta’ celebrarase este sábado en Melide. Trátase dun espazo dirixido aos mozos e mozas onde terán a oportunidade de expoñer as súas inquedanzas, proxectos e actividades, fomentando un traballo en rede.
A iniciativa en Melide, segundo explicou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, xirará en torno ao deporte como un sector onde os mozos e mozas poden atopar oportunidades para emprender a través da participación xuvenil. Neste sentido, o responsable da área autonómica explicou que o deporte é “un medio apropiado” para conseguir valores de desenvolvemento persoal e social na mocidade, como afán de superación, integración, tolerancia, traballo en equipo e autodisciplina.
Trátase duns valores que se intentarán trasladar aos participantes de ‘Conecta’ a través de conferencias, debates ou obradoiros. Así, contarase coa colaboración de persoas que fixeron da súa paixón e do seu compromiso polo deporte o seu medio de vida. Ao respecto, Rodeiro avanzou que entre os poñentes destacan o campión de España de Rallyes, Sergio Vallejo, ou o piloto de Moto 2, Daniel Rivas.
Así mesmo, Rodeiro explicou que ‘Conecta’ estase a desenvolver en diferentes cidades e vilas de Galicia co obxectivo final de ofrecer á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación, así como fomentar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas. Neste senso, afirmou que a finalidade última deste programa forma parte dos eixos prioritarios de traballo da Estratexia Xuventude 2013 da Xunta.
Ademais, o responsable da área autonómica sinalou que ‘Conecta’ busca renovar o enfoque do traballo coa mocidade a través da animación e da dinamización como métodos para abordar as oportunidades dos mozos e mozas, unha liña de traballo pioneira en España. “O que pretendemos é fomentar e promover actividades de educación non formal para que a xuventude desenvolva as súas capacidades para emprender accións de participación social, creatividade, asociacionismo ou voluntariado”, apostilou.
Neste ámbito, Rodeiro explicou que para potenciar a educación non formal a Consellería de Traballo e Benestar puxo en marcha esta lexislatura un novo modelo de participación xuvenil a través dos programas Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil. “Estamos convencidos que a través da participación xuvenil e da responsabilidade persoal que leva implícita pódese desencadear nos mozos e mozas un verdadeiro proceso de educación non formal de gran utilidade para o futuro”, subliñou Rodeiro.
En definitiva, afirmou que con programas como ‘Conecta’ o que se intenta desde a Consellería de Traballo e Benestar é achegar á mocidade as capacidades da administración para poñer ao seu alcance os recursos e os programas da Xunta.
O sexto foro de ‘Conecta’
A actividade que terá lugar o sábado en Melide será o sexto foro ‘Conecta’ dos 10 que se realizarán por toda a xeografía galega. Son actividades de carácter sectorial. Así, en Santiago abordáronse as relacións entre a universidade e a empresa; en Vila de Cruces as oportunidades no rural galego; en Ferrol a formación para o emprego; en Burela o emprendemento no agro e no mar; e en Ribeira o sector do ocio e o tempo libre.
Os equipos de traballo deberán ser transnacionais e, polo menos, un dos seus membros deberá residir nun dos territorios de “Imaxina Atlántica”: Poitou-Charantes (Francia); Gales do Norte (Reino Unido); a rexión norte de Portugal e Galicia
A contía dos premios finais –que serán entre 8 e 6- oscilará entre os 2.000 e os 3.500 euros
As obras finalistas serán presentadas en Angoulême (Francia) en decembro, e en 2013 as obras percorrerán diferentes cidades das administracións provinciais e rexionais que participan no proxecto
O programa de cooperación interrexional “Imaxina Atlántica” vén de convocar un concurso de arte dixital a nivel europeo que está aberto a escolas, estudantes, artistas e novos profesionais. A data límite de inscrición dos equipos participantes é o próximo 3 de setembro.
Para participar nesta iniciativa, os interesados deberán constituír equipos de traballo transnacionais e, polo menos, un dos seus membros deberá residir nalgún dos territorios de “Imaxina Atlántica”: Poitou-Charantes (Francia); Gales do Norte (Reino Unido); a rexión norte de Portugal e Galicia.
O obxectivo desta medida é favorecer a cooperación, o intercambio de experiencias e o traballo conxunto de estudantes e artistas procedentes de diferentes países da Unión Europea.
As obras que se presenten deberán estar enfocadas para a súa integración nun espazo urbano, e poderán integrar son, imaxe, animación e novos medios. Os criterios de selección para o concurso terán en conta a orixinalidade da obra, a contemporaneidade, a calidade técnica e de execución, a pertinencia do enfoque e a consecución da valorización do patrimonio no que sexan instaladas.
Trala selección, haberá entre seis e oito premios finais. O primeiro deles estará dotado con 3.500 euros; o segundo, con 3.000; o terceiro con 2.500; e os seguintes con 2.000 euros. As obras finalistas serán presentadas en Angoulême (Francia) en decembro deste ano, durante a conferencia intermedia de Imaxina Atlántica. En 2013, as obras percorrerán diferentes cidades das administración provinciais e rexionais que participan neste proxecto.
O programa “Imaxina Atlántica” busca crear unha rede atlántica de profesionais das tecnoloxías da imaxe. Para conseguilo, promove os intercambios profesionais, o achegamento do turismo ás novas tecnoloxías, a organización de seminarios ou a promoción dun clúster a escala internacional. A aposta pola creatividade xuvenil como fórmula previa ao emprendemento é un dos obxectivos da Estratexia Xuventude 2013.
As bases da iniciativa pode consultarse no apartado de programas da Unión Europea do portal http://xuventude.xunta.es.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou na mesa redonda ‘Administración e xuventude’, na que explicou a importancia das políticas dirixidas á mocidade
Na iniciativa tamén tomarán parte o primeiro piloto galego en competir en Fórmula 2, José Luís Abadín; o xornalista deportivo, Terio Carrera; o director da empresa Ilusións Máxicas, Xacobe Sanz; e o membro da Asociación Xuvenil Vella Escola de Noia, Pablo Castiñeiras
Ao longo da xornada levaranse a cabo diferentes actuacións como unha exhibición de breakdance e un obradoiro de graffiti, ao tempo que os participantes poderán gozar de actividades deportivas como a tirolina e o rapel
O auditorio de Ribeira acolle hoxe un encontro dirixido á mocidade dentro do programa Conecta da Consellería de Traballo e Benestar que nesta ocasión está centrado no emprendemento no sector do ocio e do tempo libre. Na xornada, que se prolongará ao longo de todo o día, están a tomar parte máis dun cento de mozos e mozas e 15 asociacións da comarca do Barbanza.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou a iniciativa e, a continuación, participou na mesa redonda ‘Administración e xuventude’, xunto co alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, e a concelleira de Xuventude de Padrón, Carmen María Lois Ferrón.
Rodeiro expuxo a importancia das políticas dirixidas á mocidade que se levan a cabo desde as administracións, así como os proxectos e programas que desde a Dirección Xeral de Xuventude se están a desenvolver na actualidade.
Neste eido, destacou que os temas que afectan á xuventude non dependen dun só departamento da administración, senón que competen a todos eles. “De aí que a Xunta de Galicia aprobase para esta lexislatura a Estratexia Xuventude 2013, un Plan que obriga e compromete a todo o Goberno galego, para converter as políticas de xuventude nunha materia transversal que ocupa a todas as consellerías”, apuntou.
Así mesmo, afirmou que o Parlamento de Galicia ten previsto aprobar a próxima semana a primeira Lei de Xuventude de Galicia,” polo que poderemos dicir que se cumpre unha débeda histórica que a autonomía galega mantiña coa nosa mocidade “, precisou.
Así mesmo, o director de Xuventude, no seu relatorio, puxo como exemplo o programa ‘Conecta’, que se está a realizar en diferentes cidades e vilas de Galicia co obxectivo final de ofrecer á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación, así como fomentar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas. Neste senso, afirmou que a finalidade última deste programa forma parte dos eixos prioritarios de traballo da Estratexia Xuventude 2013 da Xunta.
Programación en Ribeira
En Ribeira, esta iniciativa está centrada no eido do tempo libre e, así, están programadas diferentes actividades relacionadas con este ámbito ao longo de toda a xornada. Pola mañá celebraranse relatorios sobre o tempo libre e a tecnoloxía e sobre o ocio na cultura urbana cunha exhibición de breakdance. Ademais, terá lugar a ponencia ‘Creando futuro’ na que tomarán parte o xornalista deportivo, Terio Carrera, e o primeiro piloto galego en competir en Fórmula 2, José Luís Abadín. A constancia e a dedicación serán as claves do relatorio onde os participantes darán a súa visión persoal dos pasos a seguir para emprender desde os diferentes ámbitos.
A tarde comezará coa mesa redonda ‘Fai do teu ocio o teu negocio’ na que tomarán parte o director da empresa Ilusións Máxicas, Xacobe Sanz, e o membro da Asociación Xuvenil Vella Escola de Noia, Pablo Castiñeiras. O emprendemento xuvenil desde a vocación é o tema central desta actividade onde cada un dos poñentes explicarán a súa experiencia profesional para iniciar un proxecto empresarial desde o ocio persoal.
A continuación celebrarase unha mostra de asociacións e ONG´s, que tamén se organizará pola mañá, así como obradoiros de graffiti, turntablism Dj e de beatbox. Así mesmo, terán lugar actividades deportivas de tirolina e rapel.
A xornada concluirá co relatorio ‘Viaxa con Europa’, onde se exporán as características básicas do programa Xuventude en Acción da Unión Europea. Farase un repaso das posibilidades que ofrece esta iniciativa para poder levar a cabo diferentes actividades e intercambios financiados pola Unión Europea. Como colofón haberá unha actuación de maxia.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe a iniciativa que se está a desenvolver por toda Galicia
A actividade, financiada polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal da UE, ofrece á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación
Rodeiro destacou a importancia do ámbito do tempo libre na Comunidade autónoma, xa que os mozos e mozas dedican un total de 21,8 horas semanais a actividades de lecer
Neste eido, resaltou que a Xunta puxo en marcha este ano un total de 16.500 prazas en diferentes programas de ocio alternativo
A localidade de Ribeira acollerá este sábado a quinta xornada do programa ‘Conecta: Actívate en emprende’, un espazo dirixido aos mozos e mozas onde terán a oportunidade de expoñer as súas inquedanzas, proxectos e actividades, fomentando un traballo en rede.
A iniciativa en Ribeira centrarase no emprendemento xuvenil no sector do ocio e o tempo libre, tal e como anunciou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, na presentación desta actividade que se financia a través do programa de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal da Unión Europea (POCTEC).
Na actividade participarán asociacións xuvenís e prestadoras de servizos á xuventude, así como empresas de ocio e tempo libre, membros das administracións públicas e diferentes personalidades como José Luís Abadín, primeiro piloto galego en competir en Fórmula 2, Terio Carrea, xornalista deportivo, ou Xacobe Sanz, director da empresa Ilusións Máxicas, entre outros.
Rodeiro explicou que ‘Conecta’ estase a desenvolver en diferentes cidades e vilas de Galicia co obxectivo final de ofrecer á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación, así como fomentar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas. Neste senso, afirmou que a finalidade última deste programa forma parte dos eixos prioritarios de traballo da Estratexia Xuventude 2013 da Xunta.
Así mesmo, o responsable da área autonómica sinalou que ‘Conecta’ busca renovar o enfoque do traballo coa mocidade a través da animación e da dinamización como métodos para abordar as oportunidades dos mozos e mozas, unha liña de traballo pioneira en España. “O que pretendemos é fomentar e promover actividades de educación non formal para que a xuventude desenvolva as súas capacidades para emprender accións de participación social, creatividade, asociacionismo ou voluntariado”, apostilou.
Neste ámbito, Rodeiro explicou que para potenciar a educación non formal a Consellería de Traballo e Benestar puxo en marcha esta lexislatura un novo modelo de participación xuvenil a través dos programas Iniciativa Xove e Voluntariado Xuvenil. “Estamos convencidos que a través da participación xuvenil e da responsabilidade persoal que leva implícita pódese desencadear nos mozos e mozas un verdadeiro proceso de educación non formal de gran utilidade para o futuro”, subliñou Rodeiro.
Por último, o director xeral de Xuventude destacou a importancia da temática que se abordará o sábado en Ribeira, o emprendemento no sector do tempo libre, xa que apuntou que segundo o estudo Xuventude Galega 2010, os mozos e mozas galegas dedican un total de 21,8 horas semanais a actividades de lecer.
Neste eido, ademais, a Administración autonómica puxo en marcha este ano un total de 16.500 prazas en diferentes programas de ocio alternativo e destacou que as 39 escolas de tempo libre galegas expediron en 2011 un total de 1.117 títulos, sendo desde o 2000 o ano con máis alumnos nestes centros.
“Coa posta en marcha de programas de ocio podemos desestacionalizar o labor das empresas especializadas neste sector, e, polo tanto, os monitores de tempo libre poderán atopar con máis facilidade un posto de traballo durante todo os meses do ano”, concluíu Rodeiro.
O quinto foro de ‘Conecta’
A actividade que terá lugar o sábado en Ribeira será o quinto foro ‘Conecta’ dos 10 que se realizarán por toda a xeografía galega. En Santiago abordáronse as relacións entre a universidade e a empresa; en Vila de Cruces as oportunidades no rural galego; en Ferrol a formación para o emprego; en en Burela o emprendemento no agro e no mar.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Asociación Empresarial de Viseu apostan polas profesionais artesanais en risco de desaparecer
O programa ‘Xuventude Emprendedora en Europa (JE-EU)’ permitirá aos novos emprendedores atopar asesoramento para garantir a viabilidade da empresa que queira poñerse en marcha
O obxectivo é proporcionar as ferramentas necesarias a todos os mozos e mozas interesados en recibir en transferencia empresas xa creadas
O prazo de inscrición para presentar os proxectos ábrese mañá
A Consellería de Traballo e Benestar participará no proxecto ‘Xuventude Emprendedora en Europa (JE-EU)’ que ten como obxectivo promover entre a mocidade galega e portuguesa os oficios tradicionais e artesanais en risco de desaparecer por non atopar novos profesionais que consideren atractiva a súa continuidade como empresarios destes sectores. Así, mañá abrirase o prazo de inscrición para aqueles mozas e mozos que estean interesados en poñer en marcha as iniciativas para crear ou transferir unha idea empresarial.
Este programa, un proxecto conxunto entre a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e a Asociación Empresarial de Viseu, en Portugal, permitirá aos novos emprendedores atopar asesoramento en todos os trámites e pasos necesarios, tanto a nivel organizativo como de transferencia, para alcanzar un nivel óptimo de asentamento e viabilidade da empresa do seu interese.
A iniciativa está financiada pola Comisión Europea, a través do Programa de Aprendizaxe Permanente Leonardo da Vinci de Transferencia de Innovación e o seu obxectivo principal é proporcionar as ferramentas necesarias a todos os mozos e mozas interesados en recibir en transferencia empresas xa creadas. Unha iniciativa similar xa se realizou nas rexións de Lombardía e Toscana, en Italia, cun notable éxito de participación.
Unha vez que se teña a relación de participantes, haberá xornadas formativas para todos os proxectos e, cando se analice cada proposta, organizarase a posta en funcionamento e o programa de seguimento de cada actividade empresarial concreta.
En ‘Xuventude Emprendedora en Europa (JE-EU)’ tamén participan como colaboradores a Institución do distrito industrial da provincia de Arezzo, a Asociación Integra da Coruña e a consultoría Globaladamastor de Viseu. Toda información complementaria así como o formulario de inscrición e requisitos estará publicada na páxina www.xuventude.net, no apartado de programas europeos dentro do espazo dedicado a proxectos de Transferencia e Innovación.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse hoxe ata a área recreativa de Cabanas para participar nesta actividade, organizada pola asociación ASDE-Scouts de Galicia polo seu centenario
O novo modelo de participación xuvenil “Iniciativa Xove” permite desde 2009 optar a axudas tanto a asociacións constituídas, como a grupos informais de mozos e mozas
Desde hai dous anos, o número de proxectos que se desenvolveron ao abeiro deste programa pasaron de 39 a 124
Máis de 200 scouts de Galicia recuperan hoxe o entorno natural do Lugar de Interese Comunitario do encoro de Abegondo-Cecebre, unha iniciativa que se inscribe no programa “Iniciativa Xove” posto en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse hoxe ata a área recreativa de Cabanas –unha das zonas nas que traballan os scouts- para coñecer de preto o seu labor. Esta actividade está organizada pola asociación ASDE-Scouts de Galicia con motivo do seu centenario.
Os participantes de entre 7 e 19 anos, que proveñen de distintos puntos da xeografía galega, arranxarán carteis e marcas no roteiro desde Cabanas ao pantano; limparán a maleza de sendeiros e recuperarán a área recreativa de Cabanas. Os máis pequenos encargaranse de plantar 40 exemplares de carballos e castiñeiros autóctonos na zona de Beldoña.
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colabora nestas actuacións con financiamento a través do programa “Iniciativa Xove”. Este novo modelo de participación xuvenil abriu desde 2009 a posibilidade de participación non só a asociacións constituídas, senón tamén a grupos informais de mozos e mozas, co obxectivo de aportar máis dinamismo e favorecer a participación da mocidade.
Grazas a este pulo, nestes dous anos os proxectos de carácter autonómico desenvoltos ao abeiro deste programa pasaron de 39 a 124. Este programa financia os proxectos xuvenís no seu centro por cen, mentres non superen os 4.000 euros. Ademais, a Administración realiza anticipos automáticos de pagamento do 80 por cento do custe do proxecto, unha vez que as entidades ou grupos manifesten expresamente a aceptación da mesma, “de xeito que a falta de liquidez non sexa un impedimento para levar a cabo proxectos interesantes”.
Ademais de a esta iniciativa, Rodeiro referiuse tamén ao Servizo de voluntariado xuvenil. Trátase dunha iniciativa pioneira que se basea na creación, en paralelo, de dúas bolsas complementarias: unha de proxectos de voluntariado, e outra cos mozos e mozas que desexen incorporarse como voluntarios.
Para consolidar este proxecto, este ano triplicouse o orzamento destinado a este fin ata chegar aos 210.000 euros. Deste xeito, permitirase que máis de 1.000 mozos e mozas se incorporen a proxectos de voluntariado e realicen 60.000 xornadas de acción voluntaria.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, inaugurou hoxe esta mostra na que os participantes terán ocasión de coñecer a visión que sobre o mundo agrario e pesqueiro teñen destacados profesionais
Os participantes compartirán experiencias sobre como emprender, cal é o futuro do sector primario, nichos de emprego en tempos de crise ou cal é o camiño cara o éxito profesional
Esta mostra xuvenil inscríbese na xeira de nove actos pertencentes ao Programa Conecta da Dirección Xeral de Xuventude que percorrerán outros tantos concellos galegos
O encontro xuvenil ‘Terra e mar, fonte de emprendemento xuvenil’, que se está a celebrar hoxe en Burela (Lugo), organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, achegará aos mozos e mozas as posibilidades de emprendemento dos sectores agrario e pesqueiro.
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, inaugurou hoxe esta mostra na que os participantes terán ocasión de coñecer a visión que sobre o mundo agrario e pesqueiro teñen destacados profesionais vinculados a ambos os dous sectores distribuídos en tres mesas de traballo.
A representante do Executivo galego na provincia de Lugo destacou que “a mocidade é un colectivo prioritario nas políticas de emprego da Xunta” e, fixo alusión a que “só en 2011, investíronse precisamente 81 millóns de euros en políticas de emprego xuvenil”.
Así mesmo, Arias expuxo tamén que, nos próximos días serán publicadas as novas liñas de axudas para emprendedores do IGAPE, que “polos beneficios do Impulsa Lugo suporán que os proxectos que se ubiquen na provincia de Lugo contarán con maiores vantaxes”.
Estas ponencias complementaranse con diversas actividades paralelas: talleres sobre emprego e emprendemento xuvenil, mostras de talento xuvenil en distintos ámbitos e saídas a lugares emblemáticos da Mariña lucense.
A primeira das mesas buscará o pulso do éxito profesional a través do liderado xuvenil da man de profesionais coma Luis Lamas, licenciado en dereito e actualmente presidente de SOGAMA; Pablo Costa, mozo arquitecto que desenvolve o seu traballo no estudio do afamado arquitecto Peter Einsemann en Nova York; o analista financeiro Carlos Corredoira; e representantes da asociación de mozos empresarios AJE.
Haberá tamén unha mesa redonda sobre as oportunidades que os mozos e mozas galegos poden atopar no sector primario. Nela participarán Antonio Basanta, licenciado en ciencias políticas e master en economía pesqueira e actualmente xefe de relación institucionais e internacionais da Consellería do Mar; José Taboada, veterinario e mozo titular da súa propia explotación láctea e representantes das empresas Quintián e Produtores rurais de Lugo vinculadas pola súa actividade ao sector lácteo.
Paralelamente ás actividades matutinas haberá talleres sobre emprego e seguridade social para mozos e mozas.
Xa pola tarde, asociacións e entidades xuvenís da comarca amosarán o resultado do seu traballo creativo en distintos ámbitos (danza, xogos de roll, música...) estas actividades complementaranse con saídas a enclaves de interese da mariña lucense.
Esta mostra enmarcase no proxecto transfronteirizo ‘Emprende’ e conta coa participación e colaboración de diferentes entidades, tanto galegas como portuguesas. Despois de recalar nos concellos de Santiago, Vila de Cruces e Ferrol; esta é a cuarta das nove mostras sobre emprendemento xuvenil que conforman o programa ‘Conecta’, que está a levar a cabo a área autonómica de xuventude.
Onte, Xoves 24 de maio de 2012, tivo lugar no Centro coordinador unha xornada baixo o título “Xornada buscando emprego con estratexia” organizada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
O ponente Mario Lado Campelo. profesor da Universidade de Santiago de Psicología do Traballo e das Organizacións e con ampla experiencia en selección de persoal, presentou aspectos moi relevantes en canto a como elaborar un curriculum, a carta de presentación e como enfrentarse a unha entrevista.
Na xornada estaban inscritos máis de 70 mozos e mozas en busca de emprego.
Así mesmo as mozas e mozos que asistiron a xornada van a participar nun programa de busca activa de emprego con un seguimento durante unha quincena dos dous profesionais que levan a oficina de emancipación xuvenil.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na I Xornada de limpeza de praia “Memorial Suso Pais”, organizada polos voluntarios do club “Os Petóns”
Esta iniciativa estenderase a outras zonas dos arredores e nela colaboran a Xunta, o concello de Muros, así como diversas asociacións e empresas privadas do contorno
Rodeiro destacou que o fomento do voluntariado corporativo é un dos obxectivos máis ambiciosos do III Plan galego de acción voluntaria 2011-2014
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colabora desde hoxe na I Xornada de Limpeza de praia “Memorial Suso Pais”, que organizan os voluntarios do club de actividades subacuáticas “Os Petóns”.
O director de xuventude e voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta iniciativa que ten como obxectivo retirar da praia de Area Maior e do seu contorno todo o material biodegradable e concienciar aos veciños da importancia de manter o medio ambiente libre de elementos que lle son estraños.
Durante as seguintes fins de semana, esta iniciativa estenderase tamén a outras praias da zona e ao Porto de Muros. Nestas xornadas colaboran –ademais da Consellería de Traballo e Benestar-, o concello de Muros, e as asociacións As Lobeiras, Canle e Rumial, así como empresas privadas con forte implantación na zona.
Ao respecto da colaboración destas empresas, Rodeiro indicou que iniciativas como a de hoxe veñen a dar cumprimento a un dos obxectivos “máis ambiciosos” do III Plan galego de acción voluntaria 2011-2014, que é o fomento da acción voluntaria corporativa, implicando a empresas e aos seus traballadores en proxectos de voluntariado.
“Trátase de construír un modelo de participación onde todas as persoas, e tamén as empresas, teñan a posibilidade de facer a súa achega voluntaria co obxectivo de participar nunha sociedade máis xusta e equitativa”, resaltou Rodeiro. Deste xeito, as empresas “teñen a oportunidade de canalizar o seu potencial a través de entidades de acción voluntaria, e estas teñen máis recursos e oportunidades para desenvolver os seus proxectos”. Polo tanto o director xeral concluíu que, finalmente, destas accións os grandes beneficiados son os veciños das comunidades onde se desenvolven.