En portada (1158)

conferencia_ddhh_e_democraciaOs departamentos de Xuventude e Educación do Consello de Europa, xunto coa Comisión Europea abriron a convocatoria de candidaturas para a Conferencia “Os dereitos humanos e a democracia en acción” e para a enquisa sobre a Carta de educación para unha cidadanía democrática.

A conferencia, que terá lugar en Estrasburgo o 29 e 30 de novembro do 2012 desempeñará un papel decisivo na configuración do traballo do Consello de Europa en materia de dereitos humanos e educación para a cidadanía nos vindeiros anos.

Neste contexto, destacar que fai dous anos o Consello de Europa aprobou a Carta sobre a educación para unha cidadanía democrática e a educación en dereitos humanos, marcando un importante paso adiante na incorporación da educación en dereitos humanos na educación formal e non formal. Agora esta institución europea abre unha enquisa sobre a dita Carta entre os asociados non gobernamentais (organizacións xuvenís, organizacións de dereitos humanos, pais e nais, asociacións de mestres, asociacións de estudantes,.....)

O prazo de inscrición para a conferencia e máis para a enquisa está aberto ata o 15 de setembro e os formularios están dispoñibles en dous idiomas, inglés e francés, no seguinte enlace:

http://youthapplications.coe.int

No caso da Conferencia, para as consultas, os interesados poden contactar coa organización en: eyc.programme@coe.int

Máis información

  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, percorreu hoxe as diferentes prazas da cidade, onde se están a desenvolver as distintas intervencións artísticas do proxecto ‘Imaxina Atlántica: Teatros de pedra’
  • Entre as actividades programadas, que se desenvolverán ata o 12 de agosto, destaca a creación dun percorrido turístico alternativo a través das artes da música, escultura, graffiti, expresión corporal ou a danza
  • Con esta iniciativa, da Consellería de Traballo e Benestar, dáse a coñecer a Europa Atlántica, a cultura galega e inténtanse recuperar lugares emblemáticos de Santiago

Santiago acolle ata o próximo 12 de agosto o proxecto ‘Imaxina Atlántica: Teatros de Pedra’, unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que está a converter estes días sete prazas de Santiago en sete ‘Teatros de Pedra’. En concreto, nove mozos e mozas creadores están a desenvolver diferentes representacións artísticas para dinamizar lugares emblemáticos da cidade e, desta forma, dar a coñecer a Europa Atlántica e a cultura galega.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acompañado polo concelleiro de Xuventude de Santiago, Adrián Varela, percorreu hoxe as distintas rúas e prazas nas que se está a desenvolver esta actividade.

A ruta comezou polas prazas de Sal e Oliveira, onde Rodeiro coñeceu de primeira man os traballos de dous mozos artistas, un grafiteiro e un videocreador. Por unha banda, o responsable de Xuventude foi partícipe directo da creación dun grafitti, onde un dos mozos creativos está a plasmar sobre un panel unha alegoría efímera á cidade de Santiago e ao misterio que garda a cidade en si. E, por outro lado, Rodeiro veu unha videocreación na que se reinvindica a importancia do aceite de oliva na historia de Galicia e a súa posta en valor.

Posteriormente, acompañados por unha personaxe caracterizada, seguiron co percorrido por Entremuros, ata chegar a Praza de San Roque, onde a música e a pintura son as protagonistas. Unha moza artista está a representar na súa obra pictórica a unión de Galicia e Gales a través da música. A escultura está presente na Praza de San Fiz, a canción tradicional na Praza de San Miguel e a expresión corporal na rúa Campás de San Xoán.

Se ben cada especialidade ten presenza propia en cada unha das sete prazas, todas converxen nun traballo multidisciplinar que se levará a cabo na Praza da Inmaculada, na que os 9 participantes no programa crearán un traballo todos xuntos sobre unha temática: a choiva dende diferentes puntos de vista.

O programa está enmarcado dentro do proxecto ‘Imaxina Atlántica: espazo atlántico, territorios creativos innovadores’ aprobado ao abeiro do proxecto ‘Espazo Atlántico’, no que participan rexións de España, Francia, Reino Unido e Portugal.

A finalidade desta iniciativa é promover e estimular a creación de artistas dentro dos parámetros da arte actual, unha promoción do intercambio urbano a través dos artistas e os propios espazos cidadáns; crear unha actividade artística relacionada coa xuventude; e fomentar un punto de encontro entre mozos e mozas creadores e non creadores pero con inquedanzas artísticas que fagan unha posta en común.

  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe as instalacións deste campamento
  • Os participantes contan cunha programación que inclúe sendeirismo, orientación, bicicleta ou iniciación á canoa e ao kaiak

visita_ciesUn total de 180 rapaces e rapazas de entre 11 e 13 anos pasarán, en diferentes quendas e durante este verán, polo campamento da Illa de Ons. Esta actividade está enmarcada na campaña de verán que organiza a Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe as instalacións deste campamento.

Na quenda actual están a participar un total de 60 mozos e mozas de 12 a 13 anos. A actividade denomínase “Aventura na illa” e inclúe actividades como: sendeirismo guiado, orientación, bicicleta, natureza mariña, astronomía, iniciación á canoa e ao kaiak de mar, e unha travesía en barco para coñecer a illa desde o mar.

Entre os obxectivos destas actividades, sitúase recoñecer a importancia do medio natural no desenvolvemento social, cultural e histórico da illa, e aproveitar os recursos locais; ao tempo que se fomentan hábitos de vida saudábeis, de convivencia e de integración.

Cabe destacar que as instalacións da Illa de Ons tamén forman parte da oferta concertada que organiza Xuventude para permitir que asociacións xuvenís e outras entidades sen ánimo de lucro conten cos medios e instalacións axeitadas para desenvolver os seus programas de lecer e tempo libre. A oferta concertada nestas instalacións desenvolverase entre o 18 e o 29 de agosto.

A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permite a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.

  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe en Santiago aos protagonistas desta iniciativa que forma parte do programa de mobilidade ‘Xuventude en Acción’ da UE
  • O obxectivo da iniciativa é fomentar actitudes de respecto e conservación da natureza e a posta en valor do patrimonio ambiental dos pobos como medio para combater a pobreza
  • Rodeiro destacou que un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil e, por iso, a Consellería de Traballo e Benestar xestionará ao longo de 2012 máis de 2.350 prazas a través de diversos programas deste eido

voluntarios_martinicaValdoviño (A Coruña) e Catoira (Pontevedra) acollen estes días un intercambio xuvenil entre mozos e mozas de Galicia e a Illa A Martinica na que están a participar 20 mozos e mozas que forman parte da asociación Union des jeunes de Monnerot e do colectivo galego Futura XXI.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe en Santiago aos protagonistas desta iniciativa, que baixo o título ‘Voluntariado e medio ambiente: oportunidades contra a pobreza e a marxinación’ busca fomentar actitudes cotidiás de respecto e conservación do medio ambiente; a posta en valor do patrimonio ambiental dos pobos como medio para combater a pobreza; e entender os proxectos de voluntariado como unha forma de compromiso activo e ferramenta para aumentar ou mellorar as competencias cara ao desenvolvemento persoal, social e profesional.

A convivencia permitirá durante 15 días que os 20 mozos e mozas, pertencentes a dúas comunidades, descubran as súas similitudes e diferenzas e coñezan os proxectos de voluntariado ambiental.

Rodeiro destacou que os intercambios xuvenís son “unha gran oportunidade” para a mocidade e, por iso, indicou que un dos eixos do Plan Estratéxico de Xuventude é o fomento da mobilidade xuvenil. Así, apuntou que a Consellería de Traballo e Benestar xestionará máis de 2.350 prazas neste eido ao longo de 2012 a través de diferentes programas como ‘Xuventude no mundo’, unha iniciativa que a Xunta puxo en marcha en 2010 para que os mozos poidan realizar un programa de actividades noutras partes de Europa. O seu principal obxectivo é obter experiencias de educación non formal no estranxeiro, ampliar o coñecemento doutras linguas, culturas e costumes e incrementar a responsabilidade e potenciar valores como a solidariedade, o voluntariado e a tolerancia.

A cuarta edición deste programa, que vai dirixido a mozos e mozas galegos de entre 18 e 30 anos, ofertou este ano 108 prazas para realizar intercambios en 10 países diferentes.

Por último, e no eido do voluntariado, o director xeral destacou que o departamento autonómico puxo en marcha en 2011 o servizo de voluntariado xuvenil, un proxecto piloto inspirado no servizo de voluntariado europeo que en 2012 permitirá a 1.000 mozos e mozas galegos, de entre 18 e 30 anos, incorporarse a proxectos de voluntariado que leven a cabo entidades e os concellos de Galicia que estean inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Os proxectos que se subvencionen teñen de media unha duración de entre 15 días e dous meses e financiarase un máximo de 8 persoas voluntarias por iniciativa. Ao rematar cada actuación, os seus participantes poden obter unha certificación oficial da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado que lles servirá para acreditar curricularmente a experiencia adquirida.

  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe as actividades que se están a desenvolver na capital ourensá e en Celanova
  • Destacou que estas iniciativas de voluntariado e mobilidade fomentan a educación non formal e a creación dun espazo de convivencia e solidariedade xuvenil
  • Os participantes proceden de Taiwán, República Checa, Francia, Rusia, Brasil, Cuba, Italia, México e España
  • As dúas actuacións forman parte da campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar que oferta este ano máis de 8.000 prazas en toda Galicia

visita_voluntariadoUn total de 40 mozos de 9 nacionalidades diferentes están a participar nesta primeira quincena de agosto nos dous campos de traballo internacionais que se están a celebrar na provincia de Ourense: un na capital ourensá e outro en Celanova.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe aos mozos e mozas que están a tomar parte nas diferentes actividades de voluntariado e mobilidade e destacou que estas actuacións supoñen “crear un espazo de convivencia e solidariedade xuvenil, onde os participantes reciben a través desta experiencia uns valores moi positivos a través dun proceso de educación non formal que é de gran utilidade para o futuro”.

Rodeiro desprazouse en primeiro lugar ao campo de traballo que se está a celebrar na capital ourensá, que está centrado na dinamización social e cultural. O seu obxectivo fundamental é fomentar a participación dos voluntarios nas actuacións de servizo á comunidade a través do deseño, planificación e posta en marcha de iniciativas relacionadas co patrimonio e o turismo da cidade de Ourense e os seus arredores.

Para elo, os mozos e mozas realizan actividades de difusión na rúa, creación de performances turísticas e de documentais turísticos. Neste campo de traballo están a tomar parte mozos e mozas de Taiwán, República Checa, Francia, Rusia, Brasil, Cuba, Galicia, Andalucía e Canarias.

Pola súa banda, o campo de traballo de Celanova é de carácter sociocultural e as súas actividades xiran ao redor da programación da asociación Terras de Celanova e da residencia da terceira idade da mesma localidade. Ademais, tamén se levan a cabo actuacións coa Fundación Curros Enríquez e o propio Concello de Celanova, entre as que destaca a sinalización do xacemento arqueolóxico de Castromao, un dos principais referentes da cultura castrexa do noroeste peninsular.

A visita a este xacemento permite coñecer como foron os primeiros asentamentos sociais no noroeste da península na Idade de Bronce, así como a súa evolución no tempo, ademais do proceso de adaptación das estruturas aos novos tempos e ás novas necesidades construtivas.

Nesta iniciativa están a participar mozos de Italia, Francia, Rusia, México, Brasil, Galicia, Castela e León, Andalucía, Madrid, País Vasco, Estremadura e Aragón.

Os dous campos de traballo de Ourense forman parte da campaña de verán da Consellería de Traballo e Benestar, que oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, o departamento autonómico está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.

  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe o campamento xuvenil de “Furelos” e o campo de traballo “Babelia”
  • O campamento, onde participan mozos e mozas de entre 12 e 17 anos nas distintas quendas, é a instalación galega que inclúe a actividade de iniciación á equitación
  • Pola súa banda, no campo de traballo hai mozos e mozas de distintas nacionalidades, así como outros procedentes de comunidades autónomas

Preto de 220 mozos e mozas participarán durante este verán nas actividades do campamento xuvenil “Furelos” e no campo de traballo “Babelia”, ambos situados en Melide.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe ambas instalacións.

No campamento xuvenil de Furelos terán participado, ao final do verán, 180 rapaces e rapazas de entre 12 e 17 anos, repartidos en quendas de 60 participantes. Nesta quenda, están a tomar parte nas actividades mozos e mozas de entre 12 e 14 anos.

O programa que se desenvolve nestas instalacións denomínase “En bicicleta e cabalo na natureza”, e comprende actividades lúdicas e de aventura co obxectivo de promover a educación e participación social na conservación dos recursos.

Entre as distintas actividades que se están a levar a cabo, inclúese a de iniciación á equitación, sendo este o único campamento galego desta campaña de verán que inclúe este recurso. Tamén se organizan saídas en bicicleta de montaña en grupos reducidos, rutas de orientación, iniciación ao tiro con arco e rutas interactivas de sendeirismo.

Pola súa banda, o campo de traballo “Babelia” é unha actividade de voluntariado e mobilidade de dinamización social, baseado na inmersión lingüística e na importancia histórica das diferentes linguas e culturas traídas polos peregrinos a través dos séculos.

Os participantes nesta actividade realizarán actividades de dinamización e apoio lingüístico a peregrinos e veciños de Melide. Está dividida en dúas quendas, con 20 participantes cada unha. A primeira delas comezou onte, con participantes de entre 18 e 30 anos procedentes de 9 nacionalidades distintas: República Checa, Francia, Italia, España, Arxentina, Holanda, Eslovaquia, Estados Unidos e Turquía. Entre os participantes españois, hai galegos, andaluces, castelán leoneses e canarios.

Na segunda quenda participarán outros 20 mozos e mozas que virán de Alemaña, Reino Unido, Grecia, Turquía, Rusia, Italia, Arxentina, Aragón, País Vasco, A Rioxa e Galicia.

A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.

actividades_xuventudeA carpa de xuventude empezou a súa andaina no 2010 e foise consolidando no 2011 e 2012. Así cada vez son máis as entidades e os concellos galegos que se suman a esta iniciativa, que responde ao obxectivo de fomentar e promover actividades de educación non formal para que a xuventude desenvolva todas as súas capacidades de emprender accións de participación social, creatividade, asociacionismo, voluntariado ou empregabilidade. Entre os meses de xullo, agosto e setembro, este escenario móbil desprazarase ata 33 concellos galegos

En cada concello ofrecerase información e asesoramento sobre os recursos e os programas para a xuventude: Iniciativa Xove, a liña de axudas para a obtención do carné de conducir, voluntariado xuvenil e ambiental, os programas de mobilidade xuvenil, os distintos carnés de desconto para a mocidade as prestacións do servizo Quérote +, os proxectos de cooperación tranfronteirizos Galicia – Norte de Portugal, ente outros.

Durante o mes de agosto, a carpa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado estará presente nos seguintes Concellos.

  • Mércores, 8: Laracha, na Praia de Caión, de 16:00 a 19:00 horas
  • Xoves, 9: Carballiño, na Praza Emigrantes, de 23:00 a 02:00 horas
  • Venres, 10: Quiroga, na rúa Arroyo, de 23:00 a 02:00 horas
  • Sábado 11: Cervo, na Praza de San Ciprián, no entorno da praza, de 14:00 a 17:00 horas
  • Domingo, 12: Cangas, na Praza das Pontes, de 20:00 a 00:00 horas
  • Martes, 14: Trabada, na Praza do Concello, de 21:00 a 01:00 horas
  • Venres, 17: Arteixo, no centro, de 16:00 a 20:00 horas
  • Sábado 18: Ponteceso, na Praia de Valarés, de 17:00 a 21:00 horas
  • Luns, 20: Xinzo de Limia, na rúa Curros Enriquez, de 23:00 a 02:00 horas
  • Venres, 31: Ferrol, na Praza de España, de 11:30 a 15:30 horas

visita_castelo_soutomaiorOs/as participantes na “Ruta en Kaiak de Mar 2012: Illa de San Simón” acudiron a visitar o conxunto do Castelo de Soutomaior dentro das actividades socioculturais que o mencionado programa desenvolve polas tardes en alternancia coa navegación da mañán.

O acto contou coa presenza de diversas autoridades locais e autonómicas. Por parte da Consellería de Traballo e Benestar, o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro Tato, a delegada da Xunta en Vigo , María José Bravo Boch, e a xefa do Servizo de Xuventude e Voluntariado de Pontevedra, Belén Queizán Piñeiro. Do Concello de Soutomaior estivo presente o seu alcalde, Agustín Reguera Ocampo, así como a concelleira de Educación, Fátima Vidal. As autoridades asistentes interesáronse pola opinión dos/as participantes, supervisando a labor do equipo técnico.

Asemade, amosaron o importancia de iniciativas como as “Rutas en Kaiak de Mar 2012: Illa de San Simón” onde a colaboración entre concellos e a Consellería de Traballo e Benestar, permiten ofertar propostas de lecer novidosas á mocidade galega.

A Consellería de Traballo e Benestar, no marco da Campaña de Verán 2012, desenvolve durante os meses de xullo e agosto o programa “Acción dVerán’12”, orientado a mozos/as entre os 18 e os 35 anos, nos que oferta un amplo abano de actividades que van desde “Rutas coñece Galica ” ata “Aventura e deporte”, pasando por “A Coruña Express ” (estadías de 4-5 días por grupos e parellas desenvolvendo actividades de lecer e culturais) ou “H2o+” (actividades deportivas e de coñecemento do medio fluvial e marítimo).

Dentro desta programación atópase a “Ruta en Kaiak de Mar” que percorre nestas embarcacións as Rías Baixas. A convocatoria do 2012 corresponde á denominada “Illa de San Simón” que, dende o xoves 2 ao luns 6 de agosto percorre a Ría de Vigo pasando polo Concello de Soutomaior.

Os/as 25 participantes, que teñen como único requisito previo (xunto ca idade) saber nadar, disfrutan dunha actividade de

aventura, con tránsitos en diferentes portos e illas. O programa está orientado para todos aqueles/as que queiran vivir a navegación recreativa polas Rías Baixas en kaiak de mar, combinando esta con actividades de tempo libre.

Deste xeito, os/as participantes desfrutarán dunha xornada de navegación durante a mañán e pola tarde visitan as diferentes localidades polas que se navegan, descubrindo as súas paisaxes e xentes.

O programa é produto da colaboración entre a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e os diferentes concellos polos que se transita, así como da Fundación Illa de San Simón, contribuído á divulgación e promoción da nosa cultura mariña entre os/as máis novos/as. A idea non é tanto desenvolver unha actividade estritamente deportiva, senón máis ben mesturar esta co lecer propio destas datas recorrendo ao marco privilexiado das Rías galegas e todas as posibilidades que a este respecto ofrecen.

Durante a navegación, que se realiza en embarcacións individuais e dobres, os/as mozos/as contan coa asistencia dun equipo técnico formado por un director titulado en tempo libre, dous guías de kaiak (un deles tamén monitor de actividades de tempo libre) así como un terceiro técnico de tempo libre de apoio. Compre facer mención á colaboración da Fundación Illa de San Simón e de todo o seu equipo de traballo implicados activamente no desenvolvemento da actividade.

Seguindo os criterios rigorosos de asistencia e seguridade dos/as intervintes , a navegación é asistida tamén por terra con vehículos (furgoneta) e técnicos/as que seguen o percorrido en permanente comunicación co equipo en navegación. Aos medios antes reseñados súmase un remolque para as embarcacións da Federación Galega de Piragüismo que colabora, como en anos anteriores, no programa.

Na presente convocatoria navégase en kaiaks de mar (individuais, K1, e dobres, K2) e lévase como acompañamento e asistencia unha embarcación de apoio. Polas tardes particípase en visitas programadas a lugares de interese (museos, rutas de sendeirismo, visitas guiadas a lugares históricos, eventos locais,…) coa colaboración do departamento de mocidade do Concello de Soutomaior. A todo isto súmanse actividades recreativas e deportivas como snorkel, banana acuática, sendeirismo, esquimotaxe, dinámicas de rol, playing e actividades alternativas.

A “Ruta Illa de San Simón”, dividida en cinco xornadas comeza cunha etapa de aclimatación ás embarcacións así como de posta en práctica de nocións básicas de navegación. O segundo día a travesía encárase ao veciño Concello de Soutomaior, visitando pola tarde o seu Castelo. O sábado a navegación dirixiuse a San Adrián de Cobres, Ponte de Rande e Meira. A cuarta xornada retornouse a Arcade, remontando o río ata a ponte colgante e realizando prácticas de rescate e esquimontaxe. A actividade remata o luns tras unha visita cultural.

  • O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, acudiu a visitar aos case 90 participantes da actual quenda, dos que 15 son rioxanos e o resto galegos
  • Durante once días desenvolverán actividades de aventura e deporte

penedos_de_xacintoUn total de 281 rapaces de idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos pasarán este verán polo campamento xuvenil Penedos de Xacinto, da localidade ourensá de Entrimo, dentro da campaña de verán organizada pola Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado polo xefe territorial de dita consellería, José Selas, visitou esta mañá aos 86 mozos e mozas que participan na quenda do 2 ao 13 de agosto neste campamento. Durante a súa estadía en Entrimo os rapaces poderán participar en actividades de aventura e deporte que inclúen escalada en rocódromo, piscina, sendeirismo, rutas ecolóxicas e en bicicleta, piragüismo....Tamén se realizarán competicións deportivas, obradoiros, excursións, xogos e unhas xornadas de astronomía.

A Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado oferta campamentos de intercambio con outras comunidades autónomas, que contempla a participación de mozos galegos nos albergues xuvenís de Cantabria, País Vasco, Estremadura, Castela León, Rioxa e Navarra. Pola súa banda, mozos destas seis comunidades tamén participan na Campaña de Verán da Xunta de Galicia. Concretamente, no campamento de Entrimo nesta quenda hai quince rapaces rioxanos e o resto son galegos.

Campaña de verán

Nesta campaña de verán a Xunta de Galicia oferta na totalidade da comunidade máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo. O orzamento total desta iniciativa ascende a preto de 2,4 millóns de euros. Este investimento permite que as empresas de ocio e tempo libre poidan contratar este verán a ´máis de novecentos monitores, na súa gran maioría xente nova.

  • O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe a instalación “Os Chacotes” de Palas de Rei e o albergue xuvenil de Portomarín
  • A provincia de Lugo é a segunda con máis prazas na campaña de verán, cun total de 1818

visita_chacotesPreto de 470 mozos e mozas de entre 9 e 17 anos participarán durante este verán nos campamentos que se están a levar a cabo no albergue xuvenil de Portomarín e na instalación “Os Chacotes” de Palas de Rei.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse hoxe ata estes dous centros, para coñecer de preto as súas actividades.

No caso do campamento xuvenil “Os Chacotes”, durante esta quenda están a participar no mesmo 60 mozos e mozas de entre 12 e 14 anos. O programa, que se denomina Aventura-T, propón actividades de escalada en rocódromo, bicicleta todoterreo, rotas de sendeirismo, actividades ao aire libre e piscina.

Pola súa banda, o albergue de Portomarín acolle nesta primeira quincena de agosto a 50 nenos e nenas de entre 9 e 11 anos. O campamento leva por título “Xogando no encoro. A nosa primeira aventura”, e conta con actividades con kaiak por augas bravas no río Ferreira, iniciación á escalada, minigolf, rotas en bicicleta todoterreo, piscina activa e sendeirismo.

Rodeiro lembrou que a provincia de Lugo é a segunda galega con máis prazas na campaña de verán, cun total de 1.818. Ademais destas dúas instalacións, na provincia tamén se organizan actividades no albergue xuvenil de Area (Viveiro), no campamento xuvenil da Devesa (Ribadeo), e no complexo xuvenil Lug II da capital.

A campaña de verán oferta en toda Galicia máis de 8.000 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos e campos de traballo, entre outras actuacións. Para isto, a Consellería de Traballo e Benestar está a investir 2,3 millóns de euros, o que, ademais, permitirá a contratación duns 900 monitores e directores de tempo libre.