A primeira Lei de Xuventude de Galicia constituirá “un verdadeiro” sistema de representación xuvenil aberto a toda a mocidade

22 Xun 2011

leiA primeira Lei de Xuventude de Galicia ampliará e garantirá a participación directa da xuventude nas mesmas, segundo lembrou o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que presentou hoxe a iniciativa nun encontro provincial no albergue de Gandarío, en Bergondo (A Coruña).

Rodeiro indicou que unha das características máis salientables do anteproxecto de Lei de Xuventude de Galicia é o cambio do actual modelo de participación xuvenil cara “un verdadeiro” sistema de representación xuvenil. O texto propón a creación do Consello Asesor e Consultivo de Xuventude de Galicia, un órgano colexiado, independente e aberto a todas as asociacións xuvenís e grupos informais de mozos e mozas, que reforza e impulsa a participación da mocidade e da sociedade civil nos temas de interese para a xuventude.

O novo texto facilita a incorporación de todas as asociacións xuvenís ao Consello, xa que se elimina o requisito actual polo que unha asociación non podía formar parte deste órgano sen contar co visto e prace das entidades preponderantes. Tamén se facilita e se promove a creación dos consellos locais de xuventude, co obxectivo de achegar o novo modelo de participación e dar máis protagonismo aos concellos. As asociacións xuvenís e mais os consellos locais terán garantido con este anteproxecto unha representación de, polo menos, o 51% dos votos do Consello.

Ademais de fomentar a participación xuvenil, o anteproxecto tamén dota de máis competencias ao Consello, ao asumir este as funcións do Observatorio Galego de Xuventude, que na actualidade depende directamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Ovidio Rodeiro incidiu en que Galicia ten a necesidade e urxencia de dispor dunha lei específica que mostre o compromiso da Xunta coa xuventude. Así mesmo, existe unha necesidade técnica de unificar a dispersión normativa y organizativa que hai actualmente co obxectivo de reforzar a transversalidade e coordinación das políticas públicas e redefinir os sistemas de participación actuais, impulsando a participación directa dos mozos e mozas, cun documento non pechado, senón aberto á participación para enriquecelo e melloralo.

A Dirección Xeral levará a cabo ao longo do mes de xuño a presentación do borrador a través de catro encontros provinciais e trece foros de debate con técnicos, entidades xuvenís, asociacións xuvenís, escolas de tempo libre, grupos informais e mozos e mozas interesados en participar e aportar propostas de mellora ao mencionado borrador.

Despois do encontro de Gandarío, as reunións continuarán mañá na Casa da Xuventude de Ourense; no Edificio Administrativo da Xunta en Vigo, o xoves; e no LUG II en Lugo, o venres.

Así mesmo realizaranse 13 foros de debate nos espazos xove da Rede Galega de Centros de Xuventude de Carballo, Curtis, Noia, Pontedeume, Ourense, Vilagarcía, Tui e Chantada, así como no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil de Galicia en Santiago, o día 27 de xuño as 20.00 horas. Á mesma hora, o día 28 os foros celébranse nos espazos xove de Betanzos, Lalín, Vilalba e Viveiro.

Todos os interesados en asistir a estes encontros participativos poden dirixirse aos Servizos Territoriais de Xuventude da súa provincia e aos espazos xove da Rede galega de centros de xuventude mencionados anteriormente.