A Xunta colabora na Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos que se celebra hoxe en Ourense

27 Xun 2013
  • Trátase dun encontro de novos creadores, onde as novas tecnoloxías da imaxe terán un lugar preferente
  • Este evento está organizado pola Deputación ao abeiro do programa Interreg “Imagina Atlántica” do que é socia a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado
  • O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou na inauguración desta conferencia e subliñou as actuacións do Goberno galego a prol do fomento da creatividade xuvenil

image_gallery_2O Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acolle hoxe e mañá a Conferencia Internacional sobre Territorios Creativos organizada pola Deputación ourensá e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Este encontro de novos creadores, onde as novas tecnoloxías da imaxe terán un lugar preferente, está enmarcado dentro do programa Interreg denominado “Imagina Atlántica”, do que é socio a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. O evento reúne a profesionais do audiovisual, a ilustración e as novas tecnoloxías procedentes de Galicia, Francia, País de Gales e Portugal.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou na inauguración desta conferencia e apuntou que “o fomento da creatividade xuvenil, e a través dela do emprendemento, é un dos sectores básicos da nova Lei de Xuventude de Galicia, porque sen dúbida, as ideas dos novos emprendedores están chamadas a ser as encargadas de impulsar a competitividade”.

Neste senso, Rogelio Martínez lembrou que a Dirección Xeral de Xuventude participa en varios programas que promoven a capacidade creativa da mocidade, dando lugar á creación e promoción do emprego xuvenil neste ámbito. O “Imagina Atlántica” posibilitou a participación de 24 mozos e mozas galegos nun programa de estadías e intercambios profesionais en diferentes empresas dos países participantes para novos técnicos no sector da arte dixital, que inclúe comunicación audiovisual, publicidade, produción artística e cultural e turismo aplicado á arte dixital.

Ademais, este departamento autonómico convoca o certame “Xuventude Crea”, a maior mostra de creatividade xuvenil de Galicia, na que participan máis de 300 novos valores do arte galego en 11 especialidades artísticas. O seu obxectivo é crear un espazo no que os mozos e mozas poidan exercitar as súas habilidades, ensaiar solucións innovadoras e valorar o exame crítico das obras. O prazo para presentar obras a este certame está aberto ata o 31 de xullo.

Na súa intervención, o delegado territorial referiuse aos programas transfronteirizos “Eurocidade” e “Emprende” por tratarse doutras iniciativas nas que colabora a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado co propósito de apoiar a interacción e colaboración entre a xuventude galega e portuguesa, e de promover actividades que convertan o espazo da eurorrexión nun marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais, potenciando o talento xuvenil.

Actividades de verán

Martínez aproveitou o acto para destacar a aposta do Goberno galego para manter, e mesmo incrementar, as actividades de educación non formal que se desenvolven dentro da campaña de verán dirixida á xuventude. Este ano, na provincia de Ourense, ofértanse un total de 785 prazas de campamentos -245 máis que na pasada convocatoria- ademais de ampliarse o número de albergues que acollen estas actividades.