Aberto o prazo de inscrición para participar nun programa de voluntariado ambiental en sálvora e Cortegada

25 Xun 2013

Esta iniciativa desenvolverase ao longo dos meses de xullo e agosto e os interesados en participar poden apuntarse na páxina web www.voluntariadogalego.org

Este programa naceu co obxectivo principal de sensibilizar e infundir nos participantes criterios e coñecementos básicos sobre a concienciación medioambiental e a recuperación de ecosistemas no Parque Nacional das Illas Atlánticas

As actividades a realizar polos participantes no programa están establecidas polos técnicos do propio parque e centraranse especialmente en traballos de apoio relacionados coa limpeza de praias e na erradicación de plantas invasoras

Ao finalizar a súa participación neste programa de voluntariado ambiental, obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, continúa este verán co programa de Voluntariado Ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas, en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Nesta ocasión, o programa de voluntariado desenvolverase nas Illas de Sálvora e Cortegada.

Xa está aberto o prazo de inscrición para esta actividade que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto e os interesados poden apuntarse na páxina web www.voluntariadogalego.org cubrindo un formulario.

Este programa naceu co obxectivo principal de sensibilizar e infundir nos participantes criterios e coñecementos básicos sobre a concienciación medioambiental e a recuperación de ecosistemas no parque nacional.

As actividades a realizar polos participantes no programa están establecidas polos técnicos do propio parque e centraranse especialmente en traballos de apoio relacionados coa limpeza de praias e na erradicación de plantas invasoras.

O programa desenvolverase en grupos de 8 voluntarios, os martes en Cortegada, con saída ás 12,00 horas e regreso ás 19,00 horas, e os xoves en Sálvora, con saída ás 10,00 horas e regreso ás 18,00 horas.

Os voluntarios teñen cubertos tanto os traslados desde os peiraos de Aguiño (Ribeira), no caso de Sálvora, e de Carril, no de Cortegada, como a manutención e un seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Poderán participar no programa voluntarios e voluntarias maiores de idade ou que teñen cumpridos os 16 anos con autorización. As persoas voluntarias que desexen participar, deberán levar unha indumentaria axeitada ás actividades a realizar, unha mochila e protector solar.

Ao finalizar a súa participación neste programa de voluntariado ambiental, obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado acreditativo que será inscrito como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

Este programa de voluntariado ambiental no Parque Nacional das Illas Atlánticas comezou nos meses de abril e maio, coa participación de máis de 40 voluntarios, que realizaron tarefas de apoio aos técnicos do parque, relacionados coa oceanografía e recursos mariños, fauna, flora e biodiversidade da illa de Ons.