Xuventude organiza un foro de emprendemento galego-portugués para potenciar as súas relacións empresariais

12 Xun 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou a xornada de emprendemento ‘Abrindo Fronteiras de Cambio’

Rodeiro apuntou que “no actual contexto social e económico, o emprendemento está a ser unha fonte fundamental de xeración de emprego e riqueza” e opinou que nese punto xorde a importancia das sinerxías para levar adiante proxectos empresariaisFRONTEIRAS

Con este encontro preténdese xerar lazos fortes entre emprendedores de ambos os dous territorios e cubrir as súas necesidades, descubrir as oportunidades e propiciar o intercambio de coñecementos e de intelixencia

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organizou hoxe en Pontevedra, en colaboración coa Federación de Xoves Empresarios de Galicia e co Instituto Portugués de Deporte e Xuventude, un foro de emprendemento galego-portugués co obxectivo de potenciar as relacións empresariais entre ambos países, ofertar oportunidades de colaboración e compartir proxectos e ideas emprendedoras a ambos lados da fronteira.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou a xornada e, na súa intervención, indicou que “as ideas dos novos emprendedores están chamadas a ser as encargadas de impulsar a competitividade”. Así mesmo engadiu que “o Goberno galego ten un firme compromiso con este colectivo, que son os que apostan por crear emprego e riqueza”. A mellor proba dese compromiso e a tramitación pola Xunta de Galicia da nova Lei do Emprendemento, que permite que poñer en marcha un proxecto de negocio sexa máis fácil e menos custoso, cun marco normativo estable e ordenado.

Ovidio Rodeiro apuntou que “no actual contexto social e económico, o emprendemento está a ser unha fonte fundamental de xeración de emprego e riqueza” e opinou que nese punto xorde a importancia das sinerxías para levar adiante proxectos empresariais.

Nese contexto púxose en marcha o foro de emprendemento ‘Abrindo Fronteiras de Cambio’, unha xornada que servirá para potenciar os obxectivos principais do programa ‘Emprende’ de cooperación transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (POCTEP), centrados en fomentar a creación de empresas e o emprego e autoemprego para mozos e mozas, promovendo actividades que convertan o espazo de cooperación transfronteirizo nun marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais

Con este encontro preténdese xerar lazos fortes entre emprendedores de ambos os dous territorios e cubrir as necesidades, descubrir as oportunidades e propiciar o intercambio de coñecementos e de intelixencia. Para isto están presentes voces destacadas do panorama emprendedor e asociativo galego-portugués, así como unha parte importante de inversores. Así mesmo, os participantes terán a oportunidade de facer unha rede de contactos profesionais única.

Entre os relatores están recoñecidos profesionais como Pablo López Guitiérrez, CEO de Thinking Business; Gustavo Marcos, experto en innovación e ex xerente de Uninova; Avelino Pinto, “Business angel” portugués; Pelayo Novoa, promotor de Invierta e RedInvest; ou Ricardo Luz, presidente da rede de “business angels” Invicta Angels Portugal, que falou das posibilidades de financiar proxectos empresariais en Galicia e en Portugal.

Contouse ademais con representantes de entidades como o Consorcio da Zona Franca de Vigo, a Cámara Hispano Portuguesa, ou a Asociación Empresarial de Portugal (AEP). A xornada rematará con tres experiencias únicas de emprendemento e éxito galegas e portuguesas contadas polos seus protagonistas.

O público ao que se dirixe o foro é un perfil emprendedor, empresario ou inversor que quere ampliar o seu campo de traballo entre Galicia e Portugal, buscar novas oportunidades e medrar.