Benestar solicita a Europa un programa pioneiro para apoiar o traballo e o autoemprego da mocidade no rural galego

03 Xun 2013

A Consellería de Traballo e Benestar vén de solicitar á Unión Europea, ao abeiro dunha orde pioneira en materia de garantía xuvenil, un programa para apoiar o traballo dos mozos e mozas nas PEMES locais ou para fomentar o seu autoemprego no marco do rural galego.

Nesta primeira quenda de proxectos, só se financiarán uns quince en toda Europa, pero servirá para establecer a base para futuras ordes de axudas. A proposta que presenta Galicia ten como obxectivo último cualificar aos participantes como emprendedores ou experimentados en descubrir oportunidades, promover iniciativas e abrir novas vías empresariais. En definitiva, perséguese que se identifiquen cos valores dos seus territorios e recoñezan cales poden ser as súas contribucións para elevar as cotas actuais de renovación e progreso.MIGUEL

Así o explicou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tras manter unha xuntanza coa comisaria europea de Educación, Cultura, Multilingüismo e Xuventude, Androulla Vassiliou, onde abordaron as distintas actuacións no eido da mocidade postas en marcha polo Goberno galego ao abeiro do programa europeo Xuventude en Acción, así como avaliaron novas propostas.

A conselleira pediulle á responsable europea o seu apoio para realizar un proxecto, dentro do Xuventude en Acción, para o envío e acollida de voluntarios xuvenís entre Galicia e Latinoamérica. Esta iniciativa permitiría que os voluntarios puidesen colaborar coas asociacións de emigrantes e buscar futuras vías de colaboración e viabilidade empresarial, ao tempo que realizan actividades de carácter cultural que acheguen á comunidade galega no exterior as tradicións da nosa comunidade.

Presentoulle tamén un programa de educación para adultos para o que se está a colaborar con varios socios europeos (Reino Unido, Grecia, Austria, Noruega, Eslovenia e Italia).

Na xuntanza tamén aproveitou para invitar a Androulla Vassiliou a impartir a conferencia inaugural do Congreso Internacional de Xuventude, que se celebrará no último trimestre do ano en Galicia, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar

Balance dos programas
Durante a reunión, ambas responsables abordaron os éxitos acadados nos programas levados a cabo coa colaboración europea. Ao respecto, Mato subliñou que “só en 2012, en Galicia realizáronse 60 proxectos no marco do Xuventude en Acción, o que nos converte na terceira comunidade autónoma cun maior número de proxectos: o 10 por cento do total estatal, malia que os nosos mozos representan o 5,3 por cento da xuventude nacional”.

Precisou que ao abeiro desta liña de financiamento puxéronse en marcha tres programas en Galicia, baseados nas seguintes liñas fundamentais: a mobilidade, a iniciativa e o voluntariado.

O primeiro deles, Iniciativa Xove, é unha liña de axudas que ten como fin estimular o protagonismo, o talento e a capacidade de liderado da mocidade. Desde 2010 xa se financiaron 650 proxectos, cun investimento de 1,8 millóns de euros. En 2013, o seu orzamento ascenderá a 730.000 euros (3,5 por cento máis que en 2012), para chegar a 250 iniciativas xuvenís.

Desde 2011 iniciouse o Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se ocupa de subvencionar proxectos de entidades galegas de acción voluntaria nos que participan activamente mozos e mozas. Conta cun orzamento de 375.000 euros para 2013, o que permitirá a incorporación de 3.000 voluntarios

O terceiro eixo é a mobilidade xuvenil, para facilitar o coñecemento doutras culturas, favorecer a diversidade e potenciar as habilidades e competencias non formais da mocidade. Neste eido, estase a levar o programa a Xuventude no mundo, que oferta 400 prazas de intercambio con 15 países diferentes nos últimos tres anos.

Ademais, Mato avanzou que este ano vaise consolidar Galeuropa, que permitirá que 250 mozos e mozas galegos realicen prácticas laborais en países europeos durante 8 semanas.

Reunión co FEAG
Na xornada de hoxe, Mato reuniuse cos responsables do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) para presentarlles o programa de recolocación de desempregados do sector bancario, que se adiantou onte ao comisario europeo de emprego, László Andor.

A conselleira, xunto co director Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que está en Bruxelas en calidade de embaixador español da mocidade, participaron tamén na cerimonia oficial do 25 aniversario dos programas de xuventude da Unión Europea