Un programa de Xuventude permitirá incorporar a 3.000 mozos e mozas galegos como voluntarios para proxectos solidarios

23 Mai 2013

O director Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe no programa ‘Os Xoves Emprende’

Os participantes do Servizo de Voluntariado Xuvenil recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida, segundo establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011

Para o director xeral, os programas que ten en marcha esta área do departamento autonómico “constitúen ferramentas de gran utilidade para facer da participación activa dos mozos e mozas a primeira fase do emprendemento”EMPRENDE

O Servizo de Voluntariado Xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, permitirá incorporar a 3.000 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos como voluntarios nos proxectos solidarios de entidades de acción voluntaria e concellos.

O director Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe no programa ‘Os Xoves Emprende’, que organiza o concello de Santiago, e avanzou que o luns o Diario Oficial de Galicia publicará a orde que regula este programa, o primeiro en toda España que aposta polo compromiso social directo da mocidade. Os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida, segundo establece a nova Lei Galega de Acción Voluntaria, aprobada por unanimidade en 2011.

Ovidio Rodeiro afirmou que iniciativas como esta constitúen un exemplo da evolución que nos últimos catro anos ten experimentado a programación da Dirección Xeral de Xuventude, “dun modelo baseado case en exclusiva na xestión do ocio e tempo libre, a programas vinculados á participación activa, ao emprendemento, á empregabilidade e á educación non formal da mocidade, puntos estratéxicos da primeira Lei de Xuventude de Galicia”.

Para o director xeral, os programas que ten en marcha este área do departamento autonómico “constitúen ferramentas de gran utilidade para facer da participación activa dos mozos e mozas a primeira fase do emprendemento”.

Galeuropa
Doutra banda, Rodeiro recordou que continúa aberto ata o día 29 de maio o prazo para participar no programa Galeuropa, unha iniciativa de mobilidade que lle facilita aos mozos e mozas realizar prácticas laborais en países da Unión Europea e así mellorar o currículo.

Galeuropa conta con 600.000 euros de orzamento, o que permitirá que 250 mozos e mozas perciban unha beca de 2.400 euros para que poidan realizar prácticas formativas de 8 semanas de duración en países da Unión Europea. Poden participar neste programa mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, con título de Formación Profesional ou Universitario e con coñecementos lingüísticos suficientes segundo o país de destino.