Xuventude becará con 2.400 euros a 250 mozos e mozas para a realización de prácticas de formación en empresas europeas

15 Mai 2013

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, financia este ano con 600.000 euros o programa Galeuropa

A área autonómica está a desenvolver foros informativos nas principais cidades galegas para difundir esta iniciativa e resolver as dúbidas da mocidade

As xornadas terán lugar hoxe en Santiago e Ferrol e mañá en Pontevedra e Vigo

As estancias no país europeo terán unha duración de 8 semanas, entre o 1 de xulo e o 15 de novembro

O prazo para solicitar unha praza rematará o próximo 29 de maio

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, destinará este ano un total de 600.000 euros ao programa Galeuropa co que os mozos e mozas galegos poderán facer prácticas formativas en empresas de calquera dos estados membros da Unión Europea. O prazo para solicitar unha praza xa está aberto e rematará o próximo 29 de maio. O orzamento da Xunta para esta iniciativa permitirá becar con 2.400 euros a 250 mozos e mozas.

Para difundir este programa, Xuventude está a desenvolver foros informativos nos que a mocidade pode resolver as súas dúbidas. Estas xornadas celebraranse hoxe en Santiago e Ferrol e mañá en Pontevedra e Vigo.

Poderán participar nesta iniciativa os mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que estean en posesión dun título de formación profesional ou universitario e que, ademais, conten con coñecementos lingüísticos en inglés, italiano, francés ou alemán, segundo o país no que se pretenda realizar as prácticas. As estancias no país serán de 8 semanas, entre o 1 de xuño e o 15 de novembro.

O obxectivo desta actuación é apoiar a formación da mocidade galega mediante a mellora da súa empregabilidade, favorecendo a adquisición de novos coñecementos, habilidades, capacidades e cualificacións para facilitar a súa inclusión no mercado de traballo, de xeito que poidan constatar unha práctica formativa no estranxeiro como parte do currículo.

O que se pretende, en definitiva, é dotar a Galicia de profesionais que poidan coñecer unha organización do traballo diferente, novos sectores empresariais para implantar na Comunidade galega, así como tamén descubrir novas posibilidades para a internacionalización das empresas galegas.