Xuventude organiza máis de 40 foros para promover entre a mocidade actividades de aprendizaxe non formal

06 Mai 2013

Celebraranse nos 7 campus galegos, nas 9 cidades máis poboadas, nas cabezas de comarca e nos 12 Espazos Xove dependentes do departamento autonómico ata o próximo 11 de maio

Nos foros recordarase que está aberto ata o 18 deste mes o prazo para acceder á orde de axudas enmarcadas no programa de fomento da participación xuvenil ‘Iniciativa Xove’

Neste ano 2013, cóntase cun orzamento de ao redor de 730.000 euros, o que supón un incremento do 3,55% con respecto ao ano anterior, e que vai permitir o financiamento de preto de 250 iniciativas e proxectos xuvenís

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, está a desenvolver en 41 puntos da xeografía galega os foros "Lidera a túa idea", para promover entre a mocidade actividades de aprendizaxe non formal que lles permita desenvolver as súas capacidades, creatividade e espírito emprendedor involucrándose na posta en marcha dos seus propios proxectos.

Estes foros son un xeito de achegar e habilitar aos mozos e mozas galegos toda a información necesaria e as ferramentas para poder levar a cabo a solicitude, desenvolvemento e execución de proxectos de participación xuvenil de calidade, como ‘Iniciativa Xove’. Celebraranse nos 7 campus galegos, nas 9 cidades máis poboadas, nas cabezas de comarca e nos 12 Espazos Xove dependentes do departamento autonómico ata o próximo 11 de maio.

Nos foros recordarase que está aberto ata o 18 deste mes o prazo para acceder á orde de axudas enmarcadas no programa de fomento da participación xuvenil ‘Iniciativa Xove’. Neste ano 2013, cóntase para este programa cun orzamento de ao redor de 730.000 euros, o que supón un incremento do 3,55% con respecto ao ano anterior, e que vai permitir o financiamento de preto de 250 iniciativas e proxectos xuvenís.

Estas axudas están dirixidas tanto a asociacións xuvenís como a grupos informais de mozos e mozas. O programa esta concibido como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades nas que os actores principais son eles mesmos. Poderase financiar o cento por cento das iniciativas e proxectos ata un investimento máximo por cada actividade será de 4.000 euros.

Estes foros continúan coa estratexia do departamento de Xuventude de realizar un traballo de dinamización nos lugares onde se atopan os mozos e mozas usuarios dos servizos que presta e beneficiarios dos programas que leva a cabo. Esta acción está enfocada a grupos de mozos e mozas, membros de asociacións xuvenís e a responsables de políticas de xuventude.