O programa Iniciativa Xove de Benestar contará con 730.000 euros en 2013 para financiar preto de 250 proxectos xuvenís

18 Abr 2013

O programa esta concibido como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades nas que os actores principais son eles mesmos

O orzamento máximo por proxecto será de 4.000 euros e todos os grupos aos que se lle conceda a axuda, e o soliciten, recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida

Como novidade este ano, entre as áreas prioritarias inclúese a ‘Iniciativa Xove Emprendedora’, que permitirá que os participantes poidan ensaiar e poñer en práctica ideas relacionadas co emprendemento e a empregabilidade

Desde a posta en marcha deste programa no ano 2010, financiáronse preto de 700 proxectos xuvenís

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de axudas enmarcadas no programa de fomento da participación xuvenil Iniciativa Xove. Neste ano 2013, cóntase cun orzamento de ao redor de 730.000 euros, o que supón un incremento do 3,55% con respecto ao ano anterior, e que vai permitir o financiamento de preto de 250 iniciativas e proxectos xuvenís.

Estas axudas están dirixidas tanto a asociacións xuvenís como a grupos informais de mozos e mozas. O programa esta concibido como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades nas que os actores principais son eles mesmos.

Poderase financiar o cento por cento das iniciativas e proxectos de interese presentados polos mozos e mozas ata o esgotamento do crédito previsto nos orzamentos. O investimento máximo por cada actividade será de 4.000 euros.

Todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o soliciten, recibirán un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida. Isto permitiralles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías eles mesmos, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas.

Con esta liña de axudas preténdese fomentar a participación da mocidade, co propósito de estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, a creatividade e o talento xuvenil e, sobre todo, permitir poñer en practica as súas ideas relacionadas co lecer, a comunicación, as novas tecnoloxías e outros campos do seu interese.

Como novidade este ano, entre as áreas prioritarias nas que se enmarcarán os proxectos, inclúese a ‘Iniciativa Xove Emprendedora’, que permitirá que os participantes poidan ensaiar e poñer en práctica ideas relacionadas co emprendemento e a empregabilidade, co fin de incrementar as posibilidades de acceso ao mercado de traballo da mocidade e procurar a súa emancipación.

Preténdese acadar, así mesmo, a igualdade de oportunidades estimulando proxectos nos que participen as mulleres novas e as persoas con algún tipo de discapacidade.

Iniciativa Xove funciona como unha escola de cidadanía activa, desencadeando un proceso de aprendizaxe e de educación non formal de grande utilidade para o futuro. Desde a posta en marcha deste programa no ano 2010, financiáronse preto de 700 proxectos xuvenís.