Un total de 7 grupos e asociacións xuvenís da provincia de Lugo participaron no programa da Xunta ‘Iniciativa Xove’

05 Mar 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, reuniuse hoxe cos concelleiros da zona centro e sur de Lugo co obxectivo de impulsar as políticas de mocidade

A temática destes sete proxectos foi moi diversa, pasando por accións de difusión do xadrez á utilización do surf con nenos e nenas con autismo

As asociacións e entidades procedían de As Nogais, Sarria, Viveiro e Lugo capital (con 4 grupos)

Na zona centro e sur de Lugo hai un total de 340 establecementos adheridos ao carné xove e 3.286 usuariosLUGO

Un total de 7 grupos informais e asociacións xuvenís da provincia de Lugo participaron en 2012 no programa “Iniciativa Xove”, un proxecto que ten como obxectivo apoiar proxectos liderados, executados e protagonizados por grupos de mozos e mozas. Esta liña de actuación disporá en 2013 de 730.000 euros para toda Galicia, un 3,5 por cento máis que en 2012.

Os beneficiarios procedían de As Nogais, Sarria, Viveiro e Lugo capital (con catro grupos). Todos os proxectos que presentaron foron de temática moi diversa, e centráronse desde en accións de difusión do xadrez ata na utilización do surf con nenos e nenas con autismo.

Así o salientou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que se reuniu cos concelleiros da zona centro e sur de Lugo co obxectivo de impulsar as políticas de mocidade na provincia, así como para promover os distintos programas e recursos que ten a Consellería de Traballo e Benestar.

Unha das iniciativas que salientou durante a súa xuntanza foi o do Carné Xove. Neste sentido, informou de que nestas dúas zonas de Lugo hai un total de 340 establecementos adheridos e contan con 3.286 usuarios.

Tamén puxo en valor os cursos do servizo Quérote +, que ofrecen formación en distintos centros sobre conflitos de imaxe corporal, seguridade nas redes sociais, sexualidade, consumo de drogas ou bullying. Durante o ano pasado, un total de 24 centros destas dúas zonas dispuxeron destes cursos.

Rodeiro destacou tamén a importancia da incorporación da mocidade a labores voluntarias, a través do programa de Voluntariado Xuvenil. A meta é incorporar un total de 3.000 mozos e mozas a proxectos voluntarios de asociacións e concellos, cun orzamento de 440.500 euros. En 2012, participaron nesta iniciativa un total de 7 concellos da provincia (Mondoñedo, Sarria, Piñor, Viveiro, Quiroga, Rábade e Guitiriz).

Por último, informou tamén doutros programas como o Galeuropa de mobilidade xuvenil, o Xuventude en acción, as axudas para o mantemento das oficinas municipais de información xuvenil, a campaña de verán ou o plan de formación.