Mato celebra que os mozos e mozas participen na construción dunha sociedade máis tolerante a través do Parlamento Xove

02 Mar 2013

Beatriz Mato e Diego Calvo participaron hoxe na Coruña na semifinal da cuarta edición desta iniciativa posta en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

Parlamento Xove é unha competición de debate, a maior de toda España, na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización

A titular de Benestar subliñou que “nun momento como o actual, cunha situación económica tan adversa, e no que moitas persoas o están a pasar realmente mal, é importante que a sociedade non perda confianza nas institucións que nos representan”

Mato opinou que para os participantes non só é importante convencer coa retórica, senón tamén que sexan capaces de escoitar a aqueles que opinan distintoMATO

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou que o programa Parlamento Xove permite aos mozos e mozas que se involucren na construción dunha sociedade máis tolerante e respectuosa, ao tempo que fortalece a súa capacidade de diálogo e axuda a que crezan no emprego de mecanismos democráticos.

Beatriz Mato participou hoxe na Coruña na semifinal da cuarta edición desta iniciativa posta en marcha pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente do departamento autonómico. O acto contou coa presenza do presidente da Deputación Provincial da Coruña, Diego Calvo. Hoxe debateron 24 equipos de 18 centros de ensino de 1º e 2º curso de Bacharelato, dos que 8 serán os que debaterán na fase final que descorrerá o 5 e 6 de abril no Salón do Pleno do Parlamento de Galicia.

En concreto os participantes foron o IES Alfonso X O Sabio (Cambre), IES Virxe do Mar (Noia), IES As Barxas (Moaña), Colexio La Salle (Santiago), IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia), Colexio Divina Pastora (Ourense), IES A Pinguela (Monforte), IES Monte Castelo (Burela), IES Pintor Colmeiro (Silleda), IES de Melide, Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio), IES de Fene e IES de Foz; IES Valle Inclán (Pontevedra), IES Becerreá, Colexio Galem (Lugo), IES Laxeiro (Lalín) e IES de Mugardos.

A titular de Benestar subliñou que “nun momento como o actual, cunha situación económica tan adversa, e no que moitas persoas o están a pasar realmente mal, é importante que a sociedade non perda confianza nas institucións que nos representan”.

Unha desas institucións é o Parlamento, que non só representa aos 75 deputados que o compoñen, senón a toda a sociedade. Trátase dun lugar “para o debate, para chegar a acordos que defendan os dereitos dos galegos e permitan crear novas oportunidades e mellorar a calidade de vida de todos”.

Neste sentido, Beatriz Mato opinou que para os participantes do Parlamento Xove non só é importante convencer coa retórica, senón tamén que sexan capaces de escoitar a aqueles que opinan distinto, prestar atención aos que defenden unha postura contraria e atopar os puntos que unen, máis que afondar naqueles que separan.

Mato engadiu que é preciso que desde os poderes públicos se estimule a participación da mocidade na sociedade, e que se lles outorguen responsabilidades e capacidade de decisión.

Parlamento Xove é unha competición de debate, a maior de toda España, na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado posicionamento acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo (formado por catro alumnos e un profesor) investigan, escriben e, finalmente, debaten sobre o tema proposto, incluíndose tamén a elaboración de artigos en blog e a realización dun dossier de investigación.

Nesta edición a temática elixida é o consumo responsable entre a xuventude e así os debates preliminares xirarán sobre a interrogante: ‘Está a servir a crise económica global para que a xuventude tome conciencia dun consumo responsable?’.

En canto aos premios, o gañador de categoría de Educación Secundaria disfrutará dunha semana de multiaventura e actividades culturais no centro LUG II, dependente da Consellería de Traballo e Benestar. E o equipo gañador de Bacharelato terá como premio unha viaxe valorada en 5.000 euros.