Un total de 11 asociacións das comarcas de Deza e Terra de Montes participaron nos programas iniciativa Xove e Xuventude en Acción

28 Feb 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, reuniuse hoxe con concelleiros das dúas zonas para impulsar políticas de mocidade e presentou a programación do Espazo Xove de Lalín

As entidades e grupos informais proceden dos concellos de Cercedo, A Estrada, Lalín, Silleda e Vila de Cruces

Estas asociacións realizaron, entre outros, tres intercambios multilaterais e un proxecto para crear unha rede de capitais europeas da xuventudeLALIN

Nestas dúas bisbarras, hai un total de 826 carnés xove en vigor e 56 establecementos adheridos

No Espazo Xove de Lalín, destacan, entre outras, actividades como cursos de alemán ou inglés, obradoiros de debuxo e teatro, ou xornadas de xogos tradicionais

Un total de catro grupos empregan o local de ensaio desta instalación

Un total de 11 asociacións e grupos informais das comarcas de Deza e Terra de Montes participaron ao longo de 2012 nos programas Iniciativa Xove e o proxecto europeo Xuventude en Acción.

Así o destacou hoxe en Lalín o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, quen resaltou que este feito amosa un “importante desenvolvemento do tecido asociativo nestas dúas bisbarras”.

En canto ao programa Iniciativa Xove, recibiron financiamento un total de 7 asociacións e grupos informais de Cercedo, A Estrada, Vila de Cruces, Lalín (2) ou Silleda (2), que xestionaron en conxunto máis de 27.000 euros. Os proxectos que presentaron e levaron a cabo centráronse na organización dun verán cultural, no fomento do deporte ou na creación dunha rota de sendeirismo, entre outros.

Ao respecto do programa europeo Xuventude en Acción, foron 4 as entidades que participaron: tres de Lalín e unha de Vila de Cruces. Estes proxectos permitiron realizar tres intercambio multilaterais e poñer en marcha un proxecto para crear unha rede de capitais europeas da xuventude. Xestionaron en total preto de 60.000 euros.

Durante a xuntanza que mantivo hoxe o responsable autonómico con concelleiros da zona, animou aos gobernos locais a seguir difundindo tanto estes programas como outros destinados á mocidade e a continuar impulsando e coordinando estas políticas.

Entre elas, destacou a promoción do Carné Xove. Actualmente, nestas dúas comarcas hai un total de 826 carnés en vigor e 56 establecementos adheridos. O maior índice de penetración do Carné Xove entre a poboación xuvenil das zonas rexístrase en Focarei e na Estrada.

Na visita, tamén se presentou a programación do Espazo Xove de Lalín para este ano, unha instalación que se ocupa de ofrecer información xuvenil e asesoramento a mozos e mozas en materia de emprego, saídas académicas e profesionais, bolsas e axudas, ou ocio e tempo libre.

No primeiro trimestre, as actividades previstas son un taller de automaquillaxe, un obradoiro do día do pai, e actividades de maxia e xogos en inglés. Tamén se organizará un curso de alemán para persoas de entre 20 e 35 anos, que se pretende que se alongue durante todo o ano para que sexa efectivo.

No segundo trimestre, realizarase un taller día da nai, outro de repostería e un de risoterapia. Tamén haberá actividades sobre alimentación e nutrición; ou sobre o mal uso das redes sociais, así como un curso sobre técnicas para buscar emprego.

Xa no terceiro trimestre do ano, coincidindo coa tempada estival, realizaranse xornadas de xogos tradicionais destinados aos nenos e nenas de ata 15 anos, e cursos relacionados coas tecnoloxías e elaboración de páxinas web. Ademais, haberá dúas actividades formativas sobre información xuvenil especializada na área de educación –dirixido ao persoal da Rede galega de información e documentación xuvenil e universitarios- e outro curso sobre a elaboración de proxectos de animación sociocultural e turística para mozos e mozas de 18 a 30 anos.

Nos últimos meses de ano, está previsto, entre outras actividades, un taller sobre a prevención de hábitos nocivos, dirixido a mozos de entre 14 e 16 anos, e un curso de desenvolvemento persoal a través de coaching.

A todas estas actividades súmanse outras que se realizarán ao longo de todo o curso escolar como o taller de pintura e dibuxo ou o de teatro.

Por último cabe destacar que actualmente hai catro grupo que empregan o local de ensaios que existe neste instalación.