Preto de 7.500 mozos e mozas de Arousa, Pontevedra e Caldas son usuarios do Carné Xove de Benestar

18 Feb 2013

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, mantivo hoxe un encontro cos concelleiros da área de Arousa, Pontevedra e Caldas

A xuntanza tivo lugar no Espazo Xove de Vilagarcía, que ofrece información xuvenil e asesoramento aos mozos en materias como emprego, saídas académicas e profesional, bolsas e axudas ou ocio e tempo libre

Ovidio Rodeiro informou de que o programa Iniciativa Xove impulsou nestas comarcas un total de 10 proxectos, a través de asociacións e grupos informais xuvenís, cun orzamento de 37.150 eurosAROUSA

Preto de 7.500 mozos e mozas dos concellos das comarcas de Pontevedra, Arousa e Caldas contan xa co Carne Xove expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar.

Así o indicou hoxe o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, que mantivo unha xuntanza cos concelleiros da área de Arousa, Pontevedra e Caldas. A xuntanza cos concelleiros tivo lugar no Espazo Xove de Vilagarcía, unha instalación do departamento autonómico que ofrece información xuvenil e asesoramento aos mozos da zona en materias como emprego, saídas académicas e profesional, bolsas e axudas ou ocio e tempo libre.

Neste centro precisamente realízase o trámite para a obtención do Carné Xove, así como o dos carnés de Estudante Internacional, Teacher ou Alberguista, dos que se emitiron en 2012 un total de 614.

Doutra banda, Ovidio Rodeiro informou de que o programa Iniciativa Xove, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, impulsou un total de 10 proxectos, a través de asociacións e grupos informais xuvenís, nestas comarcas. Para promover estas actividades, investíronse 37.150 euros.

En concreto, os dez proxectos financiados por Iniciativa Xove correspóndense con grupos e asociacións dos concellos de Cotobade, Pontevedra, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Valga e Vilagarcía. As iniciativas presentadas centrábanse en temas como a música, a horticultura ou asuntos históricos.

Ademais un total de 39 mozos e mozas destas comarcas participaron entre 2010 e 2012 en programas de mobilidade da Consellería, tales como Galeuropa, unha orde pola que se convocan axudas para prácticas laborais non remuneradas, que se realizan en empresas de países da Unión Europea.

No decurso da reunión tamén se presentou a programación para 2013 deste centro. O Espazo Xove de Vilagarcía contará en 2013 con actividades de carácter formativo, así como de lecer e tempo libre.

As actividades de lecer realízanse a maioría en colaboración coas asociacións xuvenís e outras entidades da comarca. Entre estas destaca a participación na Liga Galega de Xadrez dos asistentes aos cursos que se imparten no centro. Tamén se organizan talleres e obradoiros de coiro, bisutería, reciclado de aceites para xabón, pintura ou cerámica, así como cursos e actividades relacionadas coa informática, xa que o centro conta cunha aula dotada con once ordenadores e wifi libre.

Entre as accións formativas programadas para 2013 destacan un curso de elaboración de proxectos de animación sociocultural e turística, outro de animación cultural, un seminario para a elaboración de proxectos de animación sociocultural e turística e outro de animación de lecer e tempo libre.

Cada un dos cursos que se ofertan no Espazo Xove de Vilagarcía contarán con 25 prazas, serán gratuítos e impartiranse en modalidade semipresencial. Os interesados poderán inscribirse a través da páxina http://xuventude.xunta.es.