A Consellería de Política Social e Xuventude a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación ou Voluntariado, en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, pretende favorecer a difusión da información xuvenil entre o alumnado universitario a través do programa Correspondentes universitarios/as.
Este programa pretende difundir os programas, accións e iniciativas que a Xunta de Galicia e as universidades ofrecen á mocidade galega, así como outra información de interese, entre o alumnado das tres universidades. Serán os propios estudantes, como correspondentes universitarios/as, os encargados/as de transmitila, o cal favorece a súa participación activa tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais.
Funcións das e dos correspondentes universitarias/os:
- Difundir entre o alumnado información sobre os programas e iniciativas para a xuventude que promova a Xunta de Galicia, as universidades e aqueles outros de interese que os mozos e mozas poidan coñecer a través dos medios ao seu alcance como redes sociais, medios de comunicación, páxinas web, etc.
- Xestionar regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación da información no centro que lle asigne a Universidade que corresponda.
- Asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación ou Voluntariado ou as universidades, destinados ás e aos correspondentes universitarios/as.
- Organizar unha xornada de información xuvenil nalgún emprazamento do seu campus universitario, baixo o acompañamento e supervisión da DXXPV.
- Aquelas outras que supoñan a mellora na achega de información á mocidade.
Beneficios das e dos correspondentes universitarias/os:
- Recibir información xuvenil de interese para a comunidade universitaria.
- Recibir gratuitamente formación en materia de información xuvenil.
- Recibir gratuitamente o carné de alberguista, se lles interesa.
- Recoñecerlles o tempo dedicado como persoas voluntarias, así como a experiencia e competencias adquiridas, a través dun certificado de educación non formal en materia de xuventude.
- A USC expedirá unha certificación ao seu alumnado que acredite a participación en Correspondentes Universitarios para a solicitude de ata un máximo de 3 créditos, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 25 horas, unha vez completado o protocolo por ela fixado.
- A UDC expedirá unha certificación aos seus estudantes que acredite a participación en Correspondentes Universitarios para a solicitude de ata un máximo de 3 créditos, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 10 horas, por participación en actividades universitarias.
- A Universidade de Vigo convalidará ao seu alumnado o tempo de participación no programa por ata un máximo de 6 créditos, coa correspondencia de 1 ECTS por cada 30 horas, a partir do certificado expedido pola DXXPV.
Requisitos/obrigas das persoas solicitantes:
- Manter a condición de estudante dalgunha das titulacións das universidades de Santiago de Compostela, Vigo ou A Coruña durante todo o curso 2023/204.
- Ter un máximo de 30 anos no momento da solicitude.
- Describir a motivación/razón pola que se inscriben no programa.
- Asistir, como mínimo, ao 80% das reunións de coordinación e seguimento convocadas pola DXXPV para poderen acreditar a súa participación como correspondentes no final do curso. Só se permitirán excepcións por causas médicas ou académicas debidamente xustificadas. A DXXPV emitirá un certificado oficial de asistencia a reunións ou actividades vinculadas ao programa para a súa xustificación ante unha posible ausencia académica.
- Organizar unha xornada de información xuvenil nalgún emprazamento do seu campus, baixo o acompañamento e supervisión da DXXPV. Unha data orientativa é a do 17 de abril, Día Europeo da Información Xuvenil.
- Cumprir os requisitos específicos que estableza cada Universidade para estes efectos. No caso da USC, para o recoñecemento do traballo dos Correspondentes Universitarios esíxese que estean inscritos no Rexistro de Persoal Voluntario desta institución. Para a solicitude de créditos, ata un máximo de 3 ECTS por ano académico, o alumnado participante deberá ter realizada a formación segundo o protocolo que se recolle no Acordo do Consello de Goberno da USC para o recoñecemento de créditos nos estudos de grao ao abeiro do artigo 12.8 do RD1393/2007 do 5 de xullo de 2016 xunto coa formación básica en materia de información xuvenil proporcionada polos técnicos da DXXPV.
O prazo para solicitar a participación no programa estará aberto ata o 31 de outubro de 2023.
Anímate a participar!!