O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou este mediodía na rolda de prensa de presentación da décimo terceira edición de Megaxove, Salón da Xuventude que, dende o 6 ata o 9 de decembro, ofrecerá máis de 75 actividades de lecer e deportivas e converterá a Expourense no punto de encontro da mocidade galega durante a ponte festiva da Constitución e onde miles de rapaces e rapazas participarán de forma activa.
Nunha superficie de 8.000 metros cadrados daranse cita 40 expositores entre federacións e clubs deportivos e asociacións culturais e xuvenís de toda Galicia.
Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade cos máis desfavorecidos, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou o respecto ao Medio Ambiente. “Valores, todos eles, que dende a Xunta de Galicia non podemos deixar de apoiar e estimular e, por iso, un ano máis, tanto a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado como a Secretaría xeral para o Deporte súmanse a este proxecto como colaboradores” asegurou Rogelio Martínez. Así estes departamentos autonómicos promoven dúas exposicións: unha denominada “Educación, Deporte e Valores” e outra de xogos populares.
Asociacións de voluntarios
O delegado territorial referiuse, na súa intervención, á conmemoración do Día Internacional do Voluntariado que se celebra mañá, día 5 de decembro. Aludiu ás 820 asociacións que integran a Rede de Voluntariado Galego e asegurou que Megaxove é “o mellor escaparate para dar a coñecer as actividades relacionadas co lecer, a cultura ou o deporte que organizan durante o ano as distintas asociacións e clubs sen ánimo de lucro nas que están implicados miles de voluntarios e voluntarias de todo Galicia”.
Actividades de manga, baile urbano, aquaball, un simulador de Fórmula 1, un obradoiro de decoración de Nadal en inglés e a recollida de alimentos baixo a denominada “Operación Quilo” son as principais novidades desta edición do Salón da Xuventude. O deporte volverá a ser un dos grandes protagonistas do salón que continuará promocionando as disciplinas minoritarias.
Ademais, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles nenos e mozos que se acheguen ata Expourense durante a ponte festiva. Neste salón poderán atoparse dende inchables, os preferidos polos máis pequenos, ata unha parede de escalada infantil, karaoke, aeromodelismo ou xogos tradicionais e populares. Estes xogos tradicionais convivirán coa Ciber Aula e coa zona de videoxogos.