Xuventude desenvolve hoxe unha campaña de concienciación con motivo da celebración do Día mundial da loita contra a Sida o sábado

18 Dec 2012

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado levará a cabo hoxe unha campaña de concienciación sobre o VIH con motivo da celebración do Día Mundial da Loita contra a Sida o próximo sábado 1 de decembro.

Técnicos do Quérote + desenvolverán diversas actividades para axudar a visibilizar e sensibilizar aos cidadáns sobre os hábitos saudables en relación á prevención e tratamento do VIH. A campaña terá lugar entre as 9 e 14 horas nos seguintes emprazamentos: nas facultades de Económicas e de Dereito do Campus de Elviña, na Coruña; na Facultade Politécnica de Ferrol; e na Facultade de Farmacia, na biblioteca Concepción Arenal do Campus Sur e na Facultade de Económicas do Campus Norte, en Santiago. A campaña centrarase na prevención das enfermidades de transmisión sexual e nas persoas portadoras do VIH para que non queden no esquecemento.

Nestas ubicacións haberá unha mesa informativa onde se ofrecerá información sobre a SIDA, ao tempo que se recollerán as achegas dos cidadáns con respecto ao VIH. Estas ideas serán publicadas no perfil de Facebook de Quérote +.

A campaña, ademais, fai especialmente fincapé na concienciación, na responsabilidade das tomas de decisións e na información e educación para fomentar hábitos de vida saudables e mellorar a calidade de vida das persoas portadoras e tamén das que non o son.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntaria leva a facer diversas campañas de prevención do VIH ao longo dos últimos anos. Así, por exemplo, os equipos do Quérote + comezaron a facer a proba rápida do VIH en xullo do ano pasado, no marco dun programa de colaboración coa Consellería de Sanidade para achegar este recurso aos centros propios da mocidade.