A provincia da Coruña xa conta con 20 iniciativas de emprendemento xuvenil dentro do proxecto Yuzz

18 Dec 2012

A provincia da Coruña xa conta con un total de 20 iniciativas de emprendemento xuvenil para formar parte do proxecto Yuzz, impulsado pola Fundación Banesto coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar. Esta iniciativa, dirixida á xuventude entre os 18 e os 30 anos, ten como obxectivo estimular ideas innovadoras de base tecnolóxica que poidan ser susceptibles de traducirse nun proxecto empresarial.CONSELLEIRA

A conselleira de Traballo e Benestar en funcións, Beatriz Mato, visitou hoxe o centro Yuzz de Santiago con motivo da súa entrada en funcionamento. En Galicia, esta rede –que ten un total de 35 centros en España- conta con instalacións en Ourense, Santiago e Vigo co obxectivo de impulsar un máximo de 20 iniciativas emprendedoras nestas tres provincias.

O programa pon a disposición dos seleccionados o soporte necesario para desenvolver a súa idea no mercado: unha rede de expertos, formación empresarial, asesorías e titorías personalizadas, unha plataforma de traballo colaborativo en liña, así como todo o soporte administrativo e xurídico preciso en caso de que a súa idea poida materializarse nun proxecto empresarial.

Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento de sete meses de duración que se realiza en todos os centros Yuzz, os mellores participantes realizarán unha viaxe a Silicon Valley, a meca mundial da innovación no eido das novas tecnoloxías. Ademais, ao concluír o ano, os tres mellores proxectos de entre todos os finalistas a nivel nacional recibirán unha dotación económica (30.000, 20.000 e 10.000 euros) para colaborar na materialización da súa idea empresarial.

A titular de Traballo e Benestar destacou a importancia de “darlle a palabra á xuventude para que poida desenvolver as súas iniciativas, dando saída a súa formación e ás súas inquedanzas”. Nesta liña, salientou que impulsando esta iniciativa “estamos a promover o emprendemento como un valor esencial para as sociedades e pasa as persoas, especialmente nestes tempos”.

Ademais, a conselleira valorou especialmente que neste caso trátase de emprendemento no eido das novas tecnoloxías, “unha fonte constante de oportunidades”.

Ao respecto, destacou que o departamento autonómico destina este ano medio millón de euro para apoiar a creación de empregos de base tecnolóxica. Estas axudas chegaron a 24 empresas, que teñen dado lugar á creación de 30 postos de traballo. Estas axudas económicas compleméntanse con mecanismos de acompañamento, asesoramento e avaliación técnica.