O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, destacou hoxe nun encontro en Braga (Portugal) a importancia do consenso acadado para a aprobación, este mesmo ano, da primeira Lei de Xuventude de Galicia.
Rodeiro participou hoxe como poñente no Encontro Nacional ‘Juventude, Europa e Poder Local’ que a Federación de Asociacións Xuvenís de Portugal celebran na cidade de Braga, que esta ano ostenta o título de Capital Europa de Xuventude.
A ponencia de Ovidio Rodeiro levou por título ‘Xuventude e poder local, a realidade en Galicia’. O director xeral destacou a aprobación, este mesmo ano, da primeira Lei de Xuventude da historia de Galicia, “na que por fin se regulamentan as competencias plenas que, en materia de Xuventude, temos en Galicia como consecuencia do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981”.
Rodeiro engadiu que “o texto é froito da análise e da participación do sector xuvenil galego, e foi consultado con todas as asociacións xuvenís, os concellos e os máis de 30.000 mozos e mozas da base de datos dos programas e dos perfís da Dirección Xeral”.
O titular de Xuventude tamén destacou que a lei impulsa a posta en marcha dos consellos locais de Xuventude como primeira fórmula de participación xuvenil e establece a obrigatoriedade de contar cada lexislatura cun Plan Estratéxico de Xuventude, como o principal instrumento de planificación das políticas de xuventude da administración pública.
Así mesmo, Rodeiro participará o sábado no acto de apertura do 12º Encontro Nacional de Asociacións Xuvenís, que tamén se celebra en Braga esta fin de semana. Ademais do director xeral, neste encontro tamén participan como convidados un total de 65 líderes xuvenís galegos, en representación do tecido asociativo de Galicia.