A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou a campaña de verán da Xunta baixo o lema ‘O verán que sempre vas lembrar’

10 Abr 2023

A campaña de verán da Xunta para este ano 2023 volve bater todos os récords históricos con máis de 11.200 prazas en campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e outras propostas, 400 máis que o ano pasado, sendo Galicia a Comunidade Autónoma que máis prazas oferta.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, deu a coñecer a nova programación estival no campamento xuvenil Virxe de Loreto, en Porto do Son, onde salientou que se trata dunha oferta ampla, variada e accesible, para que a xuventude galega teña un verán inesquecible.

Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo e a Directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, concretou que entre as novidades desta edición, que leva por título ‘O verán que sempre vas lembrar’, está a incorporación dun novo campamento na Illa de San Simón, en Redondela. Tamén destacou a creación de novos campos de voluntariado en Santa Comba, Viana do Bolo, Pantón e outro compartido entre os concellos de Vilar de Santos e Allariz; así como un campo de voluntariado específico para mozos galegos no exterior en Castro de Rei. Así mesmo, recupéranse os intercambios con Madrid e Cantabria, ademais de crear un novo en Castela-A Mancha.

A conselleira destacou que a Xunta segue a apostar pola campaña de verán para que as mozas e mozos de entre os 9 e os 30 anos pasen un verán inesquecible e para que as familias conten cun recurso de conciliación fundamental durante os meses de xullo, agosto e parte de setembro. Con este fin, a Xunta pon a disposición da xente nova un total de 36 instalacións xuvenís por toda a xeografía galega para levar a cabo as diferentes actividades de ocio e tempo libre dos campamentos.

As familias poden consultar na páxina web de Xuventude toda a información sobre os campamentos. O período para solicitar praza abrirase o vindeiro 18 de abril, logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Estas deberán realizarse por sede electrónica e o prazo permanecerá aberto durante dez días.

Campos de voluntariado
Por outra banda, a Xunta ten listo tamén o programa de campos de voluntariado. En total ofreceranse 46 campos de voluntariado, incluídas as cinco quendas en Cíes. As solicitudes poderán presentarse tamén desde o día 18 mediante un formulario que se habilitará na páxina web de Xuventude. As solicitudes aos Campos de Voluntariado internacionais xa se poden presentar.

Por provincias, a localización e nome dos campos de voluntariado é a seguinte. Na da Coruña haberá trece: Vilarbó (As Pontes); ‘Lembrando a nosa pegada’ (Outes); ‘Alí, Xaz’ (Ponteceso); ‘Luces de Boimorto’ (Boimorto); ‘O batán do Mezonzo’ (Vilasantar); ‘Arboretum’ (Mesía); ‘Dunas de Corrubedo’ (Ribeira); ‘Monte da Espenuca’ (Coirós); ‘Amicos’ (Boiro); ‘Castro de Lupario’ (Rois); ‘Visualizando Camiños’ (Boqueixón e Vedra); ‘Castro de Montesclaros’ (A Laracha) e ‘A Braña da Serra’ (Santa Comba).

Na provincia de Lugo, desenvolveranse oito campos de voluntariado en Castro da Torre (Folgoso do Courel); Castro da Guitarra (Pantón), Pena Furada (Quiroga); ‘Xuventude é Camiño’ (Palas de Rei); ‘Friulio’ (Friol); ‘Da auga e da pedra’ (Guitiriz); ‘Castro e Romaría de San Lourenzo’ (A Pobra do Brollón); e ‘Castro de Viladonga’ (Castro de Rei).

Na provincia de Ourense, terán lugar once campos: Esgos; ‘Teatro do Bibei’ (Viana do Bolo); ‘Loñoá’ (O Pereiro de Aguiar); Larouco; Castelo de Monterrei (Monterrei); ‘Do audiovisual galego’ (Celanova); Parque natural do Xurés (Muiños); ‘Sapere Aude’ (Vilar de Santos e Allariz); ‘Saberes de onte e de sempre’ (Bande); ‘Destino Vilariño’ (Vilariño de Conso); e ‘Recuperando o tempo esquecido’ (A Veiga).

E na provincia de Pontevedra celebraranse catorce campos de voluntariado: ‘Ruta de Palacios’ (O Porriño); ‘Aldea Alfacuca’ (Mos); ‘O Camiño Portugués pola costa’ (Oia); ‘Tradición en verde’ (Lalín); ‘Shinrin Yoku’ (Soutomaior); ‘Salvemos o mar’ (Vilanova de Arousa); ‘Rural influencers’ (Cerdedo-Cotobade); ‘A terra que habita o mar’ (O Grove); Illa de San Simón (Redondela); e as cinco quendas en Cíes.

As temáticas dos campos de voluntariado son moi diversas: medioambiental, arqueolóxico e patrimonial, social, cultural, etnográfico, audiovisual ou teatral, entre outras.

Máis información sobre a Campaña de Verán: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran