Galicia é pioneira na expedición do certificado de profesionalidade para os informadores xuvenís

19 Nov 2012

A formación acreditable permitirá aos alumnos dispoñer dun certificado con carácter oficial e validez estatal

Esta é unha demanda pola que veñen loitando, a nivel do Estado, todos os profesionais da información xuvenil desde o ano 1983

O prazo de inscrición para participar neste procedemento será do 1 ao 31 de marzo de 2013

Neste procedemento poderán obter o certificado de profesionalidade os que acrediten as catro unidades de competencia das que consta, ou obter una acreditación parcial, mediante a acreditación dalgunha unidade de competenciaINFORMADORES_XUVENIS

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, publicou no DOG do pasado venres a convocatoria do procedemento de recoñecemento das competencias profesionais para os informadores xuvenís, converténdose así na primeira Comunidade de España que lle vai a facilitar a posibilidade aos técnicos da información xuvenil de obter un certificado de profesionalidade.

A formación acreditable permitirá aos alumnos dispoñer dun certificado con carácter oficial e validez estatal, que, ao mesmo tempo, terá efectos académicos no eido do sistema educativo e profesionais recoñecidos na lexislación vixente.

Esta é unha demanda pola que veñen loitando, a nivel do Estado, todos os profesionais da información xuvenil desde o ano 1983 no que tivo lugar o primeiro encontro de información xuvenil en Murcia, e que se ven reclamando nos sucesivos encontros estatais que teñen lugar cada dous anos desde esa data.

A cualificación profesional de informador xuvenil recoñeceuse no Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, dentro da familia profesional servizos socioculturais e a comunidade, publicándose no BOE do 9 de maio de 2011, mentres que o certificado de profesionalidade publicouse no BOE do 10 de decembro de 2011.

Con este procedemento de recoñecemento de competencias profesionais, Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en ofrecerlle a posibilidade aos técnicos que levan un mínimo de tres anos traballando neste eido, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total nos últimos 10 anos, de obter o certificado de profesionalidade a través da acreditación das súas competencias, adquiridas pola súa experiencia laboral ou pola formación obtida a través da educación non formal (xustificaranse polo menos 300 horas nos últimos 10 anos).

Neste procedemento poderán obter o certificado de profesionalidade os que acrediten as catro unidades de competencia das que consta, ou obter una acreditación parcial, mediante a acreditación dalgunha unidade de competencia, podendo posteriormente adquirir as outras.

O prazo de inscrición para participar neste procedemento será do 1 ao 31 de marzo de 2013.