A Xunta promove un proxecto no que 50 mozos e mozas galegos teñen a oportunidade de realizar prácticas laborais en Europa

14 Nov 2012
  • A conselleira de Traballo e Benestar en funcións, Beatriz Mato, e a presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera, participaron hoxe en Outes na despedida dun grupo de mozos alemáns que traballaron en Barbanza, Sar, Muros e Noia
  • Galeuropa é a iniciativa da Xunta a través do que se financian 10 prazas do programa ‘La Ida’ da Fundación Paideia
  • O departamento autonómico investiu ao longo desta lexislatura 2,9 millóns de euros en diferentes programas de mobilidade no que participaron 9.000 mozos

practicas_formativas_alemaniaA Xunta está a colaborar coa Fundación Paideia no proxecto de mobilidade ‘La Ida’, que permite a mozos e mozas galegos a oportunidade de desenvolver prácticas laborais en Alemaña. A Consellería de Traballo e Benestar financia este ano un total de 10 prazas desta iniciativa, a través de Galeuropa, un programa da Dirección Xeral de Xuventude destinado á realización de prácticas laborais durante catro semanas en 6 países diferentes e que oferta 50 prazas.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e a presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera, avanzaron hoxe que a finais desta semana partirán cara á Augsburgo os 10 mozos e mozas galegos, ao tempo que despediron en Outes a 11 mozos alemáns que veñen realizando prácticas en diferentes empresas das comarcas de Barbanza, Sar, Muros e Noia.

Mato destacou que Galeuropa, no que se enmarca o proxecto La Ida, conta cun orzamento de 85.000 euros. Os mozos e mozas poden realizar as prácticas, ademais de en Alemaña, na República Checa, Hungría, Polonia, Irlanda e Holanda.

A titular de Benestar destacou que esta iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego polos programas de mobilidade, xa que lembrou que a propia Comisión europea ten sinalado que este tipo de plans son un dos instrumentos “máis efectivos” para combater o desemprego xuvenil e para desenvolver as capacidades e a autonomía dos mozos e mozas.

“Desde o Goberno autonómico traballamos para poñer en marcha medidas que creen oportunidades de presente e futuro para a nosa mocidade”, apuntou Mato. Neste senso, sinalou que os programas de mobilidade son “un piar das nosas políticas en materia de xuventude” e, por iso, indicou que a mobilidade é un dos nove eixos do Plan Estratéxico de Xuventude 2010-2012, un plan transversal coordinado e consensuado coas asociacións xuvenís.

A través deste plan, Xuventude ten ofrecido preto de 9.000 prazas nos distintos programas de mobilidade xuvenil como son Xuventude en Acción, Leonardo da Vinci, Xuventude no Mundo, Imaxina Atlántica, campamentos de verán ou campos de traballo. A estas iniciativas, o departamento autonómico está a investir un total de 2,9 millóns de euros.

Por último, a conselleira explicou que este tipo de programas permiten aumentar as posibilidades dos mozos e mozas á hora de conseguir un emprego, mellorar a súa competencia en idiomas estranxeiros, asumir responsabilidades e tomar decisións e, por último, apuntou que lles axuda a seguir crecendo en valores de respecto e tolerancia.