- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta exposición na sede da fundación Granell en Santiago
- Na convocatoria deste ano do certame ‘Xuventude Crea’ participan máis de 300 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, autores de 245 proxectos en 11 modalidades artísticas diferentes
- Ovidio Rodeiro indicou que “as administracións temos que insistir na posta en marcha de solucións e ferramentas que permitan a apertura dos nosos mozos e mozas cara á novidade da creación, a invención ou o descubrimento”
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe na sede da fundación Granell en Santiago a exposición das obras finalistas da especialidade de deseño de xoias do certame de novos creadores ‘Xuventude Crea’, que organiza a Consellería de Traballo e Benestar.
Os finalistas que mostran o seu talento nesta exposición, aberta ata o 26 de novembro, son Cecilia Renata Vidal Vázquez, coa obra “O bosque máxico”; Mª. Mar Batallé Pérez, coa obra “Os soños da ninfea”; Inés Sánchez Estévez, coa obra “Vigo náufrago”; Raquel Sánchez Ballesteros, coa obra “Tápame”, Sabela Correa Comesaña, coa obra “Unha aproximación á bóveda celeste”; Iria Martínez Rodríguez, coa obra “Rexurdir”; Valentín Amoedo Moreira, coa obra “A luz que delimita a Galiza”; Paula Garcia Carballal, coa obra “Había una vez un circo”; Iraya Morales Malla, coa obra “El capricho del mar” e Daniel Rivas Fernández, coa obra “Eolo”.
Na convocatoria deste ano do certame ‘Xuventude Crea’ participan máis de 300 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, autores de 245 proxectos en 11 modalidades artísticas diferentes: teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, deseño de xoias e monólogos. A iniciativa contou neste exercicio cun orzamento de 71.150 euros. Estas cifras converten ao Certame Xuventude Crea no maior evento de promoción e difusión do talento artístico dos novos creadores galegos.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro indicou no acto de inauguración que “as administracións temos que insistir na posta en marcha de solucións e ferramentas como o ‘Xuventude Crea’, que permitan a apertura dos nosos mozos e mozas cara á novidade da creación, a invención ou o descubrimento”. Rodeiro tamén manifestou que “avanzar neste terreo axuda a que os novos creadores descubran o seu potencial e fortalezan a súa confianza, para que se animen a elaborar novos proxectos e se preparen para ser os emprendedores do futuro”.
Os gañadores de cada unha das especialidades contan cos seguintes premios en metálico: 3.000 euros para os premiados en primeiro lugar; 1.500 para os segundos; e 1.000 para os terceiros. Ademais, os premiados en teatro e música terán a oportunidade de representar as súas creacións nunha serie de actuacións por distintos concellos galegos. Cabe lembrar tamén que os primeiros clasificados en artes plásticas tamén poderán participar en exposicións colectivas incluídas no Circuíto galego de creatividade xuvenil.
Así mesmo, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado deu a coñecer os gañadores da especialidade de artes plásticas, cuxas obras atópanse en exposición pública na Igrexa da Universidade de Santiago ata o vindeiro venres 9 de novembro.
Os premios foron os tres compartidos, correspondendo o primeiro á fotógrafo Andrea Valado Díaz, coa obra serie ‘Reminging’ e á escultora Tania Pérez Arribas, coa obra ‘Dómino Vs. Dómina’. A pintora Aída Rodríguez Donoso, coa obra ‘Sete ollos ven máis ca dous’, e o pintor Jacobo Lorenzo Nespereira, coa obra ‘Ferido’, acadaron os dous segundos premios e os terceiros foron para o pintor Joan Morera Arbones, coa obra ‘Visións da paisaxe III’ e a fotógrafo Lis María García Calvo, coa obra ‘Aurora’.