O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, clausurou hoxe o ‘IV Afterwork Emprega talento’
O programa pretende ofrecer aos mozos e mozas unha alternativa para poder acadar novas oportunidades laborais, así como promover a participación e a colaboración entre a mocidade e os directivos
Un total de 150 mozas e mozas participan hoxe na ‘IV Afterwork Emprega Talento’, unha iniciativa que organiza a Consellería de Traballo e Benestar, a través da dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, que ten por obxectivo o fomento do emprego xuvenil.
O director Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, clausurou hoxe na Coruña este programa que se realiza en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e que se financia a través do programa Emprende de cooperación transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (POCTEP).
Trátase dun espazo de encontro, coñecemento, información e de formación en habilidades co obxectivo de fomentar a creación de empresas e o autoemprego; un espazo aberto cara a empregabilidade dos mozos e mozas, así como para a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de ideas.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado destacou que o que se pretende con este programa é “ofrecer aos mozos e mozas unha alternativa para poder acadar novas oportunidades laborais, promover a participación, o intercambio de ideas e a colaboración entre a mocidade e os directivos”. A xornada, inspirada no formato Afterwork, xira ao redor de dous bloques: unha conferencia obradoiro e unha mesa de experiencias prácticas.
Para finalizar a xornada o programa transcorrerá no Espazo Ágora, un punto de encontro que permite as relacións e o intercambio de ideas a través de actividades paralelas e onde terá lugar un obradoiro de busca activa de emprego conducido pola entidade Adecco; un workshop de habilidades para o directivo do futuro e un espazo de traballo en equipo con show cooking.
Esta iniciativa enmárcase no apoio que está a prestar a Xunta na difusión dos valores do emprendemento e no estímulo á xuventude como capital de futuro, tal e como se recolle no marco da Estratexia Xuventude 2013, que ten no fomento da creatividade e do espírito emprendedor un dos seus eixos prioritarios de actuación.