Seis finalistas compiten hoxe en Santiago na modalidade de música do certame Xuventude Crea para optar a un premio máximo de 3.000 euros

27 Out 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, asistirá ás 20,00 horas a estas actuacións, que terán lugar no Jazz Club Dado Dadá de Santiago de Compostela

O segundo premio recibirá 1.500 euros, e os terceiros obterán 1.000 euros

Os premiados en música, ao igual que en teatro, terán a oportunidade de representar as súas creacións en actuacións por diferentes concellos galegos

No acto tamén se deron a coñecer os gañadores das modalidades de poesía, relato breve, banda deseñada, videocreación e deseño de carteis

Na edición deste ano do certame Xuventude Crea participan máis de 300 mozos e mozas en 11 especialidades artísticas diferentes MUSICA

Seis solistas e grupos participarán hoxe na final da especialidade de música do certame Xuventude Crea. Os clasificados para esta fase final son os solistas Carlos Gende Prego (Cerceda) e Gustavo Esteban Barragán (Pontevedra), xuntos cos grupos Verso Libre (Vigo), Tío Phil Jazz Group (Meaño), A máquina de meter medo (A Coruña) e Nagai (Marín).

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, asistirá hoxe a esta final, que terá lugar ás 20,00 horas no Jazz Club Dado Dadá de Santiago de Compostela. Os gañadores desta fase –ao igual que no resto de especialidades artísticas deste certame- recibirán 3.000 euros por quedar en primeiro lugar; 1.500 no caso de obter o segundo posto; e 1.000 para o terceiro.

Ademais, os premiados en teatro e música terán a oportunidade de representar as súas creacións nunha serie de actuacións por distintos concellos galegos. En concreto, os que obteñan o primeiro premio contarán con dúas actuacións; mentres que os segundos e terceiros clasificados actuarán nunha cada un deles. Cabe lembrar tamén que os primeiros clasificados en artes plásticas poderán participar en exposicións colectivas incluídas no Circuíto da creatividade.

En total, na convocatoria deste ano do certame Xuventude crea participan máis de 300 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, autores de 245 proxectos en 11 modalidades artísticas diferentes: teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, deseño de xoias e monólogos.

Gañadores de 5 especialidades
No evento de hoxe tamén se darán a coñecer os gañadores de 5 das 11 especialidades do certame: poesía, relato breve, banda deseñada, videocreación e deseño de carteis.

En poesía, os tres primeiros lugares foron todos compartidos. O primeiro posto foi para Cristina Ferreiro Real, coa obra “Epidemia”; e Natalia Umpiérrez Suárez, con “Artibiótico”. O segundo lugar foi conseguido por Belén Gavín Bermúdez, coa obra “Porcelana” e por Rafael Lobelle González, con “Retrincos fotoxénicos”. En terceiro lugar quedaron Alba Cid Fernández, que presentou ao certame “Epistolario sitiado. Correspondencia abisal en escenarios diversos” e Míriam Ferradáns Ferradás, con “Novecomaoito”. O xurado tamén destacou con senllas mencións de honra a Daniel Emilio Villaverde Framil, coa obra “Suicidio correctivo” e a Elías Antón Marcos, con “AEC”.

Na especialidade de relato breve, o primeiro premio foi para Inés Mª. Rodríguez Naz, coa obra “Mitos en ámbar”. O segundo premio foi compartido por Roi Vidal Ponte, con “Un coitelo manchado de graxa” e Mª. Luisa Iglesias Taboada, coa obra “Un cuarto impropio. Metamorfose”. O terceiro premio tamén foi compartido por Rubén Vidal López, coa obra “Quen matou a Otto Hoch?” e Mª. Elena López González, coa obra “A corda de area”. O xurado tamén outorgou dúas mencións de honra para Tito Pérez Pérez, coa obra “Alén da elipse” e Sheila Aldariz Ferreiro, con “Pompas fúnebres Ernesto”.

En canto á banda deseñada, o primeiro premio desta especialidade foi declarado deserto. O segundo premio foi concedido a Miguel Cuba Taboada, coa obra “Ráfaga” e o terceiro premio para Laura Velasco Vázquez, con “A cita”. Neste caso tamén se destacaron dúas mencións de honra, para Alba Mª. González López, que presentou ao certame “En busca da arte perdida” e Miguel Golmayo Labrador, con “O legado do lume”.

En videocreación, os premiados foron Alexandre Martínez Pérez, coa obra “Super 8” en primeiro lugar; Clara Elisa Sobrino Heyvaert, coa obra “A costureira” en segundo; e Estela Rodríguez López, coa obra “A incrible historia de Santi Pingüin” e Olalla Castro Rodríguez, coa obra “Arrevoa os meus cabelos” compartiron o terceiro premio.

Na especialidade de deseño de carteis o primeiro premio foi para Carlota Mª. Brea Fernández, que presentou a obra “Compártete”; o segundo para Alba Díaz López, coa obra “Ó alcance da túa man”; e, finalmente, o terceiro posto tamén foi compartido por Valeria Rubal Rubal, coa obra “Este ano non” e Sara Roca del Pozo, con “Paso de todo”.

Fomento da creatividade
O obxectivo do programa Xuventude Crea, posto en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar, é conseguir que os mozos e mozas poidan manifestar a súa inquedanza artística e cultural, ao mesmo tempo que se fomenta a creatividade xuvenil e se mostra o talento da mocidade galega.

Esta iniciativa inscríbese na Estratexia Xuventude 2013, que ten como un dos seus eixos principais o fomento da creatividade e o espírito empresarial e propón 20 medidas concretas para seguir avanzando neste eido.