Programa de Bolsas en Arquivos de Galicia

11 Xan 2022

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade ven de publicar a convocatoria correspondente ao programa 2022 de Bolsas de Formación en Arquivos de Galicia

As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Os bolseiros realizarán a súa actividade nos arquivos do Sistema de arquivos de Galicia aos cales sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos.

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que predomine a formación en historia e/ou arquivística.
2. Acreditar dominio da lingua galega, nivel iniciación, mediante título oficial ou certificado Celga 3.
3. Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período igual ou superior aos doce (12) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, a xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.
4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

O número de prazas convocadas será de vinte (20), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 9 da convocatoria.

As bolsas terán unha duración máxima de seis meses (6), contados a partir da data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura de acordo co centro de destino.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://www.xunta.gal/portada (código de procedemento CT110A).

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Accede ao Texto da Convocatoria