Xuventude Crea, máis dunha década. Unha mirada ao pasado, unha mirada ao futuro

15 Dec 2021

A exposición itinerante "Xuventude Crea, máis dunha década. Unha mirada ao pasado, unha mirada ao futuro" chega á Cidade da Cultura

O Museo Centro Gaiás acolle a exposición Xuventude Crea, máis dunha década. Unha mirada ao pasado, unha mirada ao futuro, que repasa os máis de dez anos de vida dun programa que busca recoñecer e dar visibilidade á innovación da xente nova de Galicia en 14 disciplinas diferentes.

A exposición reúne unha selección de 29 pezas dos creadores e creadoras que presentaron os seus proxectos ao abeiro de Xuventude Crea, durante os máis de dez anos de vida do certame. A escolma de proxectos que conforman esta exposición abrangue diversas disciplinas, 6 das 14 especialidades que forman parte do programa:

Moda
Graffiti
Banda deseñada
Artes plásticas (pintura e escultura)
Fotografía
Deseño de xoias

Trátase así dunha mostra multidisciplinar e multixeracional que crea unha liña do tempo a través das obras do artistas que pasaron polo programa en 12 anos.

A exposición, que ten carácter itinerante, está conformada por diferentes traballos de mozas e mozos galegos en seis destas disciplinas nunha iniciativa da Xunta de Galicia que promove o talento e a creatividade da mocidade galega. A exhibición pódese ver cada mes nun concello diferente. Así, na capital galega permanecerá durante todo o mes de decembro.

Son 12 as localizacións que percorrerá a mostra itinerante, que tivo como primeiro destino Ribeira no mes de maio; e, a continuación, Lalín, onde estivo en xuño; Vigo, en xullo; Tui, en agosto; Pontevedra, en setembro; Lugo, en outubro; Ourense, en novembro; e, por último, Santiago de Compostela. De cara ao 2022 especificaranse as datas nas que recalará nas súas seguintes paradas: as cidades da Coruña e Ferrol, Noia e Chantada.

Datas: do 14 de decembro ao 23 de xaneiro.
Lugar: Museo Centro Gaiás. Andar 0. Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
Horario: de luns a domingo de 10.00 a 20.00 horas.