Política Social favorece a conexión entre a mocidade galega e a estranxeira a través do proxecto Conecta Galicia 2021 de Iniciativa Xove

04 Out 2021

O Goberno galego financia 85 propostas lideradas pola xuventude, ás que apoia con 400.000 euros

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, achegouse ao proxecto Conecta Galicia 2021, que leva a cabo a Asociación de Estudantes de Intercambio de Santiago de Compostela (ESN Santiago) a través do programa Iniciativa Xove. Esta proposta ten como obxectivo crear unha conexión cos estudantes locais galegos e os internacionais a través dunha programación de actividades de formación e concienciación medioambiental, de patrimonio cultural, de igualdade de xénero, de inclusión social ou de respecto á diversidade.

Cristina Pichel puxo en valor a realización destas actividades, xa que, ademais, de permitir compartir diferentes culturas e aprender delas, traballan na integración dos universitarios estranxeiros que durante o curso 2021-2022 acompañarán aos estudantes locais nas cidades de Lugo e Santiago.

O proxecto Conecta Galicia 2021 tamén fomenta o Camiño de Santiago e as tradicións da nosa comunidade autónoma a través do baile, a música, a gastronomía, os xogos tradicionais, a aprendizaxe da nosa lingua ou a transmisión oral de lendas populares.

A Administración autonómica financia a través de Iniciativa Xove 85 proxectos liderados pola xuventude, nos que a mocidade é a protagonista, a través da planificación e realización das actividades. O Goberno galego achega preto de 400.000 euros a este programa, ao que xa leva destinado 6 millóns de euros para financiar unhas 1.500 ideas desde que se puxo en marcha hai 11 anos.

http://xuventude.xunta.es/iniciativa-xove