Voluntariado ambiental no Camiño

07 Xul 2021

Con motivo da celebración do Xacobeo 2021-2022, e co fin de incentivar o espírito solidario no marco desta efeméride, a Consellería de Política Social pon en marcha un novidoso programa de voluntariado ambiental no Camiño de Santiago, que se desenvolverá durante a semana (de luns a venres) nos meses de xullo, agosto e principios de setembro.

A finalidade deste programa é dar a coñecer, por parte das persoas voluntarias, o rico patrimonio natural existente ao pé das diferentes rutas do Camiño de Santiago, co obxectivo de favorecer o seu coñecemento e preservación, así como impulsar un itinerario formativo de sensibilización medioambiental no uso sostible do Camiño.

As actividades están programadas para os seguintes Camiños:

1.-CAMIÑO FRANCÉS
Etapa : Sarria-Portomarín (22 Km)

2.-VÍA DA PRATA
Etapa: Laza-Vilar de Barrio (15 Km)

3.-CAMIÑO FISTERRA-MUXÍA
Etapa: Muxía-Fisterra (25 Km)

4.-CAMIÑO INGLÉS
Etapa: Sigüeiro-Santiago (16 km)

5.-CAMIÑO PRIMITIVO
Etapa: Castroverde-Lugo (22km)

6.-CAMIÑO DO NORTE
Etapa: Lourenzá (pk 161,774)-Mondoñedo (pk 153,199)

As persoas voluntarias desenvolverán actividades de apoio referentes a:
- Sensibilización e coñecemento do patrimonio ambiental e natural existente ao longo dos diferentes camiños.
- Información, axuda e concienciación ambiental aos peregrinos.
- Labores de vixilancia ambiental, e identificación e localización de posibles puntos que requiran dun posterior estudo ou revisión.

O programa desenvolverase coas medidas preventivas necesarias e con todas as garantías de seguridade e saúde fronte a Covid-19, limitándose as prazas a 10 persoas por acción en función das quendas sinaladas no calendario, ofrecéndose deste xeito un total de 100 prazas.

Os requisitos de participación serán os seguintes:
- Ter 18 anos cumpridos.
- Residir na comunidade autónoma de Galicia.
- Cumprimentar o formulario de participación na web de voluntariado www.voluntariadogalego.org 

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado asumirá os gastos de cobertura do seguro de accidentes e de responsabilidade civil das persoas voluntarias e os gastos de traslado e manutención a partir do punto de encontro que se indique para cada actividade.

As persoas voluntarias poderán inscribirse só nunha acción programada, salvo no caso de que finalmente queden prazas vacantes.

A selección realizarase por rigoroso orde de inscrición. En todo caso, se o grupo de persoas apuntadas nunha actividade excede do máximo permitido para cada zona, pasarán a unha lista de reserva para o caso de que queden prazas vacantes.

CALENDARIO

calendario