Preto de 70 mozos e mozas participan hoxe en Ponteceso nunha xornada para fomentar o emprendemento xuvenil

06 Xul 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta xornada, a sétima das nove mostras que conforman o programa “Conecta"

No caso de Ponteceso, a xornada céntrase na historia, o turismo e a artesanía como formas de emprendemento

Durante o encontro haberá charlas, obradoiros, roteiros e diversas actividades de fomento da creatividade dos mozos e mozas

Preto de 70 mozos e mozas participarán hoxe en Ponteceso no encontro xuvenil “Crea e descubre”, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar, para fomentar o emprendemento xuvenil. Baixo o lema “Historia, turismo e artesanía”, os participantes poderán abordar como se pode emprender nestes eidos.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta xornada, que se organiza en colaboración cos concellos de Ponteceso, Malpica e Cabana de Bergantiños. O encontro rematará ás 18,30 horas.

Durante o transcurso da xornada, os mozos e mozas aprenderán como da natureza, cultura e tradición poden xurdir ideas emprendedoras, neste caso vencelladas á historia, turismo e artesanía.

O programa de actividades está deseñado desde un enfoque multidisciplinar, traballando elementos transversais para a mocidade como a formación en valores, a educación non formal e aproveitando o valor pedagóxico que achegan os participantes, profesionais e emprendedores.

De feito, durante a xornada, explicarán as súas experiencias poñentes que emprenderon no sector da formación, no sector cultural, e no turismo. No espazo, os mozos e mozas tamén terán a oportunidade de expoñer as súas inquedanzas, proxectos e actividades, fomentando un traballo en rede.

Así, no encontro haberá charlas, obradoiros, roteiros e diversas actividades que fomentarán a creatividade dos mozos e mozas. Durante o descanso, terá lugar unha pequena mostra de asociacionismo con dez postos, onde as asociacións xuvenís e prestadoras de servizos á xuventude da comarca que así o desexen poderán expoñer o seu traballo e actividades.

O programa ‘Conecta’ estase a desenvolver en diferentes cidades e vilas de Galicia co obxectivo final de ofrecer á mocidade unha alternativa para promover novos proxectos empresariais a través da participación, así como fomentar o espírito emprendedor entre os mozos e mozas. A finalidade última deste programa forma parte dos eixos prioritarios de traballo da Estratexia Xuventude 2013 da Xunta.

A actividade que ten hoxe lugar en Ponteceso é a sétima das nove mostras que se están realizando ao abeiro do programa “Conecta” en toda Galicia. Xa tiveron lugar en Melide, Santiago, Vila de Cruces, Ferrol, Burela e Ribeira, cada unha delas centrada nun sector de emprendemento distinto.

Este programa inscríbese no proxecto “Emprende”, financiado polo programa de cooperación transfronteiriza Galicia- Norte de Portugal (POCTEP), que ten como obxectivo principal fomentar a creación de empresas, de emprego e autoemprego dos mozos e mozas.