Máis de 1.800 mozos participaron desde o ano pasado no proxecto Emprende para dinamizar a cooperación transfronteiriza

27 Xun 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe a terceira edición de ‘Emprega talento’ en Vigo

A actividade forma parte da iniciativa Emprende para converter o espazo transfronteirizo nun marco activo para novas actividades económicas

Na iniciativa celebrada na provincia pontevedresa tomaron parte máis dun cento de mozos e mozas EMPREGA

‘Emprega talento’ é un espazo aberto cara a empregabilidade dos mozos e mozas, así como para a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de ideas

Vigo acolle a terceira edición de Emprega Talento, unha iniciativa que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, en colaboración coa Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e que se financia a través do programa de cooperación transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal (POCTEP). A iniciativa foi inaugurada hoxe polo responsable da área autonómica, Ovidio Rodeiro, quen destacou que a actividade forma parte do proxecto Emprende para promover Galicia e Norte de Portugal como un espazo de oportunidades empresariais.

Rodeiro explicou que Emprende leva realizando desde o pasado ano unha serie de encontros, foros e cursos de formación nos que xa teñen participado máis de 1.800 mozos e mozas. “Emprende ten como obxectivo principal fomentar a creación de empresas, de emprego e autoemprego para mozos e mozas, promovendo actividades que convertan o espazo de cooperación transfronteirizo nun marco atractivo para novas actividades económicas e empresariais”, apuntou o director xeral, ao tempo que explicou que o programa ofrece á mocidade unha alternativa para detectar oportunidades laborais e promover novos proxectos empresariais, así como o espírito emprendedor dos mozos e mozas do espazo transfronteirizo.

Con respecto á terceira edición de ‘Emprega talento’, Rodeiro explicou que a iniciativa é un
espazo de encontro, coñecemento, información e de formación en habilidades co obxectivo de fomentar a creación de empresas e o autoemprego.

“Emprega Talento é un espazo aberto cara a empregabilidade dos mozos e mozas, así como para a creación de oportunidades mediante o intercambio e posta en común de ideas”, indicou. Por iso, nesta actividade póñense en contacto á xente nova coa realidade empresarial actual. En definitiva, o que se pretende é ofrecer aos mozos e mozas unha alternativa para poder acadar novas oportunidades laborais, promover a participación, o intercambio de ideas e a colaboración entre a mocidade e os directivos.

A xornada, inspirada no formato Afterwork, xirará ao redor de tres bloques: ‘Emprender e liderar cos valores do deporte’; ‘A xuventude ante a empresa e o traballo’ e unha mesa de experiencias prácticas sobre o talento que buscan as empresas.

O primeiro “Emprender e liderar cos valores do deporte”, conducido por Joaquín Dosil, socio fundador de QCOACH, conta coa presenza de persoeiros vinculados ao mundo do deporte, como o árbitro de fútbol de primeira división Ignacio Iglesias Vilanueva, o adestrador de baloncesto Rubén Domínguez e o piloto de Fórmula 2 José Luis Abadín.

O segundo bloque, “A xuventude ante a empresa e o traballo”, estará conducido pola xerente dunha recoñecida consultora de xestión de persoas. E o bloque tres, a mesa de experiencias prácticas “Talento mozo, que buscan as empresas?” estará moderada por Carlota Sánchez Puga, directora de desenvolvemento económico e fomento do emprego de Novacaixagalicia. Na mesa estarán presentes recoñecidos profesionais de empresas de ámbito galego.

Durante o desenvolvemento da xornada, os participantes tomarán parte en relatorios sobre liderado, talento, motivación, hábitos e valores e traballo en equipo, e simultaneamente poderán participar de forma activa en coloquios cos deportistas e na mesa redonda con directivos de recursos humanos de distintas entidades empresariais

Para finalizar a xornada o programa transcorrerá no Espazo Ágora, un punto de encontro que permite as relacións e o intercambio de ideas a través de actividades paralelas e onde terán lugar un obradoiro de busca activa de emprego e un workshop de habilidades para o directivo do futuro.