Máis de 30 mozos e mozas participan nunha xornada dirixida a mellorar a participación xuvenil nas institucións democráticas

15 Xun 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta xornada.

Rodeiro destacou a aprobación, esta mesma semana, da primeira Lei de Xuventude de Galicia, “onde se blindan os dereitos e se garanten as oportunidades para todos os mozos galegos”

O director xeral resaltou que nesta lexislatura se iniciou un novo modelo de participación xuvenil, coa posta en marcha de programas como Iniciativa Xove ou o Voluntariado Xuvenil

Este proxecto de Democracia Participativa terá o seu colofón final coa edición e publicación dun dossier no que se recollerán tanto as iniciativas propostas polos mozos e mozas dos diferentes países, como as boas prácticas seleccionadas

Un total de 32 mozos e mozas de 4 asociacións xuvenís de Bulgaria, Italia, Portugal e Galicia participaron hoxe nun proxecto de Democracia Participativa do programa Xuventude en Acción da Unión Europea en Santiago. O obxectivo xeral deste proxecto é o de tratar de mellorar a participación xuvenil nas institucións democráticas.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta xornada e, na súa intervención, destacou a aprobación, esta mesma semana, da primeira Lei de Xuventude de Galicia da historia da nosa democracia, “onde se blindan os dereitos e se garanten as oportunidades para todos os mozos galegos”. Destacou tamén que este texto legal establece “un verdadeiro sistema de representación xuvenil, coa incorporación e participación de todas as asociacións xuvenís no Consello Asesor e Consultivo da Xuventude de Galicia”.

O director xeral resaltou que nesta lexislatura se iniciou un novo modelo de participación xuvenil, coa posta en marcha de programas como Iniciativa Xove ou o Voluntariado Xuvenil. Para Ovidio Rodeiro, “é necesario seguir afondando nas ferramentas que fomenten o necesario protagonismo da mocidade e a súa implicación na toma de decisións, para que nos poidan demostrar a todos a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades de interese social”.

Na comunidade galega, os participantes do proxecto puideron coñecer o funcionamento de institucións locais, coma o Concello de Padrón ou a Deputación da Coruña, e autonómicas, como o Parlamento de Galicia.

A través das reunións que están a manter cos responsables na toma de decisións políticas, os mozos e mozas buscan a información base para con posterioridade debater e elaborar propostas que fomenten a participación xuvenil, a través de mecanismos como a mobilidade local e internacional, a emancipación e a creación de emprego.

Este proxecto de Democracia Participativa terá o seu colofón final coa edición e publicación dun dossier no que se recollerán tanto as iniciativas propostas polos mozos e mozas dos diferentes países, como as boas prácticas seleccionadas nas diferentes institucións para traballar as temáticas anteriores.