Máis de 200 scouts recuperan o contorno natural do encoro de Abegondo-Cecebre grazas ao programa Iniciativa Xove de Benestar

02 Xun 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse hoxe ata a área recreativa de Cabanas para participar nesta actividade, organizada pola asociación ASDE-Scouts de Galicia polo seu centenario

O novo modelo de participación xuvenil “Iniciativa Xove” permite desde 2009 optar a axudas tanto a asociacións constituídas, como a grupos informais de mozos e mozas

Desde hai dous anos, o número de proxectos que se desenvolveron ao abeiro deste programa pasaron de 39 a 124

Máis de 200 scouts de Galicia recuperan hoxe o entorno natural do Lugar de Interese Comunitario do encoro de Abegondo-Cecebre, unha iniciativa que se inscribe no programa “Iniciativa Xove” posto en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, desprazouse hoxe ata a área recreativa de Cabanas –unha das zonas nas que traballan os scouts- para coñecer de preto o seu labor. Esta actividade está organizada pola asociación ASDE-Scouts de Galicia con motivo do seu centenario.

Os participantes de entre 7 e 19 anos, que proveñen de distintos puntos da xeografía galega, arranxarán carteis e marcas no roteiro desde Cabanas ao pantano; limparán a maleza de sendeiros e recuperarán a área recreativa de Cabanas. Os máis pequenos encargaranse de plantar 40 exemplares de carballos e castiñeiros autóctonos na zona de Beldoña.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colabora nestas actuacións con financiamento a través do programa “Iniciativa Xove”. Este novo modelo de participación xuvenil abriu desde 2009 a posibilidade de participación non só a asociacións constituídas, senón tamén a grupos informais de mozos e mozas, co obxectivo de aportar máis dinamismo e favorecer a participación da mocidade.

Grazas a este pulo, nestes dous anos os proxectos de carácter autonómico desenvoltos ao abeiro deste programa pasaron de 39 a 124. Este programa financia os proxectos xuvenís no seu centro por cen, mentres non superen os 4.000 euros. Ademais, a Administración realiza anticipos automáticos de pagamento do 80 por cento do custe do proxecto, unha vez que as entidades ou grupos manifesten expresamente a aceptación da mesma, “de xeito que a falta de liquidez non sexa un impedimento para levar a cabo proxectos interesantes”.

Ademais de a esta iniciativa, Rodeiro referiuse tamén ao Servizo de voluntariado xuvenil. Trátase dunha iniciativa pioneira que se basea na creación, en paralelo, de dúas bolsas complementarias: unha de proxectos de voluntariado, e outra cos mozos e mozas que desexen incorporarse como voluntarios.

Para consolidar este proxecto, este ano triplicouse o orzamento destinado a este fin ata chegar aos 210.000 euros. Deste xeito, permitirase que máis de 1.000 mozos e mozas se incorporen a proxectos de voluntariado e realicen 60.000 xornadas de acción voluntaria.