O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe na I Xornada de limpeza de praia “Memorial Suso Pais”, organizada polos voluntarios do club “Os Petóns”
Esta iniciativa estenderase a outras zonas dos arredores e nela colaboran a Xunta, o concello de Muros, así como diversas asociacións e empresas privadas do contorno
Rodeiro destacou que o fomento do voluntariado corporativo é un dos obxectivos máis ambiciosos do III Plan galego de acción voluntaria 2011-2014
A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado colabora desde hoxe na I Xornada de Limpeza de praia “Memorial Suso Pais”, que organizan os voluntarios do club de actividades subacuáticas “Os Petóns”.
O director de xuventude e voluntariado, Ovidio Rodeiro, participou hoxe nesta iniciativa que ten como obxectivo retirar da praia de Area Maior e do seu contorno todo o material biodegradable e concienciar aos veciños da importancia de manter o medio ambiente libre de elementos que lle son estraños.
Durante as seguintes fins de semana, esta iniciativa estenderase tamén a outras praias da zona e ao Porto de Muros. Nestas xornadas colaboran –ademais da Consellería de Traballo e Benestar-, o concello de Muros, e as asociacións As Lobeiras, Canle e Rumial, así como empresas privadas con forte implantación na zona.
Ao respecto da colaboración destas empresas, Rodeiro indicou que iniciativas como a de hoxe veñen a dar cumprimento a un dos obxectivos “máis ambiciosos” do III Plan galego de acción voluntaria 2011-2014, que é o fomento da acción voluntaria corporativa, implicando a empresas e aos seus traballadores en proxectos de voluntariado.
“Trátase de construír un modelo de participación onde todas as persoas, e tamén as empresas, teñan a posibilidade de facer a súa achega voluntaria co obxectivo de participar nunha sociedade máis xusta e equitativa”, resaltou Rodeiro. Deste xeito, as empresas “teñen a oportunidade de canalizar o seu potencial a través de entidades de acción voluntaria, e estas teñen máis recursos e oportunidades para desenvolver os seus proxectos”. Polo tanto o director xeral concluíu que, finalmente, destas accións os grandes beneficiados son os veciños das comunidades onde se desenvolven.