Xuventude pon en marcha o local de ensaio e a oficina de información xuvenil transfronteiriza de Chaves-Verín

16 Mai 2012

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participaron hoxe no acto de apertura das novas instalacións

O local de ensaio, que está insonorizado e equipado con instrumentos, garantirá o acceso gratuíto de todos os novos grupos da Eurocidade, tanto galegos como portugueses

A iniciativa enmárcase no programa europeo Eurocidade Chaves-Verín a través do que se financian diversas actividades de cooperación transfronteiriza C_HAVES

Máis de 1.000 mozos e mozas beneficiáronse ata o de agora das actuacións deste proxecto que están centradas na creatividade, formación, cultura e emprendemento

As localidades de Verín e Chaves dispoñen desde hoxe dun novo local de ensaio e unha oficina de información xuvenil transfronteiriza que poderán utilizar os mozos e mozas galegos e portugueses. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participaron hoxe no acto de apertura das novas instalacións que veñen de poñerse en marcha a través do programa europeo Eurocidade Chaves-Verín.

O local de ensaio, que está insonorizado e equipado con instrumentos, garantirá o acceso gratuíto e en igualdade de condicións de todos os novos grupos musicais da Eurocidade, tanto galegos como portugueses. Pola súa banda, a oficina de información xuvenil pasará a formar parte dos servizos comúns que ofrecen estas dúas localidades, formando parte das redes do resto de oficinas de información xuvenil existentes tanto en Galicia como no norte de Portugal.

Rodeiro destacou que as dúas iniciativas enmárcanse no programa Eurocidade Chaves-Verín que financia diversas actividades novidosas, xa que sinalou que “se trata dunha nova concepción de cooperación transfronteiriza”. O obxectivo, segundo comentou o responsable da área autonómica, é servir de plataforma para favorecer e apoiar a mobilidade, interacción e colaboración entre a mocidade galega e portuguesa. “O que pretendemos é contribuír desta forma á integración e cohesión socio-cultural da Eurorrexión Galicia-norte de Portugal e fomentar un espazo propio para a xuventude que exerza como punto referente informativo e asesor en temas de emprendemento, emprego, cultura, lecer creatividade ou formación”, sinalou.

Ata o de agora máis de 1.000 mozos e mozas beneficiáronse das actividades que forman parte deste proxecto. Así, as actuacións de Xuventude permitiron, por exemplo, que máis de 50 mozos participaran en cursos de lingua portuguesa orientados á actividade profesional e cos que se pretende ampliar as posibilidades curriculares da mocidade, mediante a adquisición de competencias lingüísticas que lles permita traballar dun e doutro lado da fronteira.

Creatividade
As actividades culturais e turísticas tamén teñen cabida neste programa e, deste xeito, no marco do Circuíto Galego de Creatividade, os novos creadores galegos expoñen as súas obras nos espazos da Eurocidade co fin de dar a coñecer a súa arte e abrir un novo mercado cultural. Na actualidade, as obras de 20 novos autores forman parte dunha exposición colectiva na Eurocidade.

Neste senso, o responsable da área autonómica sinalou que a aposta pola creatividade xuvenil e fomento do espírito empresarial é un dos principais eixes de traballo do conxunto da administración galega, que se reflicte na Estratexia Xuventude 2013.

“As ideas creativas e innovadoras da mocidade impulsan a nosa competitividade, polo que o Goberno galego está a incidir no fomento do espírito emprendedor como un dos principais métodos para aproveitar o enorme talento da nosa mocidade”, resaltou.

Foro na Eurocidade
Rodeiro, ademais, apuntou que nas próximas semanas comezarán cursos para o fomento da zona no eido turístico, onde se analizarán os posibles nichos de fomento do emprego local para a xuventude.

Así mesmo, a principios de outono celebrarase un foro de xuventude que será un punto de encontro onde tanto as asociacións xuvenís como os grupos informais, técnicos e políticos poidan estudar e debater conxuntamente as potencialidades da Eurocidade.

Por último, o director xeral de Xuventude anunciou que a final de ano celebrarase un encontro-seminario de mozos de distintas eurocidades europeas.

En definitiva, concluíu asegurando que todas estas actividades o que pretenden é “fomentar unha nova cultura emprendedora na mocidade das dúas rexións co principal obxectivo de que ningunha das moitas boas ideas dos nosos mozos e mozas se quede no caixón por falta de apoio institucional”.