Benestar oferta preto de 1.400 prazas para estadías de fin de semana multiaventura na Coruña dirixidas a mozos e mozas galegos

12 Abr 2012

ESTADIASO director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presentaron hoxe a campaña nesta provincia

A iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado prolongarase desde o mes de abril ata agosto en tres instalacións distintas repartidas na provincia

Os participantes poderán realizar actividades náuticas, de escalada ou coa bicicleta, entre outras

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar ofertará 3.782 prazas neste programa

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, oferta un total de 1.366 prazas en estadías de fins de semana multiaventura na provincia da Coruña aos mozos e mozas galegos de entre 18 e 35 anos, no marco do programa ‘Roteiros’. A iniciativa prolongarase desde abril ata agosto en tres instalacións distintas repartidas na provincia galega.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presentaron hoxe a campaña na provincia. En toda Galicia, a Consellería ofertará 3.782 prazas neste programa.

Na súa intervención, o director xeral indicou que as estadías inclúen aloxamento completo (desde o venres á tarde ata o domingo ao mediodía); a manutención neste período de tempo; o desprazamento cara as distintas actividades; e as propias actividades e os materiais necesarios.

Os participantes poderán realizar actividades náuticas como kaiak o bodyboard; de multiaventura, como escalada ou rutas en bicicleta; entre outras. Os interesados en participar nesta iniciativa poderán facer a reserva da súa praza a través da chamada telefónica nos teléfonos 981 54 59 37/54 57 02/54 16 89/54 58 22 en horario de 09,00 a 14,00 horas de luns a venres.

Na provincia da Coruña ofértanse 1.366 prazas en tres emprazamentos: Roteiros pola costa da morte, no Concello de Carnota; roteiro ‘Desde o mar’, no Albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo) e roteiro ‘Desde o ar’, no Aeródromo da Fervenza (Mazaricos).

No caso de Gandarío, os 30 participantes de cada fin de semana poderán realizar actividades náuticas de ruta en moto acuática, kaiak, actividades multiaventura de windsurf, skibus, kaiaksurf, bodyboard; e raid de orientación.

Pola súa banda, no Aeródromo da Fervenza, os 32 participantes por fin de semana poderán realizar actividades de multiaventura como rappel, escalada, ponte tibetana, ruta en bicicleta, tiro could; actividades náuticas como o piragüismo. Nesta instalación ofrécese a posibilidade opcional de realizar voos en ultralixeiro sobrevoado o Encoro da Fervenza.

En ‘Roteiros pola costa da morte’ os 30 participantes de cada fin de semana poderán realizar actividades náuticas de paddelboard e snorkel en seascooter, surf e kaiaksurf, skibus e avalancha; e actividades de multiaventura de montaña.