A estratexia de Xuventude da Xunta destina o 45% do seu orzamento ao fomento do emprego en 2011

27 Mar 2012

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, compareceu hoxe, a petición propia, no Parlamento de Galicia

O departamento autonómico destinou ao redor de 81 millóns de euros ao fomento do emprego xuvenil en 2011, con medidas que beneficiaron a preto de 25.000 mozos e mozas galegos

Máis de 17.000 mozos e mozas galegos teñen participado nalgún dos programas de formación para o empregoCONSE

No marco do Diálogo Social, de forma conxunta cos axentes sociais, foi consensuado o programa Forcon, pioneiro no Estado, e dirixido a mozas e mozos sen ou con baixa cualificación, que combina a formación en centros integrados cun contrato laboral dunha duración mínima de seis meses

No eido da mobilidade, este ano porase en marcha o programa ‘Galeuropa’, que vai ofrecer 200 novas prazas para realizar prácticas laborais en empresas de cinco países europeos e está previsto que dispoña dun orzamento de 530.000 euros

No marco da vivenda, grazas á redución de gravames impositivos, preto de 13.000 mozos e mozas aforraron máis de 23 millóns de euros nos dous últimos anos

Preto do 45% do total investido durante 2011 no Plan Estratéxico da Xuventude do Goberno galego, ao redor de 81 millóns de euros, destinouse a accións de fomento do emprego, cifra similar á prevista para este exercicio.

Así o indicou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no decurso dunha comparecencia a petición propia no Parlamento de Galicia, na que engadiu que estas medidas beneficiaron de maneira directa a preto de 25.000 mozos e mozas galegos aos que suman os preto de 1.500 que obtiveron axudas para darse de alta como autónomos.

Mato destacou no eido laboral as medidas encamiñadas a incentivar o emprego de maneira directa, a través de axudas a contratación, o que permitiu a contratación indefinida de preto de 2.000 mozos e mozas, así como a contratación temporal de mozos e mozas en situación de risco de exclusión social; e de maneira indirecta, a través do apoio á realización de prácticas en centros de traballo.

Tamén, na súa intervención Mato explicou que, a través dos programas de cooperación con entidades locais e outros organismos das administracións públicas, como universidades e entidades sen ánimo de lucro, facilitouse a contratación de preto de 2.300 mozos e mozas para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social. A estas cifras súmanse os 2.000 mozos e mozas con algún tipo de discapacidade

No eido da formación compre salientar que máis de 17.000 mozos e mozas galegos teñen participado nalgún dos programas formativos da Consellería que teñen como finalidade facilitar a súa incorporación ao mercado laboral.

Mato fixo especial fincapé no programa Forcon, consensuado no marco do Diálogo Social, de forma conxunta cos axentes sociais, un proxecto pioneiro no Estado, dirixido a mozas e mozos sen ou con baixa cualificación, que combina a formación en centros integrados cun contrato laboral dunha duración mínima de seis meses, e conta en 2012 cun orzamento de 1,4 millóns de euros aos que se suman os preto de 1,6 millóns de euros destinados a incentivos á contratacións realizadas dentro deste programa.

Tamén co obxectivo de mellorar a empregabilidade, a titular de Traballo e Benestar avanzou que nos próximos días se porá en marcha unha nova liña de subvención parcial para a obtención do carné de conducir, que vai acompañada dun curso complementario de responsabilidade na condución. Unha iniciativa que conta cun orzamento de 200.000 euros, que se repartirán en axudas de 200 euros para 1.000 mozos e mozas.

Medidas transversais de toda a Xunta
Beatriz Mato indicou que o plan ‘Xuventude 2013: una estratexia para a mocidade galega’ contempla medidas transversais que implican a todo o Goberno que ten investido en dous anos máis de 480 millóns de euros para este colectivo, dos que a metade foron destinados ao emprego, e que se compón de 286 medidas, das que xa están en marcha o 95%.

O plan contempla nove eixos: cinco de carácter xeral (educación, emprego, creatividade e espírito empresarial, vivenda e saúde e deporte) e outros catro específicos (mobilidade, voluntariado, información e formación, e participación e asociacionismo).

Ademais do eido laboral e formativo, o plan conta con outras medidas de apoio á mocidade, tales como as axudas directas para o aluguer, a compra ou a rehabilitación de vivendas, das que se beneficiaron máis de 24.000 persoas en 2011; e a redución de gravames impositivos, grazas ao que preto de 13.000 mozos e mozas aforraron máis de 23 millóns de euros nos dous últimos anos.

Apoio á mobilidade xuvenil
Beatriz Mato indicou que os programas de mobilidade, dos que existen mais de 2.300 prazas, fomentan o coñecemento de novos idiomas, culturas e costumes, a través de iniciativas como ‘Xuventude en Acción’, que contou con máis de 1.300 beneficiarios en 2011; o proxecto de prácticas profesionais no estranxeiro ‘Leonardo da Vinci’, no que participaron preto de 200 mozos e mozas e que permitiu que o 75% dos participantes conseguiran a inserción laboral; o ‘Xuventude no Mundo’ de intercambios en 12 países; ou o ‘Imaxina Atlántica’, centrado nas novas tecnoloxías da imaxe.

Unha oferta que repetirase este ano e ampliarase co novo programa ‘Galeuropa’, que vai ofrecer 200 novas prazas para realizar prácticas laborais en empresas de cinco países europeos e está previsto que dispoña dun orzamento de 530.000 euros.

Esta estratexia complétase con outras iniciativas, como o compromiso co voluntariado a través da Lei de Acción Voluntaria de Galicia aprobada por unanimidade o pasado mes de novembro e que garante que os voluntarios reciban unha certificación oficial que acredite a súa experiencia; o Plan Estratéxico de Acción Voluntaria, que recolle 89 accións para promover o voluntariado; ou o Servizo de Voluntariado Xuvenil, que o pasado ano permitiu a 150 voluntarios participar en 50 proxectos.

Por último, Mato referiuse á Lei de Xuventude de Galicia, que foi redactada por primeira vez por este Goberno, que recolle a obriga de levar a cabo un Plan Estratéxico de Xuventude en cada lexislatura. Para a redacción da mesma contouse coa participación de máis de 1.500 persoas e informouse a todos os concellos de Galicia, ás asociacións xuvenís, ás escolas de tempo libre, aos 20.000 mozos e mozas da base de datos de usuarios dos programas de Xuventude e aos 6.000 seguidores dos perfís da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado nas redes sociais.