Benestar organiza dous cursos de portugués en Verín para promover que a mocidade viva e traballe na zona transfronteiriza

06 Mar 2012

Estes dous cursos, de portugués técnico e de conversa en lingua portuguesa, están dirixidos a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos

Cada curso ten unha duración de 54 horas, e ambos desenvolveranse entre o 26 de marzo e o 27 de abril, de luns a venres

Xuventude tamén conta co curso online ‘Portugués para nós’, para fomentar o contacto e cooperación da xente nova de ambas beiras do Miño

A Oficina Transfronteiriza de Información Xuvenil da Eurocidade da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, vén de organizar dous cursos de portugués co obxectivo de promover a cooperación institucional en materia de políticas de xuventude, e para que os mozos e mozas se queden a vivir e a traballar na zona transfonteiriza galego-portuguesa.

Estes dous cursos, de portugués técnico e de conversa en lingua portuguesa, están dirixidos a persoas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, e enmarcados dentro do proxecto EUROCIDADE II, aprobado ao abeiro do Programa de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal 2007-2013 (POCTEP).

A iniciativa conta coa colaboración de entidades que apoian unha nova liña de actuación de promoción do espírito emprendedor da xuventude, e que programan actividades dirixidas a toda a mocidade que precise dunha formación adicional ou dunha serie de ferramentas de cara á participación en programas europeos, para dar os primeiros pasos para a creación dunha empresa, ou para o seu futuro profesional e laboral.

Cada curso ten unha duración de 54 horas, e ambos desenvolveranse entre o 26 de marzo e o 27 de abril, de luns a venres. Son presenciais e terán lugar na Casa da Xuventude de Verín, sita na avenida de Portugal, 11. É requisito imprescindible para a realización destes dous cursos que os interesados teñan coñecementos básicos de lingua portuguesa.

O número de prazas está limitado a 15 participantes por curso e para a adxudicación das prazas seguirase unha estrita orde de inscrición. Os interesados soamente poderán asistir a un dos dous cursos salvo que queden prazas vacantes nalgún deles. A inscrición será a través do formulario que se atopa no portal ‘www.xuventude.net’ e o prazo de inscrición estará aberto ata o 20 de marzo.

Para obter máis información, os interesados poderán chamar ós teléfonos: 981541688 ou 981544854, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou na dirección de correo electrónico: ‘xuventude@xunta.es’.

‘Portugués para nós’
Doutra banda, a Dirección Xeral de Xuventude, para fomentar o contacto e cooperación da xente nova da ambas beiras do Miño, puxo en marcha o curso online ‘Portugués para nós’, a través da plataforma ‘www.portuguesparanos.org’, que está dispoñible no portal ‘www.xuventude.net’ no apartado de programas europeos.

‘Portugués para nós’ permítelle á xuventude e á poboación en xeral ter un acceso cómodo ao ensino da lingua portuguesa. Neste senso, durante o 2011 a Dirección Xeral de Xuventude emitiu máis de 2.000 certificados deste curso.