Galicia acolle un curso para os 25 mozos procedentes de 15 países que participarán nas actividades do Servizo de Voluntariado Europeo

29 Feb 2012

VOLUNTARIADOO director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe en Santiago aos participantes nesta acción formativa que organiza a Consellería de Traballo e Benestar

O curso rematará o sábado, cando os participantes sairán cara ás comunidades autónomas onde realizarán o seu servizo voluntario europeo

O obxectivo é mellorar o coñecemento cultural da realidade española e galega dos voluntarios e as voluntarias

Santiago acolle ata o próximo sábado 3 de marzo un curso de formación para os 25 mozos e mozas que participarán nas actividades do Servizo de Voluntariado Europeo en España en diferentes comunidades autónomas. En concreto, desenvolverán nas diferentes rexións o seu labor de voluntariado en proxectos que terán unha duración mínima de 2 meses e máxima de 12.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, recibiu hoxe a estes voluntarios que proceden de 15 países: Alemaña, Gran Bretaña, Moldavia, Serbia, Turquía, Dinamarca, Letonia, Holanda, Polonia, Francia, Portugal, Finlandia, Italia, Bélxica e Liechtenstein.

Nestes momentos, os mozos e mozas están a realizar o curso de formación que ten como obxectivo mellorar o coñecemento cultural da realidade española e galega dos voluntarios e as voluntarias. Rodeiro explicou, ademais, que do que se trata é de presentar aos participantes as habilidades sociais mínimas indispensables para a convivencia e a solución de conflitos de relación, entre outras.

O curso estase a celebrar no centro coordinador de información e documentación xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. En concreto, están a ter lugar sesións informativas de formación lingüística, sociocultural, transformación e prevención de conflitos, coñecemento do programa Xuventude en Acción, dereitos e deberes dos voluntarios e cidadanía europea e participación, entre outras materias.

Así mesmo, estanse a celebrar diferentes obradoiros e intercambio de experiencias entre os voluntarios, xunto con actividades lúdicas como visitas culturais a Santiago e A Coruña.

Rodeiro sinalou que este curso enmárcase no Plan de Formación establecido pola Axencia Nacional que xestiona o programa Xuventude en Acción e o Servizo Voluntario Europeo do que é parte activa a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

O curso rematará o sábado coa saída dos participantes cara ás localidades onde realizarán o seu servizo voluntario europeo. Oito destes mozos e mozas que están a tomar parte desta acción formativa quedaranse en Galicia para axudar co seu traballo a entidades de acollida que lles proporcionarán a posibilidade de colaborar en proxectos de asociacións de recoñecida traxectoria. Así mesmo, adquirirán coñecementos, habilidades e destrezas que se enmarcan na educación non formal.

Por último, o director xeral de Xuventude destacou que o Servizo de Voluntariado Europeo ten, entre outros obxectivos, promover a participación cidadá e a relación con culturas distintas, desenvolver a solidariedade entre os máis novos e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas.

En 2011, un total de 31 mozos e mozas galegos participaron dunha subvención que lles permitiu colaborar en proxectos de voluntariado en diferentes países da Unión Europea, ao tempo que adquiriron coñecementos e competencias clave no eido da solidariedade e participación.

Así mesmo, un total de 47 voluntarios de diferentes países da Unión Europea realizaron durante 2011 a súa actividade voluntaria en Galicia en diferentes ámbitos que van desde o medio ambiente, actividades culturais con nenos e mozos ata apoio a colectivos da terceira idade o de persoas con discapacidade.