Xuventude organiza en colaboración coa Garda Civil obradoiros sobre seguridade na rede dirixidos a mozos e mozas e aos seus pais

07 Feb 2012

SERVICIO_QUEROTEA Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, a través do servizo Quérote +, desenvolveu hoxe en colaboración co equipo de investigación tecnolóxica da Garda Civil un obradoiro de ciberbullying no colexio Manuel Peleteiro de Santiago con motivo do Día Mundial da Seguridade en Internet. ‘Convivencia e redes sociais’ é o título destes talleres onde se abordan os comportamentos e aptitudes para evitar casos de acoso escolar ou de acoso informático.

Trátaste dun dos 26 obradoiros deste tipo que se están a celebrar ao longo do curso escolar 2011-2012 na provincia da Coruña e que están dirixidos tanto a mozos e mozas como aos seus pais e nais. De feito, Xuventude e a Garda Civil xa realizaron 20 cursos e están pendentes a organización doutros 6 en diferentes institutos e escolas de pais e nais da provincia.

O responsable de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou o obradoiro celebrado no centro educativo Manuel Peleteiro co obxectivo de difundir entre os mozos e mozas a importancia de navegar con seguridade pola rede. “Con estes obradoiros queremos dotar aos alumnos da ESO das ferramentas necesarias para acadar esta seguridade tanto desde os ordenadores como desde os móbiles”, apuntou.

Rodeiro explicou, así mesmo, que a colaboración entre o servizo Quérote + e a Garda Civil xurdiu ao ser complementarios dous enfoques da seguridade en Internet. Desta forma, a Dirección Xeral de Xuventude centra o seu labor en reforzar certas habilidades e destrezas que lles axuden aos mozos e mozas a resolver os conflitos, sen que cheguen a producirse situacións máis graves.

Pola súa banda, a Garda Civil traballa desde a actuación ante situacións reais xa de conflito, é dicir, dando pautas de actuación e dando a coñecer o labor dos axentes ante este tipo de situacións. “Son polo tanto actuacións a niveis diferentes que se complementan e aportan ingredientes distintos”, subliñou Rodeiro.

Por outro lado, o director xeral de Xuventude lembrou que os obradoiros de ciberbullying non son os únicos que organiza o servizo Quérote +. Así, destacou que o curso 2011/2012 rematará coa celebración de máis de 2.300 talleres que versarán sobre tres temáticas diferentes: ‘Afectividade, sexualidade e imaxe corporal’ que aborda as problemáticas que xorden a través dos conflitos que teñan como base estas tres circunstancias; ‘Prevención de consumos’, que trata os problemas derivados das drogas e de outras substancias nocivas, poñendo en valor o ocio alternativo entre os mozos e mozas; e os centrados en ciberbullying.

No curso pasado, 2010-2011, os obradoiros de Xuventude chegaron a máis de 44.000 mozos e mozas de 243 institutos de Educación Secundaria e 178 centros de Formación Profesional, unha cifra que, segundo resaltou o director xeral, se prevé incrementar este curso poñendo a disposición de todos os centros de secundaria esta programación.

Así mesmo, Rodeiro explicou que, ademais dos centros educativos, estas iniciativas tamén se ofertan a outros colectivos como asociacións xuvenís, oficinas de información xuvenil, entidades ou ás asociacións de pais e nais dos propios colexios e institutos.

Por último, o director xeral de Xuventude sinalo que a intervención dos técnicos do servizo Quérote + realízase tanto a nivel individual como grupal. De maneira individual, a través de consultas dos usuarios, de xeito presencial nas oficias deste servizo, por medio de chamadas telefónicas ou preguntas on line. De maneira grupal, mediante accións formativas, a través das mesas informativas, da participación en congresos e eventos de interese para a mocidade e dos programas de mediación xuvenil.