Xuventude colabora na campaña ‘sen límites, máis que capaces’ para a visibilización da diversidade funcional

03 Dec 2011

DIVERSIDADE_FUNCIONALO Centro Quérote+ da Coruña, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, e o Concello da cidade herculina puxeron en marcha a campaña ‘Sen límites...máis que capaces’ para a visibilización da diversidade funcional, que se prolongará ata mañá, domingo 4 de decembro.

Con motivo da celebración hoxe do Día Internacional das Persoas con Diversidade Funcional, esta campaña de tres días de duración, que se iniciou onte venres coa celebración no centro cívico dos Mallos da cidade herculina dunhas xornadas dirixidas as familias e que abordaron a diversidade funcional desde o punto de vista das Administracións Públicas e das asociacións.

Esta xornada contou coa presenza de máis dun centenar de asistentes que, a partir das diferentes intervencións, puideron reflexionar sobre os aspectos a ter en conta para fomentar a inclusión, tales como a diferenciación coa integración ou os dereitos civís da diversidade funcional e o papel das familias e das entidades nesta materia.

Ademais, ao longo de toda a fin de semana estará instalada unha carpa no Obelisco na que o centro Quérote+ difundirá as accións que leva a cabo no campo da diversidade funcional, mentres que outras seis entidades darán a coñecer o seu labor e venderán obxectos que realizan nos centros ocupacionais.

No eido da diversidade, o centro Quérote+ desenvolve programas nos que trata asuntos como os hábitos saudables, convivencia, hixiene e autoestima que se dirixen á mocidade, as familias e a técnicos.O labor deste centros destaca por contar con profesionais con 5 anos de experiencia nesta materia que se desprazan ata a entidade en calquera horario.

A organización prevé a presenza de arredor dun millar de persoas na carpa, que se pode visitar en horario de 12,00 a 20,00 horas. Nela están a participar o centro ocupacional Pascual Veiga, a Asociación para A Integración do Neno Diminuído (AIND), a Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM-FEAFES), a Asociación de Pais para a Formación de Xóvenes Límite (Artefios), a Fundación ADCOR e a Asociación pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (ASPRONAGA).

A campaña ‘Sen límites...máis que capaces’ reflicte a necesidade de romper coas dificultades que veñen impostas pola sociedade o polos propios afectados por algunha doenza. O eixo fundamental é o término inclusión, unha ferramenta fundamental para erradicar posibles desigualdades, discriminacións e exclusións e fomentar o respecto, a tolerancia e a diversidade.