Mato pon en valor o voluntariado como “un dos signos de madurez y solidariedade” da sociedade

29 Nov 2011

CONGRESOA conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe o XIV Congreso Estatal do Voluntariado, que se celebra ata o xoves na Coruña

O Congreso, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, reúne desde hoxe na cidade herculina a máis dun millar de participantes de toda España

A Lei Galega de Acción Voluntaria, que se aprobou no Parlamento e por unanimidade hai só uns días, garante por primeira vez ás persoas voluntarias a certificación oficial da súa labor e experiencia

O Plan de Voluntariado consta de 89 medidas repartidas en 3 áreas de intervención: a sensibilización, o apoio e a coordinación

Galicia conta con 40.000 voluntarios e con 800 entidades incluídas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria

Máis de 10.000 voluntarios e voluntarias participaron nas diversas accións postas en marcha pola Consellería de Traballo e Benestar en Galicia neste Ano Europeo do Voluntariado, un ano que terá como broche de ouro a celebración do XIV Congreso Estatal de Voluntariado, que se está a celebrar desde hoxe e ata o xoves na Coruña.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe o Congreso en Palexco e lembrou que nestes doce meses o departamento puxo en marcha numerosas iniciativas que abarcaron temáticas tan diversas como a educación ambiental, a protección ao patrimonio cultural ou o fomento do voluntariado entre os estudantes de Primaria e Secundaria.

Beatriz Mato confiou en que o programa do Congreso contribúa a fortalecer a posta en valor do voluntariado “como un dos signos da madurez e solidariedade das nosas sociedades” nun momento en que é necesaria a unión de esforzos para construír un novo modelo de sociedade integradora, inclusiva e participativa, máis humana e coa forza dos valores.

Segundo subliñou a titular de Benestar na súa intervención, Galicia conta con 40.000 voluntarios e con 800 entidades incluídas no Rexistro de Entidades de Acción Voluntaria. Así, estímase que o 17% da poboación a nivel nacional ten participado nalgunha acción voluntaria no último ano e o 31% da cidadanía fíxoo nalgunha ocasión.

Lei Galega de Acción Voluntaria
Mato sostivo que 2011 está a ser unha gran plataforma de impulso a esta materia como se reflicte na aprobación, hai só uns días, no Parlamento e por unanimidade, da Lei Galega de Acción Voluntaria, unha norma que actualiza a anterior, que tiña 11 anos, e adapta seus obxectivos as últimas directrices europeas. Ademais, garante por primeira vez ás persoas voluntarias a certificación oficial da súa labor e experiencia; crea o Observatorio Galego de Voluntariado e Consello Galego de Acción Voluntaria que dará más participación ás entidades que terán máis presenza que as administracións.

A aprobación da Lei supón un dos chanzos básicos do desenvolvemento do terceiro Plan Galego de Acción Voluntaria, que rematará no 2014. Un Plan concibido como unha ferramenta e estratexia participativa elaborada con máis de 800 entidades sociais do terceiro sector de ámbitos como a discapacidade, as ONG, as universidades ou os concellos.

O Plan consta de 89 medidas repartidas en 3 áreas de intervención: a sensibilización, o apoio e a coordinación. Con elas actuarase en 7 ámbitos para a promoción do voluntariado: difusión, reflexión e estudo, promoción, formación, xestión, coordinación e cooperación. Mato sostivo que un dos puntos fortes desta aposta é a formación. De feito, ao longo de 2011 desenvolvéronse 28 accións nesta materia (xestión de entidades, accións de voluntariado ambiental e no eido social…) nas que participaron mais de 6.500 persoas.

Así mesmo, a conselleira apuntou que a promoción do voluntariado entre as persoas maiores e as persoas con discapacidade pode aportar un impulso á súa participación social. Neste senso destacou o proxecto europeo Grundtvig ‘Ways of Solidarity’ que ten como obxectivo fomentar o intercambio de aprendizaxe intercultural entre os voluntarios sénior de España e do Reino Unido, e que rematará o 31 de agosto de 2013.

Este ano tamén se puxo en marcha o Servizo de Voluntariado Xuvenil, unha iniciativa novidosa, pioneira e experimental a nivel de todo o Estado. Basease na posta en marcha en paralelo dunha bolsa de persoas voluntarias e unha de proxectos de voluntariado co obxectivo de poñer en contacto as dúas bandas. No seu primeiro ano de funcionamento a Consellería de Traballo e Benestar apoiou medio centenar de proxectos, un éxito que supuxo triplicar o seu orzamento para o ano 2012 ata os 210.000 euros.

‘Voluntariado sen fronteiras’
O periodista, escritor e director xeral de Sonrisas de Bombay, Jaume Sanllorente, foi o encargado de impartir a conferencia inaugural do congreso baixo o título ‘Voluntariado sen fronteiras’. A conselleira Beatriz Mato destacou que Sanllorente foi quen de transformar nunha “fermosa realidade o ‘chispazo’ da solidariedade e da acción voluntaria”, polo que considerou que “é unha desas persoas necesarias para que o mundo avance en positivo”.

O XIV Congreso Estatal de Voluntariado, organizado pola Consellería de Traballo e Benestar coa colaboración do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, reúne na Coruña desde hoxe a máis dun millar de participantes de toda España para analizar a realidade das políticas e proxectos que se están a desenvolver nesta materia tanto a nivel nacional como internacional.

Jaume Sanllorente é o primeiro dos 38 poñentes deste Congreso, que clausurarán as súas Altezas Reais os Príncipes de Asturias. Don Felipe de Borbón fará entrega dos Premios Estatais do Voluntariado Social 2011.