Mato subliña a importancia dos intercambios e a mobilidade para fomentar a inserción laboral na mocidade

06 Out 2011

OVIDIOA conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou a importancia de fomentar os intercambios e a mobilidade para impulsar a empregabilidade dos mozos e mozas, un feito que xa é unha realidade en Galicia, se ben aplicalo na loita contra a exclusión social, como fai o proxecto “A Ida”, supón, a seu xuízo, “un paso máis” que valorou “positivamente”.

A conselleira recibiu hoxe en Padrón (A Coruña) aos 16 mozos e mozas e as empresas participantes no proxecto ‘A Ida’, unha iniciativa froito dun convenio de colaboración entre a Fundación Paideia Galiza e o Instituto IBI de Berlín que ten como obxectivo a estancia na provincia da Coruña de mozos e mozas alemáns en risco de exclusión social para a realización de prácticas nos ámbitos da hostalería, restauración, turismo e xardinería.

Na súa intervención, Mato apuntou que durante 2010 mais de 7.500 mozos e mozas galegos participaron nos 22 programas de mobilidade organizados pola Xunta. De eles, 2.563 tomaron parte das iniciativas que organiza directamente a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Ademais apuntou que nos seis primeiros meses deste ano logrouse a inserción laboral de preto de 300 persoas que participaron nos itinerarios personalizados do Plan Galego de Inclusión Social desenvolvido pola Xunta de Galicia.

O Goberno galego leva a cabo desde hai 10 anos este plan, a través do que se desenvolven diferentes accións para axudar a persoas en risco de exclusión a saír desta situación reforzando as súas habilidades sociais e persoais, así como a súa preparación laboral.

Beatriz Mato indicou que ‘A Ida’ “é unha mostra mais de que a coordinación e a suma de esforzos é a primeira garantía de éxito para calquera proxecto e tanto mais nunha materia tan sensible como é a exclusión social, na que é necesario buscar itinerarios que permitan romper o círculo vicioso ou sen saída que moitas veces supón esta situación, e que impulse estas persoas cara a un posto de traballo e á normalización plena”.

Por último, a titular de Benestar referiuse aos resultados “francamente positivos” do proxecto ‘A Ida’ posto en marcha hai dous anos cunha inserción laboral do mais do 62% dos participantes e destacou a colaboración entre a Administración alemá, os concellos das comarcas do Barbanza, O Sar, Muros e Noia, e as empresas, tanto para a súa estancia, como para a realización de prácticas pre-laborais.

Proxecto ‘A Ida’
A Fundación Paideia, en colaboración co instituto IBI alemán, leva desde o ano 2009 acollendo grupos de mozos e mozas alemáns en risco de exclusión social. Paideia recibe a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade en estancias de tres meses ao longo de todo o ano. O proxecto está financiado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais alemán e o Fondo Social Europeo.

Os aloxamentos teñen lugar nas comarcas do Barbanza, O Sar, Muros e Noia, a través da rede de turismo rural Ruralover. Paideia establece convenios de colaboración coas empresas da zona onde realizan prácticas pre-laborais.