As xornadas de banda deseñada que acolle desde hoxe a Casa da Xuventude de Ourense centraranse na figura de Benito Losada

05 Out 2011

OVIDIOA 23 edición das Xornadas da Banda Deseñada, que se celebran desde hoxe e ata o 18 de outubro en Ourense, estarán dedicadas á memoria de Benito Losada, o finado director da Casa da Xuventude e coordinador deste evento desde os seus inicios, a través dunha exposición colectiva que se ubicará na propia Casa da Xuventude.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe esta mostra, na que 16 autores de cómic galegos, colaboradores habituais do festival, cederon varias páxinas de distintos momentos das súas carreiras, nas que condensan a súa traxectoria no medio e, en certo modo, fan unha retrospectiva da historia das propias Xornadas.

Así, nas mesmas reflíctense os 23 anos nos que Ourense asistiu aos primeiros pasos amateurs destes debuxantes no seu concurso de BD para a mocidade; presenciou as súas iniciativas de autoedición e, en moitos casos, testemuñou a súa profesionalización. Trátase dun paseo pola historia das Xornadas no que quedará patente a figura de Losada como promotor dunha xeración de debuxantes que triúnfan en Galicia e no estranxeiro.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, indicou que “o fomento da creatividade xuvenil e, a través de ela, do emprendedurismo, é unha das apostas máis claras da ‘Estratexia Xuventude 2013’ da Xunta de Galicia, e xorde como expresión da confianza que temos nas moitas posibilidades que atesouran os novos artistas galegos”. Ao seu xuízo, “as accións xuvenís deben estar sempre na vangarda, e ter un punto rebelde” de xeito que “debemos ser capaces de apoiar a liberdade creativa dos mozos e mozas, sen tutelas innecesarias”.

Rodeiro lembrou que desde a Dirección Xeral de Xuventude se teñen iniciadas unha serie de accións destinadas a levar as obras dos certames de creatividade xuvenil a escenarios e locais de exposición de Galicia e mesmo tamén de Castela e León e Portugal. Ademais, no vindeiro mes de novembro iniciarase un programa de estadías creativas nos albergues xuvenís galegos.

Tamén haberá espazo nas Xornadas para renderlle tributo ao colectivo Polaqia, un dos grupos de autores de cómic galegos máis activos nesta última década, que anunciou a súa disolución para finais de 2011. No Museo Municipal recuperarase a exposición que puido verse no edificio Normal da Universidade da Coruña o pasado verán, na que máis de 50 orixinais aproximarannos aos 10 anos de traballo deste colectivo.

A habitual mostra dedicada aos gañadores e accesits da edición anterior do certame de cómic e ilustración organizado anualmente polo Instituto de la Juventud (Injuve) pechará o panorama expositivo desta edición.

Demo Editorial, galardoada co Premio Ourense
O Premio Ourense de BD, que cada ano outorgan as Xornadas para distinguir as iniciativas e traxectorias máis importantes dentro do panorama da banda deseñada galega, recae este ano 2011 en ‘Demo Editorial’, por apostar pola publicación de cómics de autores galegos emerxentes e en lingua galega e pola recuperación do patrimonio histórico de Galicia mediante un medio de entretemento como é a novela gráfica.

‘Demo Editorial’ é unha iniciativa do debuxante coruñés Manel Cráneo, e iniciou a súa andadura en marzo de 2009 coa aparición de ‘Os lobos de Moeche’, do propio Cráneo, cunha trama ambientada na Guerra Irmandiña. Dentro do seu catálogo, destacan as obras gañadoras das últimas edicións do Premio Castelao, organizado pola Deputación da Coruña: ‘Sen mirar atrás’ de Dani Montero, e ‘A man do diaño’, de Brais Rodríguez. Como é habitual, o Premio Ourense de BD, que chega así á súa 22ª edición, consiste nun trofeo elaborado expresamente para a ocasión polo artista plástico Manolo Figueiras.

Un cartel de José Domingo
O cartel desta edición das Xornadas foi realizado por José Domingo, o gañador da última edición da modalidade de banda deseñada do concurso ‘Xuventude Crea’. Tamén se publicará un novo número do habitual ‘Fanzine das Xornadas’, a revista con toda a información sobre esta “festa galega do cómic”.