O IES Rosalía de Castro desprazarase ao Parlamento europeo de Estrasburgo tras gañar o premio europeo “Euroescola”

28 Set 2011

OVIDIOO director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, fixo hoxe entrega dos diplomas que acreditan ao equipo gañador de Galicia da XVII edición do concurso ‘Euroescola 2011’ --un xogo ‘online’ de habilidades, destrezas e coñecementos, vinculado a temas de gran transcendencia europea--, o IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.

O equipo gañador obtivo como premio a participación, con outros mozos e mozas de toda Europa, en sesións do Parlamento Europeo en Estrasburgo, e unha axuda económica para sufragar parte dos gastos da viaxe. O equipo gañador do IES Rosalía de Castro partirá para a cidade francesa o vindeiro 7 de outubro.

Os mozos e mozas gañadores tamén poderán gozar de maneira gratuíta dunha estadía de fin de semana no Albergue Xuvenil de Forcarei, participando no programa de multiaventura e ocio alternativo ‘Roteiros’, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

‘Euroscola 2011’ é un concurso convocado pola Oficina do Parlamento Europeo en España, destinado a mozos e mozas de entre 15 e 18 anos de idade, que estudan ensinanza secundaria obrigatoria, bacharelato ou ciclos de formación profesional de grao medio en centros españois. Para participar é necesario inscribirse por equipos, formados por 10 alumnos e un profesor que é o líder.

Trátase dun xogo ‘online’ de habilidades, destrezas e coñecementos, vinculado a temas de gran transcendencia europea. Por cada Comunidade Autónoma houbo un finalista. Os 9 equipos mellor clasificados de entre todos os finalistas serán os gañadores da viaxe. Cada gañador debe ser dunha Comunidade Autónoma diferente.

Nesta edición, coincidindo co Ano Europeo do Voluntariado 2011, o tema central deste xogo interactivo educativo foi o de fomentar o voluntariado entre a mocidade no marco da Unión Europea, e conciencialos sobre o importante papel que posúe o voluntariado como expresión da participación cidadá no desenvolvemento cultural, político, económico da sociedade.

Así mesmo, preténdese que os mozos e mozas poidan entender que o voluntariado é un compromiso social responsable e non remunerado, e que os participantes debatan e reflexionen sobre a labor que levan a cabo ONGs e voluntarios.

Do mesmo xeito, o concurso fomenta o uso de Internet como ferramenta educativa, informativa e comunicativa e a aprendizaxe doutra lingua, fundamental para conseguir unha Europa unida. Por iso o xogo desenvolveuse en dúas versións lingüísticas, castelán e inglés. Os participantes puideron optar a calquera dos dous idiomas.

O coñecemento doutras linguas europeas por parte dos participantes é moi importante porque os gañadores que viaxen no programa ‘Euroescola’ a Estrasburgo deberán integrarse en reunións de comisións parlamentarias, as que se desenvolverán en inglés ou francés e nas que non haberá intérpretes.

Hai que destacar que o concurso ‘Euroescola’ é un proxecto pedagóxico de ‘Educación en valores’. Os puntos que decidiron os gañadores obtivéronse a través de traballos que foron o resultado da reflexión dos alumnos e das súas propostas orixinais e documentadas.
‘Euroescola’ conta coa colaboración da Representación en España da Comisión Europea, o OAPEE (Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos), os organismos de educación e xuventude da grande parte das Comunidades Autónomas e das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla, o Consello da Xuventude de España e a Secretaría de Estado para a Unión Europea do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, no marco da campaña ‘Falamos de Europa’.