A Dirección Xeral de Xuventude pon a disposición da mocidade máis de 950 prazas para participar en campos de traballo en Galicia, no resto de España e no estranxeiro

20 Abr 2016
  • Constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade
  • O prazo de presentación de solicitudes abrirase o venres 22 de abril
  • Os campos enmárcanse na Campaña de Verán da Consellería de Política Social, na que se investirá 2,6 millóns de euros

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, abrirá este venres día 22 o prazo de inscrición nos campos de traballo da Campaña de Verán da Consellería de Política Social. Os mozos e mozas galegos poderán escoller entre participar nos campos de traballo que se organizan en Galicia, ou ben ir aos que se celebran noutras comunidades españolas ou en 31 países de Europa, Asia, África e América.

Os campos de traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que engloban experiencias de participación, de voluntariado e de mobilidade. Son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de xeito altruísta e solidario, poñendo o seu gran de area para mellorar a nosa sociedade. Tamén promoven a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal. Así mesmo, fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos rapaces e rapazas a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países, polo que participar nesta oferta de mobilidade e de intercambio de experiencias, axuda ao desenvolvemento de valores de convivencia, tolerancia ou o traballo en equipo.

A Consellería de Política Social organiza un total de 24 campos de traballo na comunidade nos meses de verán, que terán lugar en Outes, A Laracha, Ponteceso, Boqueixón, Rois, Betanzos, Curtis, Vedra, Ribeira, Coirós, Folgoso do Courel, Portomarín, Becerreá, Pantón, Quiroga, Xermade, Muíños, Celanova, Vilamarín, Ourense, A Peroxa, Illas Cíes (4 quendas), Cotobade e Vilanova de Arousa.

Este ano Galicia conta con 958 prazas para que participen rapaces e rapazas de entre 18 e 30 anos en campos de traballo, das que 370 son de envío a outras comunidades autónomas (120 prazas) e a outros países (250 prazas) e 588 de acollida, nos campos que organiza a nosa comunidade. Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo.

Os campos de traballo enmárcanse dentro da Campaña de Verán 2016 que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Esta campaña é a máis inclusiva e importante dos últimos anos no que se refire a número de prazas ofertadas. En total, son 9.046 as prazas que se ofrecen, o que significa incrementar nun 6% as prazas dispoñibles no ano pasado.


Ademais destes campos, a campaña de verán inclúe albergues, campamentos e actividades de ocio e tempo libre para a mocidade. A Consellería de Política Social destina un orzamento de 2,6 millóns de euros a esta campaña.

Cómpre destacar que, outro dos aspectos positivos da campaña está no impulso ao emprego que leva aparellada. Grazas ao desenvolvemento destas actividades, as empresas de ocio e tempo libre de Galicia darán traballo a máis de 900 monitores/as e directores/as de campamentos.

Os interesados e interesadas nesta campaña, xa poden consultar toda a información relativa á mesma enhttp://xuventude.xunta.es