A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia colabora coa Universidade da Coruña nas segundas xornadas Mulleres detrás dos videoxogos.
Ao seu abeiro, está a achegar dende a súa sede en Cangas do Morrazo a que sería, en palabras da fundación, “a primeira exposición de corte museístico, exclusivamente virtual interactiva, cun enfoque feminista, histórico e social”. Pódese ver na web do MUVI, nun apartado específico centrado nas xornadas.
Navegando pola mostra, os visitantes terán a posibilidade de gozar “cunha experiencia profunda”, con gran cantidade de información audiovisual e con ligazóns externas que nos convidan a afondar en diferentes vertentes da temática tratada”, explican, engadindo que se “trata dun resumo práctico, elegante e innovador que trata de poñer cara e contexto a algunhas das mulleres máis relevantes da industria a través dun percorrido cultural, ambientado no único museo sobre videoxogos de Galicia”.
A xornadas
A Facultade de Ciencias de Comunicación da UDC organiza a segunda edición das xornadas internacionais Mulleres detrás dos videoxogos, que este ano celébraranse de forma virtual, dende o día 2 ao 9 de outubro. A actividade achega un programa que combina relatorios e faladoiros en directo, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo e unha exposición virtual sobre pioneiras dos videoxogos.
A exposición virtual
A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia presenta un modelo de exposición que permitirá descubrir e analizar ao longo de case 50 anos de historia a obra dunha chea de mulleres vencelladas ao eido do lecer interactivo, dende os comezos ata a actualidade, “fomentando deste xeito a comprensión e alcance do seu legado”, explican dende o MUVI. Na visita virtual teremos acceso íntegro aos espazos do museo e neles poderemos atopar instalacións expositivas distribuídas en puntos de referencia, con videoconsolas e videoxogos representativos das biografías de cada unha das mulleres abordadas na mostra.